
Da antiga Terra de Cusanca
Se hai algúns lugares e parroquias cuxa identidade non se pode comprender mirando unicamente o presente, un deles é o de Cusanca. O seu nome aparece asociado a unha realidade territorial máis ampla cá da actual parroquia de San Cosme -e Damián- de Cusanca e remite a unha historia que se perde nos primeiros séculos da Idade Media. Desde hai aproximadamente mil cincocentos anos, esta terra foi fronteira co bispado de Lugo, espazo de tránsito polo camiño dos Arrieiros en dirección a Santiago, A Arzúa, Melide, territorio de influencia económica e social pola celebración quincenal da feira do Tellado, así como espazo relevante, tanto no trazado da vía antiga -que a partir

da Cantina do Cantinero deu lugar ao actual Baluarte, ao pé do Penedo da Ucha- como do AVE, que como co trazado antigo salva o alto do Foxo do Cabrito co túnel do Outeiro-. Acontecementos todos eles que deixaron unha pegada profunda na paisaxe e na memoria dos seus habitantes, en moitos casos con pegadas insuperables.
Na actualidade, a parroquia é coñecida habitualmente como San Cosme ou “San Corme” -versión local con rotacismo-. Esta tendencia a substituír o nome tradicional da parroquia polo patrón da mesma, San Cosme, -Damián é ignorado, aínda que documentalmente si constan ambos, como sucede noutras parroquias, vai sempre asociado a San Cosme- pode deberse á existencia dun lugar na parroquia co mesmo topónimo, e desta maneira evítase a posible confusión entre o nome da parroquia e o do lugar. Esa dobre denominación explica en parte unha particularidade, a diferencia doutras parroquias do concello do Irixo: a existencia dun topónimo antigo, Cusanca, e a súa posterior cristianización a través do haxiotopónimo San Cosme. A tradición veciñal mantén a teoría de que neste lugar, no lugar de Cusanca se atoparía a orixe da antiga igrexa parroquial, posteriormente transladada á ubicación actual na Eirexe.
A antigüidade do topónimo está suficientemente documentada para converter Cusanca nunha referencia excepcional dentro da historia local. O Parrochiale Suevum, datado no século VI, emprega xa o nome ao establecer os límites territoriais entre as sedes eclesiásticas de Ourense e Iria. A tradición documental posterior volve atopar a Terra de Cusanca en numerosos textos medievais. No ano 887 aparece entre as vilas entregadas en dote por Sisnando á súa esposa Ildoncia; en 968, o portus Cusanca serve como referencia territorial; e nos séculos XI, XII, XIII e XIV o nome continúa aparecendo asociado a terras, vilas, mosteiros e xurisdicións da contorna.
A documentación disponible permite entender que a Terra de Cusanca non se correspondía necesariamente cos límites da actual parroquia nin sequera cos do actual concello. Era unha realidade territorial máis extensa. O historiador e cóengo, Emilio Duro Peña, natural de Froufe, cuxas investigacións son unha das referencias importantes para interpretar este pasado, situaba dentro desa “Terrra” lugares como Froufe e, por extensión, outras parroquias do alto Irixo como Dadín, Loureiro, O Campo. De tal maneira que aparece así relacionada coa Terra de Orcellón e coa Terra de Deza, nun espazo de fronteira que foi mudando de adscrición ao longo dos séculos.
Esta dimensión territorial axuda a comprender por que Cusanca aparece como “Partido”, durante o Antigo Réxime, pois a parroquia estaba vinculada á Encomenda de Pazos de Arenteiro, como eran o caso de Dadín, Reádigos e a Cidade, pertencentes á tradición administrativa e relixiosas da Orde do Santo Sepulcro e posteriormente de San Xoán de Xerusalén. Dentro desa estrutura, Cusanca constituía un dos tres partidos —xunto con Reádigos e Saavedra— que articulaban a presenza da encomenda no territorio do actual concello do Irixo.
