O RIBEIRO: A cultura do viño, patrimonio, territorio e xentes
Despois dunha intensa primeira fin de semana do mes de outono que andamos, arríscome a trazar unhas humildes liñas sobre o que se pode cualificar de grande acontecemento cultural, xunta outros moitos que poidan conmemorarse nas bisbarras do Carballiño e Ribadavia. Nesta ocasión, a sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, A Casa da Bexanca, en Cabanelas, é o lugar certeiramente escollido por atoparse na estrema entre a bocarribeira do Ribeiro Alto, bañado polo Viñao e O Arenteiro, ao tempo que desembocan no Avia, non sen antes deter as súas augas no encoro de Albarellos. Digo ben elixido, porque o lugar contribuía a entender mellor a temática do XIV congreso que xiraba arredor da “cultura do viño”, por dicilo dun xeito sintético.
Sobre os detalles da programación, non os vou repetir nesta breve reportaxe, como xe se adiantaron neste mesmo medio de comunicación dixital, abondo popular entre nós, “Badal Novas”.

Quizais algunha das persoas que se acheguen a estas liñas se preguntará que “pinto” eu, ao carón do extraordinario elenco de especialistas no tema que van intervir no Congreso, sendo da montaña, natural do Irixo, que, unicamente lembra, -como era de familia de tecediras-, se viña por aquí a buscar as vides das cepas para, unha vez queimadas, destinar a borralla para branquear os tecidos do liño. Como digo, nin ribeirao, nin ribelao de Reádigos, e tampouco sei nada de vides –a non ser do requilante de Santiso-Reádigos-, pero si teño curiosidade por sabelo e do substrato que xira arredor da súa cultura, -paisaxe senlleira, importancia económica, longa historia, patrimonio cultural: arqueolóxico, arquitectónico, vexetal-, do que moito e ben se tratou, ademais de contribuír co meu gran de area na parte que ten que ver coa auga, por dicilo de certo xeito, que desde o alto de Cusanca vai formando unha corrente que bautizaremos como “Aviñao” (hidrónimo resultante de Avia e Viñao) nun chío a dona Emilia Pardo Bazán, cando se vén de cumprir o pasado 16 de setembro -día de feira no Carballiño que a autora recollía na súa novela local, O Cisne de Vilamorta), o seu 175 aniversario do nacemento. Pois, seguindo nesta liña de evocación pardobazaniana, mesmo puideran quedar xunguidas as tres canles fluviais baixo a fusión de Avia, Viñao e Arenteiro en “Aviñeiro”.
Pois, verán. En primeiro lugar, teño que agradecer á Xunta directiva do CECHL o ter contado comigo, cando xa practicamente estaba pechada a programación, que, por outro lado, xa semellaba abondo completa, como se comprobou polas xornadas maratonianas dos tres días, ata o extremo que nalgunhas das comuncacións non quedou outra opción que recortalas, pero que sempre queda o recurso de que a organización, como en edicións anteriores, conta ver publicadas canto antes sexa posible, tal e como explicou o seu director, Carlos Rodriguez, no acto da inauguración. Divagacións á parte. O caso é que todo me resultou cativador: en primeiro lugar a paisaxe en socalcos, froito de tantas angueiras para aproveitar eses escasos pero solleiros espazos, amparados polos bolos de granito, característica deste Ribeiro alto, fronte ao maís coñecido da chaira por Beade, Leiro… que, se ben se considera como heroica a da Ribeira Sacra -que tamén-, a do Ribeiro, polo que toca a Boborás e O Carballiño tamén ten abondo de proeza, o que quizais ten contribuído, como expuxeron os expertos, que a redución dos millóns de litros nas colleitas vaia en paralelo á perda de poboación e á dificultade para mecanizar os traballos desde a plantación ata a adega. Alén doutras variables como a denominación de Orixe, as variedades ás que dar máis ou menos protagonismo -a treixadura-, o Consello Regulador, as adegas, os colleiteiros, o minifundio, a última peste de flavescencia dourada ás portas, despois da terrible filoxera, e ata os xabaríns…Polo tanto, un ecosistema abondo complexo.

