O BNG pide transparencia e criterios claros no proxecto de peonalización da contorna da Praza Maior do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG do Carballiño solicita ao goberno municipal explicacións detalladas sobre o proxecto de peonalización da Praza Maior, anunciado tras a reunión mantida a semán pasada entre membros do goberno local e representantes da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Segundo afirmou o alcalde, esta actuación estaría incluída no Plan Hurbe e contaría cun investimento aproximado dun millón de euros.

Desde o BNG queren deixar claro que defendemos como prioritarias as actuacións encamiñadas á humanización de vilas e cidades do noso país, tal e como demostramos alí onde gobernamos. “Entendemos a humanización como a creación de espazos amplos e accesibles para o desfrute das persoas, e non como zonas destinadas á ampliación de terrazas ,almacenamento de mobiliario privado ou para ser ocupadas continuamente por atraccións de feira”, apunta o responsable local nacionalista, Manuel Chan. Por este motivo, reclaman ao goberno municipal que faga público o proxecto completo da intervención e que aclare se a súa execución pode supoñer un empeoramento da mobilidade na vila, provocando a saturación do tráfico noutras rúas ou a supresión de prazas de aparcadoiro.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así mesmo, o BNG solicita que sexan explicados os criterios empregados para priorizar esta actuación fronte a outras necesidades urxentes do Concello. “O Carballiño conta con numerosas rúas cun firme moi deteriorado, beirarrúas excesivamente estreitas nas que non poden circular dúas persoas ao mesmo tempo, o que dificulta gravemente a mobilidade das persoas con diversidade funcional ou de quen se despraza con carriños de bebé, entre outras carencias”, indican.

Tamén se preguntan por qué se priorizou esta obra fronte a outros proxectos de interese xeral, como a ampliación da Praza da Veracruz, ou a ampliación do túnel dos Catro Camiños para crear unha ampla zona de lecer nun dos barrios máis poboados da vila, ou rematar as intervencións xa existentes como as do barrio de Flores coma exemplos.

Consideran imprescindible que os criterios seguidos para priorizar esta actuación sexan explicados de maneira clara á sociedade carballiñesa, tendo en conta que O Carballiño arrastra as consecuencias dun urbanismo sen control en épocas pasadas, no que se antepuxeron intereses privados a un desenvolvemento sostible e humanizado. “Por iso, toda actuación no ámbito urbanístico debe ser absolutamente transparente, garantindo que responde ao interese xeral e non ao bneficio duns poucos”, demandan.

Por último, dende o BNG do Carballiño fan un chamamento ao goberno local para que “sexan dados dunha vez por todas, os primeiros pasos na elaboración dun proxecto integral de mobilidade para o concello, no que se conte coa participación activa da veciñanza e que marque con claridade o modelo de concello que queremos para o futuro”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------