A súa importancia tamén se manifesta na presenza de figuras eclesiásticas vinculadas ao propio nome de Cusanca. A chamada estirpe dos Cusanca deu varios membros destacados da xerarquía relixiosa. Entre eles sobresaen Frei Alonso de Cusanca, dominico, prior de San Martín de Toledo e bispo de Ourense desde 1420 ata o seu falecemento en 1430, despois de exercer a administración do mosteiro de San Domingos de Ribadavia, onde foi enterrado, e conservando no dintel da porta principal da igrexa o seu escudo. O seu sobriño, Frei Juan de Cusanca, tivo unha presenza importante na Colexiata de San Isidro de León. Outros membros da familia, como os arcediagos Gonzalo e Martín de Cusanca, quedaron sepultados na catedral de Ourense. O caso de que se repitan tantos monxes co apelido “Cusanca”, fai sospeitarmos que máis que parentesco entre eles, se debese ao lugar onde se atoparía o vello recinto monástico e da antiga igrexa.
As pedras da memoria
Un dos interrogantes máis suxestivos da historia de Cusanca está relacionado coa posible localización da súa primeira igrexa, así, tanto a tradición oral como algúns vestixios materiais conservados no lugar apuntan cara á hipótese de que o lugar de Cusanca puido albergar unha construción relixiosa anterior á actual igrexa parroquial.
A existencia dun pequeno convento no lugar, mesmo cunha tradición que lle atribúe ata catorce monxes, non está plenamente confirmada pola documentación dispoñible. Con todo, a memoria transmitida de xeración en xeración mantivo viva esa hipótese. A tradición sostén tamén que parte das pedras da antiga construción serían reutilizadas posteriormente na igrexa parroquial da Eirexe e na capela de Segade. Entre os elementos que alimentan esta interpretación figura un óculo medieval conservado na parede dun vello palleiro, ademais doutros elementos arquitectónicos visibles en piares e muros dalgunhas construcións actuais no lugar.

Nunha das visitas ao Penedo da Ucha todo apuntaba a que puidera tratarse da “Pedra dos acrificios”, aínda que hoxe deféndese a opinión de que se trata dun lagar. O can sobre a croa do castro no lugar homónimo. Muíño en Surribas.
A capela de San Bertolameu de Segade conserva, pola súa banda, un baldaquino medieval do século XV que puido ter fomado parte da antiga igrexa deo lugar de Cusanca. A presenza de dúas esculturas medievais encastradas na fachada da capela, a de Santiago Apóstol e de San Pedro engades outros elemento de interese a este conxunto, así como unha xeitosa conservación do interior coas imaxes de S. Bertolameu, entre outras.
Frei Juan Bautista de Boullosa y Pazos, prior de Cusanca e vicario xeral e xuíz eclesiástico ordinario da Encomenda de Pazos de Arenteiro, desenvolveu un importante labor de protección do patrimonio relixioso parroquial. Mandou restaurar e ampliar a igrexa actual e preocupouse tamén polas capelas de San Bertolameu de Segade e do Santo Antón do Tellado. En 1748 promoveu actuacións nesta última e deixou establecidas celebracións relixiosas anuais vinculadas á súa memoria. No pasado século XX, o párroco don Ramón García levou a cabo varios traballos de restauración, tanto da igrexa como das capelas de Segade e do Tellado.
A antiga reitoral de Cusanca, como tantas outras do concello, converteuse nunha construción en ruínas despois de ter sido durante séculos un centro de decisións relevante para a parroquia e o que ía ser a partir de 1835 o concello do Irixo.
A parroquia do Irixo co maior número de lugares
Percorrer Cusanca é percorrer unha paisaxe construída por varios núcleos de poboación, uns clausurados -As Cales, A Fraga, A Felgueira de Cusanca-, outros reducidos á mínima poboación onde os seus camiños e carreiros só quedan na memoria. O río Viñao, que nace por alá por onde se di “O Conde”, regaba e movía muíños abondos desde Cusanca ata Reádigos, carballeiras senlleiras como a do Tellado e os soutos nas abas do Pedrouzo, O Barrocal, abastecían os serradoiros locais como o que aínda se mantén en pé na Sueirexe, ademais do muíño…; térras fértiles e chairas eran unha fonte de recursos imprescindible para a sobrevivencia de persoas e animais. A parroquia abrangue arredor de 23,8 quilómetros cadrados e chegou a estar habitada en 23 lugares, unha dimensión que axuda a explicar a variedade do seu patrimonio e da súa toponimia menor de veigas, montes, regatos, chousas e hortas.