Todo resultou extraordinario para quen subscribe, co permiso do Equipo directivo, poñentes e asistentes ao Congreso, que, arrimando a brasa ás miñas lembranzas, algunha transládame, na distancia, na honra de Elixio Villaverde García, falecido no 2018, quen foi colaborador do CECHL, ademais das súas raíces familiares pola parte paterna en Albarellos, lugar ao que el se sentía moi vencellado afectivamente, aínda que nado na Ponte-O Irixo. Tamén a Eladio Munín Barreiro, quen na ultima revista “A memoria recuperada” (2024) do CECHL, inclúe unha orixinal colaboración -da que xa deramos conta- so o titulo de “A política local do Irixo entre 1920 e 1945”.
Tamén foi moi alentador atoparse no día da inauguración do evento con outras persoas vencelladas ao Irixo, como foi o caso do matrimonio de Adolfo Otero e Erundina, quen desde Parada e Xirei, aínda que veciños na actualidade do Carballiño, aquel como colaborador do CECHL, de quen a revista xa ten publicados algúns traballos, así como organizador principal das visitas nocturnas á Área Arqueolóxica de Cangues-O Irixo, para o que conta na angueira co apoio científico do omnipresente arqueólogo Jorge Lamas Bertolo en case todas as investigacións recentes na contorna, de cuxo traballo publicara “Cemiterios esquecidos”, un extenso catálogo sobre petróglifos, mámoas e outros motivos de interes arqueolóxico na bisbarra do Carballiño.
De camiño a Ribadavia, outra das persoas colaboradoras, Alicia González Barreiro, que ía presentar a comunicación sobre “As mulleres de vendima: memoria, oficios e transmisión do patrimonio vitivinícola na comarca do Orcellón” -que non tiven a oportunidade de escoitala pero si de lerlle a anterior olaboración, da que me atrevín a facerlle algunha observación (Abrigos dos lobos nos somontes do Testeiro, augas ao Miño– descobre a miña identidade e advírteme que ela tamén é de estirpe irixense, -Parteme-Froufe-, de por alá de onde era natural o sempre esquecido Emilio Duro Peña (1919-1995), que, como moitos saberán, ou non- sempre que teño oportunidade direi del, como outros xa o recoñeceron antes ca min, que foi un eminente arquiveiro, incluso obxecto de plaxio por parte dunha profesora universitaria, recoñecido ao maís alto nivel nese ámbito, e que está agardando por un recoñecemento público no ámbito local, comarcal ou provincial, porque el ben o ten merecido, aínda que segundo os parentes, e o mesmo Chamoso Lamas, o seu carácter fose algo rudo e que en vida non vía con bos ollos calquera homenaxe. A el debemos unha mensaxe que, na medida que era un excepcional coñecedor do estado ruinoso que presentaban moitos mosteiros da provincia, e dos seus arquivos, en particular o de San Pedro de Rocas, denantes da recuperación, tiña preparada esta sentenza: “Situ admirabilis, antiquitate venerabilis, statu deplorabilis”. Algo que reflicte de xeito determinante o que está a suceder coa maior parte do patrimonio cultural nas diversas variantes, tanto civil como relixioso. De aí a súa actualidade, como a de que a escritora María Oruña na súa novela “ O souto dos catro ventos” lle agradeza a información que de tanta axuda lle foi para ordenar a novela centrada no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, do que o cóengo publicara un tratado.
Ata o condutor do autobús responsable do translado desde O Carballiño a Cabanelas, Alfonso Covela, veciño meu de Saavedra, me veu ao maxín cando nun momento da miña comunicación, ao referirme ás Papeletas Geográficas do Padre Sobreira, e comentar o topónimo que de “A súa Eirexe”, hoxe “A Sueirexe”, na parroquia de Cusanca, o significado ten que ver, como no de “Su as ventanas” en Cabanelas, coa preposición “So/su”, que como noutros moitos microtopónimos fai referencia a un espazo que queda “debaixo de algo” ou a carón de algo –Surrego-, o que me levou a relacionalo co microtopónimo en Saavedra de “Suatulla”, que, probablemente ten que ver coa existencia do Partido de Saavedra (Xurisdición da Encomenda de Pazos de Arenteiro) de cando neste lugar se recollían as rendas para ser aquí depositadas ou seren enviadas directamente a Pazos. Que, por outro lado, aínda que Saavedra é terra de canteiros, non todas as construcións presentan as mesmas características, e unha delas, a casa de morada de Alfonso, debeu ser a que acollería parte das dependencias da tulla; porque as paredes exteriores son de granito puído, así como os penais, unhas ménsulas na fachada posterior e uns piares que transmiten antigüidade, ademais dunha entrada presidida por unha cruz, un santo Andrés? e uns pináculos que lle dan ese aire de distinción. Polo tanto, O Irixo tamén estivo representado no congreso. E se houbo máis, que desculpen a miña ignorancia.
