Cine Club Carballiño retoma o día 9 as súas proxeccións cunha escolma dos filmes máis recentes e galardoados

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cine Club Carballiño reanuda a súa programación habitual tra-lo parón das festas de Nadal e Reis cunha escolma do cinema máis recente nos meses de xaneiro e febreiro, onde coma sempre haberá cine español entre as películas escollidas, aproveitando a festa dos Premios Goya.

O programa comeza o día 9 de xaneiro con “On falling”, unha película de cine social británica dirixida e escrita por Laura Carreira, cineasta portuguesa afincada en Escocia e que debuta como directora nesta longametraxe premiada no Festival de San Sebastián coa Concha de Plata á Mellor dirección e no BFI de Londres co Premio á Mellor opera prima. O ciclo prosegue o dái 16 con un filme francés dirixido por Emmanuel Mourat, “TRes amigas”, mestura de drama e comedia de enredos que obtivo un gran éxito nas salas do país veciño.

O día 23 de xaneiro, Cine Club proxecta “Kontinental’25”, de Rado Jude, director rumano que con esta sátira política cargada de mala uva obtivo o Oso de Prata ao Mellor guión no Festival de Berlín. E pecha o mes de xaneiro o día 30 cunha das citas máis esperadas da tempada: “Father, mother, sister, brother”, o último filme de Jim Jarmusch, con actores tan coñecidos como Adam Driver, Ton Waits, Cate Blanchett ou Vicky Krieps entre outros. Foi a gañadora do León de Ouro á mellor película no Festival de Venecia e é unha auténtica ledicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

E se o remate de xaneiro foi forte, tamén comeza forte febreiro o día 6 co filme tunecino “La voz de Hind”, unha película impactante e necesaria que obtivo o Premio do Público en San Sebastián e o Gran premio do Xurado en Venecia, entre moitos outros galardóns internacionais.

Os filmes restantes deste mes son tres magníficas produccións nacionais que Cine Clube aínda tiña pendentes de proxectar: “Maspalomas”, de José María Goneaga e Aitor Arregui, e que conta con unha magnífica interpretación de José Ramón Soroiz, que gañou o premio en San Sebastián. A súa proxección será o venres 13 de febreiro. O venres seguinte, o día 20, ofrecerase “Los tortuga”, que confirma á súa directora, Belen Funes, coma un dos mellores talentos do cinema español. A película gañou tres premios en Málaga: Premio especial do Xurado, Mellor dirección e Mellor guión. E pecharase o programa de febreiro o venres 27 cunha das grandes sorpresas deste ano, “Jone, a veces”, de Sara Fantova, mención especial do Xurado en Málaga. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------