A modo de suxerencia, o percorrido pode iniciarse no límite co concello de Dozón, onde se atopa unha pedrafita, a modo de linde entre os concellos do Irixo e aquel. Estamos preto de Lagorzos e Chelos, mentres á esquerda se estende o chamado Predio do Conde, unha antiga propiedade agrícola, das de maior superficie de todo o concello, cerrada sobre si, que contou con terras de cultivo, prados, carballeira, palleira e vivenda. Está aceptado popularmente que as fontes do Conde son o punto onde nace o río Viñao, ao que se unirán nas Campinas as que baixan do Llan.
En Segade, ademais da capela de San Bertolameu, moi preto están varias mámoas, testemuños dun pasado moito máis antigo. O antigo castro serviu para erguer sobre a mesma croa o reducido lugar do Castro que conserva no seu propio nome a memoria dunha antiga fortificación castrexa. O territorio mostra así unha continuidade de ocupación humana que vai desde a prehistoria ata as formas tradicionais de hábitat rural.
Os dous topónimos da Eirexe e A Sueirexe constitúen un dos centros fundamentais da parroquia, xa que alí se concentran -como non podía ser doutro xeito polos topónimos- a igrexa, os restos da reitoral e varios núcleos de poboación próximos, entre eles O Baluarte, A Costa e outros lugares hoxe desaparecidos, como Penasanta e A Cruz. Ao pé da reitoral, a Casa Grande de don Román García Nóvoa constitúe todo un símbolo da fidalgúía local, e do poder exercido polos seus antergos, ademais de contar co pombal, horréo de 1806 e predios adxacentes.
Don Román, coñecido popularmente entre a veciñanza como “Don Román”, foi unha figura de considerable influencia política durante a primeira metade do século XX. Nacido en Pontedeume en 1879 e falecido en Ourense en 1944, cursou os estudos de avogacía, exercendo como gobernador civil en varias provincias españolas. A casa familiar da Sueirexe converteuse para el nun espazo de descanso e lecer, onde recibía a amigos invitados por el e a achegados por motivos relacionados coa xustiza, así eran constantes as visitas da veciñanza, unhas veces para solicitar os seus favores e outras para render contas como titular do Directo dominio de varios foros na parroquia, aínda que tiña como administración da facenda operito Constantino Blanco Rodríguez, natural da parroquia.
A casa grande conserva a a súa estrutura, incluído un pequeno torreón cun reloxo de sol, ademais dos imprescindibles hórreo, eira e pombal, elementos que permiten reconstruír a economía rural, doméstica dunha casa acomodada da época. Nas súas proximidades permanece, en cambio, a reitoral en estado ruinoso, o que fai sospeitar que esta propiedade chegaría ás mans do seu pai, Pío García Espinosa, como froito da Desamortización a mediados do século XIX, nun contraste significativo entre a conservación da residencia particular e a deterioración dun edificio que pertenceu ao patrimonio parroquial. Tanto é así que, o bispado non mantén practicamente diestros na contorna, o que non deixa de sorprender, tratándose dunha freguesía tan importante no pasado.
Desde Segade, á altura da Costa, Surribas, O Río, o territorio vai adoptando unha superficie cha, propio dun val, que rega o Viñao. Ao longo da súa canle aparecen numerosos muíños en ruínas, parcialmente ocultos pola vexetación de ribeira. A auga e a orografía condicionaron durante séculos a economía local, e os muíños formaron parte dunha rede produtiva que hoxe apenas conserva os vestixios. Estes artefactos tiveron tanta importancia que, en momentos de seca, foron obxecto de litixios entre veciños e co párroco do Campo porque non podían regar nin moer a causa dos cortes de auga nos lugares de Cusanca.
A paisaxe tradicional aparece igualmente representada nos lugares de Fabeiros e A Fraga. O primeiro, empoleirado na aba da montaña, mantén unha relación directa cun medio natural que pode chegar a resultar ameazante polas formacións rochosas situadas sobre as vivendas. A Fraga, pola súa banda, aparece dominada por carballos, freixos e vexetación de ribeira. O peche progresivo dos antigos núcleos habitados e o avance da vexetación transformaron estas aldeas en espazos nos que as ruínas e a natureza se mesturan. Se acaso, poden ser obxecto de atención para recrear ambientes bucólicos, románticos e de medo como o foi o caso da rodaxe da película “Malencolía”, na Fraga.