Non me esquecerei nesta relacaión doutras persoas coas que mantiven algunha conversa improvisada, pero de interese. Así, foi o caso de Jaime Nogueira de Brués, colaborador do CECHL, interesado en documentos, historias e de todo aquilo que poida ter relación coa parroquia ou a contorna. Por iso, sabendo deste interese polos documentos vedraños e polos libros, como demostrou nunha anterior actividade en Vigo como libreiro en “Andel”, que só comercializaba libro en galego ou portugués, mentres eu exercía como consorte na librería familiar “Verdegal”. Por iso a conversa tornou fluída, entretida e de cero interese.

Aínda, -para rematar esta parte maís persoal-, e non por iso menosprezar a ninguén dos que andamos por aqueles socalcos, non esquecerei a Ramón Álvarez Barbeito do San Amaro, quen de xeito espontáneo e porque entendeu que ao mellor podía contarme algo do meu interese, non dubidou en informarme dunha documentación relativa a un seu tioavó crego no Campo-O Irixo, que algún día farei por achegarme ata San Cibro de Las e poder compartir con el esa experiencia do contacto cos “pergamiños”. Ademais, este profesor xubilado, compartiu comigo unhas fotos que eu tamén tomara hai uns anos na casa grande dos Castro-Meije do Concieiro-Coirneda, porque resulta que a el o une algún vencello con esta familia.
Polo tanto, este tipo de encontros, ademais do interese que se supón suscitan entre os asistentes, tamén teñen este valor engadido de intercambio e solidariedade entre o persoal “investigador”, porque, ás veces, como comentaba Juan M. Rodríguez González, pode un sentir certa soiedade ao verse fronte ao “perigo” dos enigmáticos documentos.
Polo demais, só considerarei algúns comentarios, sempre positivos, a non ser polo elevado número de comunicacións e a necesidade de teren que acurtar algunhas para que todos puidesemos, alo menos, bosquexar a de cada un. Con respecto aos recortes nas presentacións, a bon seguro quedarán amplamente compensados coa publicación no seu día.
Desde logo a primeira comunicación a cargo de Pablo Rodríguez Oitaben e Paula Rodríguez, a súa filla, non decepcionoran e xeraba expectativas polo título: “A responsabilidade de prantar unha árbore”. Unha longa historia de preto de corenta anos, que conta con 1.200 socios e xestiona unha superficie de 500 ha: O bosque de Ridimoas-O Ribeiro.Ou de como dunha sinxela landra enterrada nun cartón de tetrabrik pode chegar a crear unha fermosa carballa, pero, sempre e cando a saibamos aloumiñar como vén facendo Pablo, recorrendo a cabalo da súa egua este “hábitat” -non ecosistema- insistiu el.
O resto da tarde do venres correu a cargo de Carlos Montes coa presentación do filme documental creado por IA: “Cinco romanzas para Eva”, no que desde as lonxanas terras de Kiiv os membros dunha familia xudía chegan a Ourense, arredor de 1920, onde conviven en Auria con algúns dos intelectuais da cidade: V. Risco, O. Pedrayo… ata asentarse no Carballiño.
Fátima Braña Rey, a partir dunha enquisa sobre a oferta museística na provincia, sobre “Os espazos museísticos na provincia de Ourense: O Ribeiro” chega a unhas conclusións pouco optimistas, xa que a maioría dos concellos no ofrecen ningunha institución que poida considerarse como tal museo.
Foi o arqueólogo Jorge Lamas Bértolo o que nos introduciu en parte da prehistoria da comarca do Ribeiro, neste caso sobre “O Conxunto arqueolóxico de Pena Corneira”, para, ao día seguinte, completar a información coa visita in situ a ese punto.
O día seguinte, sábado, amañeceu bretemoso, pero foi evoluíndo a solleiro sobre todo cando no alto de San Vicenzo-Avión había que seguir atentos ás explicacións pormenorizadas de cada palloza, pedra ou obxecto que aparecera durante as escavacións que, polo que se ve, foron abondo sorprendentes en canto a certos achádegos como unha cruz embolada e un trisquel. Por alí andaban membros da Asociación de Veciños e da Comunidade de Montes que facilitan os traballos do arqueólogo.
