Manuel Pardo resalta o labor da Coral de Ruada a prol da música tradicional galega

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O delegado territorial valorou positivamente a recente declaración como Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais  “que recoñece o sentir de toda Galicia”
  • Manuel Pardo louvou a súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música
  • Na actualidade a Coral de Ruada centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro
  • Non deixou pasar a ocasión Manuel Pardo para trasladarlle unha vez máis os parabéns polo seu recoñecemento co Premio Otero Pedrayo de 2024

Ourense, 23 de xaneiro  de 2026.“A práctica tradicional do baile e da música ten unha fonda pegada no pasado e no presente de Galicia. A dimensión histórica desta manifestación inmaterial cultural está moi presente na literatura etnográfica”; así o manifestou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita, esta mañá, á sede da Agrupación histórica musical galega Coral de Ruada na que foi testemuña en primeira persoa dos proxectos que está a desenvolver esta entidade a prol do baile e a música tradicional.

Na reunión, o delegado territorial valorou positivamente a recente declaración como Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais  “que recoñece o sentir de toda Galicia cun rico patrimonio inmaterial, herdado e enriquecido xeración tras xeración, que chegou ata os nosos días, principalmente por transmisión oral”.

Manuel Pardo salientou tamén que “a nosa cultura tradicional ten na música e no baile unha das manifestacións culturais máis significativas”; e engadiu que “na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse, polo que é inseparable dela; porén, a música posúe variados e senlleiros xeitos de expresión, tanto no ámbito do baile coma fóra del”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Quixo agradecer á Coral de Ruada o seu papel esencial, indispensable e xeneroso en ter mantido vivo e prestixiado este importante, rico e diverso patrimonio a o longo deste anos, ao tempo que tamén polas súas valiosas achegas de cara a enriquecer o expediente, que se iniciou en novembro de 2024 coa súa incoación. “Detrás deste BIC está tamén o voso inquebrantable compromiso  con este legado”, recoñeceulles.

O representante do Goberno galego salientou que a Coral de Ruada é “máis que unha agrupación folclórica” e erixiuna como toda unha institución dentro da cultura de Galicia, xa que lembrou que se trata dunha das formacións máis antigas da Comunidade. Precisamente, apuntou que as súas orixes están estreitamente vencelladas a Otero Pedrayo, xa que naceu ligada á Xeración Nós.

Non deixou pasar a ocasión Manuel Pardo para trasladarlle unha vez máis os parabéns polo seu recoñecemento co Premio Otero Pedrayo de 2024, e louvou a súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música.

A Coral de Ruada

Fundada no 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado “Lameiro”, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire, presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.

Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro. Ademais do coro, ten a Escola de Música Tradicional ‘Virxilio Fernández’, o grupo de Teatro ‘Xabier Prado -Lameiro’, e a escola de baile ‘Coral de Ruada’.

A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Por outra banda, de Ruada organiza todos os anos o ‘Premio Xabier Prado -Lameiro-‘, as xornadas ‘LembradeNÓS’, o ‘Certame De Ruada’, o ‘Concerto dos Amigos’ no Teatro Principal e o ‘Concerto de Nadal’ na Catedral de Ourense.

Desde o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------