O proceso de despoboamento resulta especialmente evidente ao comparar os datos históricos cos actuais. En 1887, San Cosme de Cusanca contabilizaba 1.065 habitantes, mentres que en 2020 eran 198. O descenso afectou practicamente todos os lugares: Cusanca pasou de 51 habitantes a 3; Chelos, de 52 a 6; Fabeiros, de 88 a 16; Segade, de 69 a 17; Vixide, de 58 a 4; e O Pedrouzo, de 72 a 6. A Fraga quedou reducida a un único habitante, mentres As Cales, O Foxo ou outros lugares xa indicados aparecen xa en situación de ruína ou peche.
Cusanca, como a España e a Galicia baleiras, é un exemplo maís deste proceso que parece irreversible, aínda que hai algunhas mostras que invitan á soñar cunha recuperación lenta coa chegada de persoas procedentes de núcleos urbanos ou por acollerse a adquirir unha vivenda máis accesible economicamente. A casa-vivenda, con outras construcións adxacentes, como eiras, hórreos, cortes, palleiros, fornos e muíños deixaron de formar parte dunha economía viva e sostible, de tal maneira que a vexetación ocupa os espazos que estaban vivos pola actividade agrícola e gandeira, e moitos dos elementos da arquitectura tradicional desaparecen a bo ritmo. A pesar de todas as adversidades, hai persoas que aínda albergan a esperanza de que a situación pode ser reversible, por exemplo cun cambio radical na racionalizaión da terra que, pasaría ineludiblemente pola concentración parcelaria.
A feira do Tellado como espello da economía local
Se a igrexa e a Eirexe representan un dos centros históricos e relixiosos da parroquia, O Tellado constitúe o seu gran espazo de intercambio e encontro económico e social. A súa localización, o terreo chan e as vastas carballeiras converteron este lugar nun escenario privilexiado para a celebración da feira e da festividade do Santo Antón que, segundo certa opinión, as capelas uníanse ás feiras como punto de reclamo e de preservar os domingos para adicalos á santidade.
A documentación coñecida permite confirmar a existencia dun mercado quincenal xa no século XIX. O xornal El Orensano informaba en 1860 dun mercado celebrado cada quince días, mentres unha referencia de 1919 sinalaba o acordo municipal para establecer unha feira o día 13 de cada mes. As datas que acabarían consolidándose foron, porén, o 2 e o 17 de cada mes. Especial importancia adquiriran o 2 de febreiro, coincidindo coa Candeloria, e o 17 de agosto, como prolongación das festas patronais do Campo, porque, na feira non só se compraba, vendía ou se intercambiaba, senón que constituía un punto de socialización moi importante, de lecer e esmorga, como o demostran as pegadas na microtoponimia da “Baúca” -baiuca-, “Paseo das mozas”…
A feira atraía xentes de boa parte da comarca, onde non faltaban as polbeiras de Arcos e O Carballiño, panadeiras de Cea, rosquilleiras de Ribadavia, cacharreiros de Niñodaguia e comerciantes de Dacón, que compartían espazo con vendedores e profesionais ligados á actividade agropecuaria. Había cordoeiros, albardeiros, capadores, ferradores, tratantes de toda clase de gando. Entre estes non podían faltar os de Garabás, expertos no manexo da tesoira, e do bastón a modo de linguaxe de símbolos no trato entre eles. O intercambio de animais e produtos agrícolas convivía coas tabernas, que chegaron a manter as portas francas ata doce locais, paseos, carreiras de cabalos e verseadores a modo dos Xenerais da Ulla.
O Tellado era, por iso, moito máis ca un mercado. Era un lugar de reunión, de lecer, de exhibición e tamén de conflito. Os antigos pendellos e poios daban acubillo aos vendedores, mentres as construcións do lugar acollían tabernas e casas de comidas. Algunhas só abrían durante os días de feira, unha proba do volume de persoas que chegaba a concentrarse no lugar.