Ao día segunte, ao chegar a Ribadavia, aproveitando uns minutos denantes de visitar o Museo Etnolóxico da vila, dirixímonos á Igrexa e convento de San Domingos no que se atopaba un dos motivos principais polo cal eu ía participar ao día seguinte, onde Os Cusanca deixaran a súa impronta, e polo cal loce no tímpano da porta principal o escudo de armas de Fray Alonso de Cusanca, a carón do dos Sarmiento e de Castela.
Con respecto ao museo, a visita tiña para min un dobre interese: Por un lado, pola colección etnográfica que acolle e, por outro, polo achádego dun documento que recolle o Boletín Oficial da provincia de Ourense (14 de marzo de 1899) que, a través da Delegación do Goberno de Hacienda fai público o acordo polo cal unha serie de montes e propiedades da parroquia de Corneda “son de propiedad particular de los vecinos de los referidos pueblos y no de dominio comunal y público como parece ha entendido el Ayuntamiento de Irijo al solicitar la excepción de venta de los mismos en concepto de aprovechamiento común”.
Esta resolución recolle a evolución dun longo proceso, desde o ano 1325 ata 1899, con respecto á propiedade da maior parte dos terreos de Corneda, no que se cita, entre outros pormenores que pertenceron á Encomenda de Beade da Orde de San Xoán, que como consecuencia das leis desamortizadoras, “el Estado se incautó de los bienes y derechos de las órdenes militares, y por tanto del dominio directo que a la Encomienda de Beade correspondía en los montes y terrenos aforados a los vecinos de la parroquia de Corneda” .
“Resultando que sacado a subasta este derecho del Estado en los referidos bienes, fue adquirido por don Teófilo Rodríguez Vaamonde, Marqués de Vaamonde...”…”Considerando, por tanto que dichos montes son de propiedad particular de los vecinos de la parroquia de Santiago de Corneda y no de aprovechamiento común como pretende el Ayuntamiento de Irijo”, que sabido é, foi o dono da casa que acolle na actualidade as instalacións do Museo, que pasaría por distintos usos ao longo dos tempos.
A incorporación deste documento pon de manifesto o radio de influencia que exerceu a Encomenda de Beade ata a parroquia de Corneda-O Irixo, ademais dunha mostra senlleira na evolución da posesión da terra ao longo de seiscentos anos.
A visita ao “Enclave natural e arqueolóxico de Pena Corneira” non defrauda, despois de termos deixado atrás o lugar de Avión coa súa abraiante arquitectura moderna, e desde o alto unha panorámica de 360 graos con vista ata O Carballiño, O Irixo, Mondariz, O Faro de Avión, cola do encoro de Albarellos e un numeroso conxunto de lugares no medio da espesura vexetal.

Abstereime de non comentar nada das sesións da tarde, tanto do sábado como do domingo, por non poder asistir, sobre temas de carácter tanto prehistórico como historico, social e económico que alí foron tratados, e que supoño non decepcionaron, segundo os comentarios dos congresistas.
A xornada do domingo, digamos que transcorreu dentro do horario previsto, ata avanzada a mañá, despois de ter visualizada a proxección do documental “Ribeiro, o pouso da historia”, que serviu para que a mesa redonda, moderada e introducida por Xosé Carballido, coa participación de Argimiro Levoso Touceda, J. Rego Martínez, Xosé Carlos Sierra, Un Colleiteiro, se convertise nunha boa mostra para reivindicar a excelencia da viticultura.
A continuación, X.L. Sobrado, en colaboración con Ana Gordín Veleiro desentrañaron parte da historia do “Viñedo augas arriba da ponte de Pazos de Arenteiro a finais do medievo”, así como “O viñedo do ribeiro na transición da Idade media ao periódo Moderno”, xunta J. Manuel Rodríguez González. Ambas as dúas comunicacións son froito dun minucioso estudo en canto a producíon, e evolución do Ribeiro.
