Ribadavia protagoniza o Nadal con propostas culturais, musicais, artesanais e familiares ata o 6 de xaneiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Nadal 2025/26 xa se vive en Ribadavia. O pasado sábado, 29 de novembro, a vila deu oficialmente comezo ás festas coa celebración do III Malgosto, que tivo lugar ao mediodía na Madalena, e coa Gala de Encendido das Luces, que reuniu numeroso público na Praza Maior e incluíu un concerto especial do grupo Broken Peach. A partir deste arranque festivo, o Concello presenta unha programación de Nadal variada, con propostas culturais, musicais, artesanais e familiares ata o 6 de xaneiro.

A actividade continuará con citas tradicionais como o Mercado de Nadal EAR, que se celebrará na Alameda do 5 ao 8 de decembro e na Madalena os días 12, 13, 14 e 19, 20 e 21. A artesanía e os produtos locais estarán representados no Artesanía, Saber e Sabor, que terá lugar do 5 ao 8 de decembro: o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado, domingo e luns de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Pola súa parte, o Belén de Julio Dabarca poderá visitarse na Igrexa de Santiago desde o 29 de novembro ata o 6 de xaneiro.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Nestas datas festivas, o goberno municipal non esquece as necesidades da veciñanza no ámbito da conciliación. O Concello manterá manterá dúas propostas dirixidas ás familias: Concilia Nadal, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro no antigo Colexio Alameda en horario de mañá, e o Ribanadal, que terá lugar do 22 de decembro ao 4 de xaneiro na Maquiáns en horario de tarde e que volverá a traer os inchables ao Nadal ribadaviense.

A música terá un protagonismo especial ao longo de todo o Nadal. O 13 de decembro actuará A Pedeira Grupo Musical na Praza de San Xoán; o 19 celebrarase o Concerto de Acordeóns de Bieito Blanco na Igrexa de San Xoán; o 20 será a quenda do Coral Club Artístico; e o 21 chegará á Praza de San Xoán Uxía Lambona e a súa Banda Molona. Na mesma praza, o 26 de decembro ofrecerán concerto Pablo Vila y los Tripulantes.

A Casa da Cultura acollerá varios eventos destacados: o espectáculo teatral “Memoria dun tempo” o 21 de decembro; o concerto especial “Unha viaxe ao corazón dos contos” o 27, con pases ás 17:00 e 19:30 horas; e o concerto de Marty’s Band o 28 ás 19:00 horas.

O cartel actualizado incorpora dúas novas citas musicais na Praza Maior: o Concerto Chemigal, que se celebrará os días 24 e 31 de decembro ás 19:00 horas, e o Concerto Aninovo da Xove Orquestra Ourensana, que terá lugar o 4 de xaneiro ás 17:30 horas na Igrexa de San Xoán.

A programación familiar inclúe tamén o obradoiro “Crea os teus propios contidos dixitais I” o 11 de decembro na Casa da Cultura; a Exhibición de baile moderno o 12; e dúas visitas de Papá Noel: o 18 de decembro aos centros educativos e o 20 ás 18:00 horas na Praza Buxán. O Apalpador visitará Nosa Señora dos Anxos o 21 ás 12:00 horas e a Madalena ás 13:00 horas.

O deporte tamén terá o seu espazo coa 10ª Carreira Popular, que se celebrará o 14 de decembro ás 11:00 horas na Praza Maior, e co encontro de xadrez Xaque Mate!, o 15 de decembro ás 19:30 horas en Huella del Gato. O 18 de decembro celebraranse o Festival da Escola de Música e Conservatorio Municipal e a actividade Barlingüismo en Aljama/Huella del Gato.

A recta final do programa incluirá o concerto de Addicted to Tina o 3 de xaneiro na Praza de San Xoán ás 20:00 horas; a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro ás 17:00 horas; e o espectáculo infantil Cuentiños Musiquiños, que poñerá o broche final ás festas o 6 de xaneiro ás 17:30 horas na Praza de San Xoán.

Con esta programación renovada e diversa, Ribadavia ofrece un Nadal cheo de música, cultura e actividades pensadas para todos os públicos. A capital do Ribeiro quere volver a ser protagonista este Nadal e facéndoo cunha oferta coa cultura, o comercio local e a participación cidadá como protagonistas, ofrecendo un Nadal diverso e pensado para todas as idades e, por suposto, no ambiente máxico das súas rúas empedradas e iluminadas que conquistaron o ano pasado o concurso Ferrero Rocher.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------