A feira tamén participou dalgúns episodios violentos. Así, a memoria relata a presenza dun visitante procedente de Sanguñedo que, en decembro de 1921, chegou á feira cun caldeiro e unha cebola espetada nun pau para provocar a unha das persoas presentes e acabou gravemente ferido por varios disparos. Durante os períodos de inestabilidade política, antes e despois da Guerra Civil, a feira tamén foi un espello da problemática sociopolítica entre bandos, así era frecuente que algúns alcaldes fosen obxecto de ameazas e disturbios.
Na actualidade, os diferentes espazos que estaban reservados segundo para que actividade, gandeira, equina, porcina, comercial …son un remanso de paz, sombra e lembranzas para quen acuda nestes días de estío acompañado ou en solitario, porque o bulicio foi substituído polo silencio que, unicamente se rompe algún día no ano como o da celebración da Festa do Cabalo para os seareiros do cabalo -que eran moitos- e que os seus descendentes seguen coa afeccción, ainda que moi diferenciada, ou nestes días de animada clebración festiva.
A capela de Santo Antón
No centro desta intensa vida social foi erixida a capela do Santo Antón. A súa construción debeu iniciarse a comezos do século XVIII, aínda que a estrutura actual foi obxecto de posteriores ampliacións. A relación entre a capela e a feira foi particularmente significativa.
A mediados do século XVIII, o Catastro de Ensenada xa menciona o Campo da Baiuca ou Baúca, que acabaría converténdose no corazón dunha feira na que chegaron a existir preto de vinte tabernas. A capela proporcionaba un elemento relixioso a un espazo fundamentalmente comercial e festivo.

Día 2 de agosto,“Festa do cabalo e feira do Tellado”. Da feira só unha coincidencia, o día. Polo demais, mostra de varias modalidades de andadura, trofeos, comida campestre e unha mostra do produto local por parte de Brais “O Meleiro de Dadín” baixo a marca “A Raíña Celta”.
A advocación de Santo Antón pode entenderse tamén en relación coa propia natureza da feira. Aínda que o Santo Antón de Padua é tradicionalmente asociado ás mozas casadeiras -que tamén. Por algo a xente nova acudía- e ás cousas perdidas, a devoción popular mesturouno frecuentemente coa figura de Santo Antón Abade, protector dos animais. Nunha sociedade local eminentemente agrogandeira, esa dimensión resultaba especialmente apropiada para un lugar no que o gando vacún, equino e porcún, constituía un dos principais protagonistas das transaccións.
A dependencia de Cusanca da Encomenda de Pazos de Arenteiro puido favorecer a creación deste espazo relixioso e a súa vinculación coa feira. A ampla superficie dispoñible permitía celebrar as actividades comerciais e manter as carballeiras que durante décadas funcionaron como escenario da vida social. A disposición das carballas non é anárquica nin conxuntural, porque a maior parte delas están aliñadas de tal forma que funcionasen como paraugas para a protección dos animais das inclemencias do tempo, fose sol ou choiva. -Xa se está tardando, por quen corresponda, para que se tomen as medidas oportunas para declarar o Conxunto como senlleiro, segundo os requisitos esixidos pola Xunta de Galicia-.
Un testemuño de 1917 permite aproximarse ao ambiente da antiga feira. Así, Antonio López Carballeira, profesor da Universidade de Santiago, durante unha visita a don Román García Novoa, achegouse ao Tellado e describía unha alta concentración de persoas, destacando tanto a dureza das condicións de vida como os comportamentos sociais que lle chamaban a atención, por exemplo, un exceso nas relacións entre a mocidade. A súa descrición, marcada pola mentalidade da época, converteuse tamén nun documento social de primeira orde porque permite observar a maneira en que un visitante externo percibía a comunidade local. Coincidindo con esta visita, da que hai soporte visual en fotografías da época, publícase unha ampla reportaxe na revista “Vida Gallega”, na que actúa como guía don Román e sendo ilustrados os acompañantes polo historiador que suxire que o que hoxe é considerado como o lagar do “Penedo da Ucha” -arqueólogo Jorge Lamas Bertolo- naquel intre mantense a opinión de ser considerado como a “Pedra dos sacrificios”, tal e como consta no sinal que a mediado camiño entre o Tellado e A Sueirexe nos indica a direció ao lugar do Baluarte, á entrada do túnel de triste lembranza.