Foi na tarde do domingo cando se poñería o broche de ouro coa conferencia do celanovés Xosé Benito Reza: “A serra de Pena Corneira: O monumento Natural máis grande de Galicia”, este recoñecido enxeñeiro de montes que foi director da maioría dos Parques naturais de Galicia, promoveu varias inciativas relacionadas coa paisaxe, as reservas da biosfera e a internacional “Gêrés-Xurés” na fronteira da Limia con Portugal, así como a creación do Comité de Árbores senlleiras de Galicia e o Observatorio Galego da biodiversidade. Seguro que foi un privilexio escoitalo, e agardamos con impaciencia a publicación da súa disertación, ao non poder asistir.
Os demais temas tratados tiñan unha orientación, se se me admite, como máis especializada con respecto á cultura do viño como: “Fenoloxía da uva garnacha nas zonas altas da D. O. Ribeiro”, a cargo de Miguel A. García; ademais dunha detallada investigación a cargo de Francisco Fumega Piñeiro sobre: “A paisaxe agraria do Ribeiro a principios do século XIX” ou a de Nicolás Fernández Blanco e César Fernández Portal sobre “Peches e cerrumes, valados, mollóns, fitos e marcos divisorios de terras nas comarcas do Ribeiro e O Carballiño”.
Polo tanto, unha intensa e diversa actividade sobre a cultura do viño, no que eu bautizarei, de xeito abreviado, como do “Aviñeiro”, dado que a auga das tres canles contribúe xenerosamente á súa resistencia fronte a certos perigos da climatoloxía, pestes, promoción da denominación, colleiteiros preocupados pola supervivencia, minifundio…e un longo etcétera de motivos para seguir na loita contra os elementos.
Polo tanto, coido que debemos agradecer á dirección do CECHL a liña de traballo que, como neste caso, a viticultura se ve amparada pola cultura escrita, científica, como exemplo a seguir para posteriores edicións naqueles sectores produtivos máis necesitados nas bisbarras do Carballiño e Ribadavia.
En derradeiro lugar, -aínda que non sexa eu moi de darlle consellos a ninguén-, só lles direi que non agarden, coma min, a descubrir a senlleira riqueza do patrimonio cultural da comarca do Ribeiro, denantes de que sexa tarde. Entendo como tal a riqueza arquitectónica, civil e relixiosa da vila e da contorna con numerosos pazos, lagares, adegas, antigas “granxas” que foron adegas, así como capelas de orixe románica e igrexas de construción barroca; a arqueolóxica, a través de varias das escavacións que se están levando a cabo nalgúns castros; a natural pola súa paisaxe e diversidade vexetal -nestes días, os érvedos chaman a atención pola flor e froitos vermellos que se multiplican á altura de Carballeda de Avia, Abelenda- e a paisaxe que no outono está a mudar coa cor mutante das vides e as árbores de folla caduca que comparten espazos de clima atlántico e mediterráneo coas sobreiras, como se suliñaba nestes días á hora de falar do etnoturismo, incluso alguén mencionou algo tan sinxelo como a luz como valor engadido, e outros valores que para calquera camiñante quedan visibles, sen esquecérmonos da que desde o punto de vista xeolóxico e natural está declarado como Monumento Natural de Pena Corneira….do Ribeiro alto, que por citar algo senlleiro, temos o lugar de Pazos de Arenteiro que foi declarado Conxunto Histórico Artístico no ano 1973…
De todo isto tomarían boa nota os concelleiros da alcaldía do Carballiño que nos acompañaron ao longo destes días, para, ademais do interese persoal, artellar iniciativas conxuntas de interese social e económico que poidan organizarse en coordenación entre as cabeceiras das bisbarras de Ribadavia e O Carballiño. Foron a concelleira de Medio Rural, Medio Ambiente e Servizos Públicos: Rosa Mª Fuentes García e Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura e Benestar Social.
O Irixo, sete de outono de 2026
Xulio Dobarro Ferradás



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro: “San Xiao de Parada Labiote-O Irixo, en festas-2026”
Xulio Dobarro: “Cusanca en festas: mil quiñentos anos de memoria e patrimonio”
Xulio Dobarro: “O Campo-O Irixo, polas festas do “Quince”, memoria viva e morrediza”
Xulio Dobarro:Reádigos “ben merece unha misa…”. Misa solemne na honra de San Lourenzo
Xulio Dobarro: “A Espiñeira-O Irixo, entre Deza e Orcellón, festas na honra de san Pedro Fiz
Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)
Xulio Dobarro. O Irixo: última -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.
