A modo de curiosidade, adxunto unha relación da rapazada matriculada no ano 1969 en dúas das catro escolas de Cusanca, a de Fabeiros e a da Sueirexe. As outras dúas eran a do Tellao e a de Segade. A nota do concello fai referencia a aqueles nenos que sendo da parroquia en idade de preescolar non asisten. Nese momento a parroquia contaba con 767 habitantes e 89 escolares. Estes duplicaban os nenos escolarizados en 2026 no Grupo Escolar.Tempos aqueles…!!!
Poucos acontecementos transformaron tanto Cusanca como a construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. O progreso técnico chegou acompañado dun enorme custo humano. A perforación do túnel situado na aba do Foxo do Cabirto, de preto de tres quilómetros, converteuse nun dos episodios máis dramáticos da historia recente da parroquia.
A construción do túnel, desenvolvida durante décadas e con moitas dificultades técnicas a causa da intensidade das augas infiltradas, foi inaugurado finalmente en 1958 canda o trazado do ferrocarril Ourense-Santiago, que deixou tras de si un regueiro de complicacións. Os traballadores soportaron condicións extremas con salarios moi baixos, nun contexto de pobreza no que a alternativa era a fame ou a supervivencia precaria. As crónicas da época describiron as condicións de traballo no interior do túnel como un auténtico inferno.
A memoria daqueles traballadores quedou estreitamente ligada á parroquia, tal e como quedou patente co busto que foi inaugurado no cemiterio na súa honra.
Xa no século XXI, a construción dunha nova infraestrutura ferroviaria volveu perforar a montaña. O túnel do Outeiro, asociado á liña do AVE Ourense-Santiago, foi executado con tecnoloxías modernas en menos tempo e mellores condicións laborais. O impacto sobre o territorio é abondo rechamante desde que entra no concello en túnel á altura de Cangues e se despide no Outeiro co túnel do mesmo nome, deixando ao seu paso unha sucesión de viadutos, practicamente continuada, á altura de Marnotes, trincheira na Reguega, falso túnel en Casares ao pé da base da Adif, viaduto do Viñao desde a Laíña ata practicamente a boca do túnel, despois de salvagardar en certa medida unha das carballeiras do Tellado. A nova liña modificou a paisaxe e introduciu novas infraestruturas con pasaxes elevadas, pistas de acceso modificadas cara a Casares, O Outeiro, etc.
Entre os dous trazados existe, polo tanto, un contraste significativo: o ferrocarril antigo representa a dureza do traballo manual e o enorme custo humano do progreso; o novo evidencia a capacidade técnica contemporánea, pero tamén a profunda transformación física da paisaxe. En Lagartelas, a convivencia de elementos das dúas épocas —a antiga tajea e o moderno viaduto do AVE que sobrevoa a liña antiga— converte o lugar nunha especie de lección de historia da enxeñaría.
Un patrimonio entre a admiración e o esquecemento
A historia de Cusanca vai ligada ao estado actual do seu patrimonio. O territorio non é alleo aos numerosos elementos tradicionais: igrexas, capelas, cruceiros, casas grandes, muíños, hórreos, eiras, fontes, fornos, carballeiras, soutos, congostras ou camiños estrangulados pola maleza. Unha boa parte desta riqueza atópase nunha situación preocupante.
A antiga reitoral é un exemplo particularmente significativo. O edificio, levantado nun momento no que a veciñanza contribuía coas súas escasas rendas ao mantemento do clero, atópase hoxe en ruínas. O mesmo sucede con numerosos muíños situados ao longo do Viñao, ou lugares como As Cales, O Foxo, A Fraga ou A Filgueira de Cusanca clausurados.
A fórmula empregada por Emilio Duro Peña para describir o estado do mosteiro de San Pedro de Rocas, denantes da súa restauración, resume de xeito dramático a situación de boa parte deste patrimonio local: situ admirabilis, antiquitate venerabilis, statu deplorabilis. É dicir, de lugares admirables, antigüidade venerable e, ao mesmo tempo, en estado deplorable pola nefasta conservación.
O problema non é unicamente arquitectónico. Co abandono dos lugares desaparece tamén o sistema social que daba sentido a moitas destas construcións. Un forno caído, un muíño sen actividade, unha eira sen malla, unha corte sen gando ou unha taberna sen feira deixan de ser simplemente edificios a piques de converterse en restos arqueolóxicos.
O Tellado representa neste sentido unha oportunidade singular. A súa antiga estrutura, as carballeiras, a capela, os restos dos pendellos e as casas relacionadas coa feira permiten aínda reconstruír parte do pasado. A proposta de considerar o lugar como un Conxunto senlleiro permitiría preservar a súa identidade sen impedir a adaptación ás necesidades actuais e aos criterios de sustentabilidade.
Tamén a toponimia e a antroponimia forman parte do desleixo. Por que se segue ignorando o nome de “O Carballal” na documentación oficial, ou o de “Cosme”, cando dede tempo abondo afastados aparecen como habituais. Recuperar este e outros topónimos deturpados suporía conservar unha parte da memoria colectiva de entre nós.
A evolución demográfica, con todo, deixa unha advertencia evidente. A parroquia pasou de superar o milleiro de habitantes a contar con apenas dous centenares. Moitos dos seus lugares quedaron reducidos a poucos residentes ou directamente abandonados. A desaparición da poboación implica tamén o risco de desaparición da memoria que lle daba significado ao territorio.
Cusanca aparece así como un espazo no que conviven diferentes tempos históricos. A Terra medieval de fronteira, a parroquia da Encomenda de Pazos de Arenteiro, a sociedade agraria do século XVIII, a feira do Tellado, o mundo duns cantos propietarios, a chegada do ferrocarril e a posterior implantación do AVE forman capas sucesivas dunha paisaxe cambiante.
Un futuro incerto
O principal desafío, como no resto das parroquias, consiste en conseguir que esa memoria non quede reducida á documentación histórica ou á evocación nostálxica. O patrimonio de Cusanca precisa ser entendido como un recurso cultural vivo e como unha parte esencial da identidade do territorio.
A recuperación das antigas construcións, a protección das carballeiras e soutos, a conservación dos muíños e da arquitectura tradicional, a identificación dos lugares abandonados e a recuperación da microtoponimia poderían contribuír a manter viva esa identidade.
A protección do Tellado como conxunto histórico e etnográfico sería especialmente significativa. O lugar conserva aínda elementos suficientes para explicar como funcionaba unha feira rural: a capela, o cruceiro, os espazos comerciais, as antigas tabernas, os percorridos e as carballeiras. A súa conservación non tería que significar unha volta ao pasado, senón a incorporación da memoria ao presente.
Por iso, a frase de Emilio Duro Peña —situ admirabilis, antiquitate venerabilis, statu deplorabilis— pode funcionar como síntese do presente de Cusanca. É unha terra admirable polo lugar que ocupa na historia, venerable pola antigüidade dos seus testemuños e ameazada polo abandono de boa parte do seu patrimonio.
O reto para o futuro será conseguir que o último dos tres cualificativos deixe de ser aplicable. Que as reitorais, os muíños, as casas tradicionais, os espazos da feira, as capelas, os camiños e os lugares abandonados poidan recuperar unha función ou, cando menos, unha conservación digna. Que a modernidade non borre a memoria e que a memoria non se converta nun obstáculo para o futuro.
Nota: Para unha maior e mellor información relativa á parroquia de Cusanca, suxiro a consulta do libro “ Irixo” (1999) do historiador J. Hervella Vázquez, que foi veciño da paroquia.
En “Badal Novas”, foron publicadas varias reportaxes sobre todas as parroquias do concello, -das que eu son o responsable-, ademais de dúas publicacións en formato libro por se poden axudar a completar a información sobre aquel.
O Irixo, 18 de agosto de 2026
Xulio Dobarro Ferradás



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro: “O Campo-O Irixo, polas festas do “Quince”, memoria viva e morrediza”
Xulio Dobarro:Reádigos “ben merece unha misa…”. Misa solemne na honra de San Lourenzo
Xulio Dobarro: “A Espiñeira-O Irixo, entre Deza e Orcellón, festas na honra de san Pedro Fiz
Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)
Xulio Dobarro. O Irixo: última -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.









