
Cada agosto, polo Quince, a parroquia do Campo recupera durante uns días unha actividade que contrasta coa rutina habitual do resto do ano. A celebración do día da patroa, a virxe da Asunción, e do San Roque manteñen viva unha tradición que se perde na noite dos tempos e reúne veciñanza, retornados e visitantes arredor dunha das principais expresións da identidade colectiva da parroquia. A festa “das festas” do concello ofrece tamén unha oportunidade para lembrar a historia dunha parroquia rica en patrimonio material e inmaterial, espallado entre leiras, prados, montes, carballeiras e os vinte lugares que comprende.

Os fogos da novena á virxe da Asunción e a San Roque -Roque santo peregrino, libranós de *pestimales- e as campás da igrexa parroquial marcan o inicio dun tempo especial. As estradas e os camiños, silenciosos durante boa parte do ano, énchense de novo de movemento. Algunhas casas familiares volven abrir as portas, e a parroquia recobra por uns días, unha vitalidade que lembra outras décadas, quizais non mellores economicamente, pero si cheas de afecto e aloumiño. É o tempo do Quince, unha verba fondamente enraizada na fala popular que identifica moito máis ca unha data do calendario: resume un modo de entender a festa e a convivencia cunha cea popular o día do Folión, o catorce, e continúa o quince e o dezaseis, e, incluso, o dezasete coa feira do Tellado, a alborada, a novena, as procesións, primeiras comuñóns, músicas variadas…
O Campo ocupa un lugar singular na historia do concello do Irixo, ben pola centralidade, superficie, ou decisións políticas que non estiveron exentas de polémica, por exemplo, cando despois de suprimir os catro concellos preexistentes, se ubica na Ponte-O Campo a casa consisitorial, pero, por iniciativa da familia dos “Campinas” se transladou momentaneamente ao lugar homónimo desde A Ponte. A súa evolución pode seguirse a través de documentos como o Catastro de Ensenada, as anotacións do padre Sobreira ou o dicionario de Pascual Madoz, e sobre o maís recente no arquivo municipal ou colaboracións xornalísticas como a de “Julito de Dadín”, corresponsal de “La Región”, fontes que permiten reconstruír a organización da parroquia, a distribución dos lugares e a importancia que tivo durante séculos a economía baseada na agricultura, na gandería e no aproveitamento dos recursos naturais. Todo o cal abondo vencellado á feira do Tellado, centro económico, na parroquia de Cusanca.

Actuación da Escola de Gaitas e Danza do concello do Irixo o ano 2025. Carballa de Casares.
A paisaxe conserva aínda moitas das pegadas dese pasado. Os regatos que desembocan no Viñao, con moitos muíños na ruína, os antigos camiños -Real/ Arrieiros-, carreiros e congostras con cruceiros nos puntos máis inesperados, as carballeiras sen decotar, os soutos e caracochas fosiliazadas, e os pequenos núcleos de poboación forman un territorio modelado xeración tras xeración. Non é unha paisaxe espontánea, senón o resultado dunha longa relación entre as persoas e o medio que habitaron. En 1969 contaba con 1.106 habitantes, máis 112 nenos de 6-13 anos.
Ao longo do século XX esa realidade comezou a mudar, de maneira especial na parroquia do Campo. Un dos maiores impactos na paisaxe sucede coa chegada do ferrocarril (inauguración da estación en 1958) o que supuxo unha importante transformación da parroquia, menos do agardado. A construción da liña alterou os camiños tradicionais, dividiu leiras e introduciu certa actividade económica arredor da estación e dos servizos ferroviarios, pero a actividade quedou varada co paso do tempo ata que xa no século XXI as obras da alta velocidade e a base de mantemeno da ADIF voltan darlle un xiro máis de torca á contorna, reflectindo unha evolución que deixa unha fonda pegada sobre o territorio, outra volta, maís que no ámbito económico e social.

Campo da festa. En Orosa, na compaña de Manolo do “Zorro”, este como guía, ao pé da casa que pertenceu a Francisco Ferradás Dapena, a quen podemos considerar o primeiro mecenas local por contribuír a crear a primeira escola de Primeiras Letras no campo do Estivadón (actual velorio) en convenio co cura do momento (Testamento de 1825:”tengo posesiones de vienes raizes cuio produto quiero se invierta en la paga de un maestro de primeras letras que enseñe a los niños de esta parroquia del Campo a disposición y orden del señor parroco que es o fuere…”).
Ao mesmo tempo, O Campo compartiu destino coas demais parroquias do concello e de boa parte do rural galego. A emigración -véxanse as listaxes adxuntas do alumnado matriculado no ano 1969 como un documento sociolóxico excepcional-, o descenso da natalidade -téñase presente que a comenzos do século XX, a parroquia contaba cun número de habitantes equivalente ao total do concello na actualidade- e os cambios económicos provocaron unha redución progresiva da poboación. Así, aldeas fértiles, anque cativas, que noutrora estiveron cheas de vida -O Cardedo baleiro, A Reguega, unha veciña…- van perdendo habitantes, e as actividades por excelencia, a agrogandeira e forestal, non existen: –Só maleza, e herba para a exportación…Cousa paradóxica…
Con todo, a parroquia conserva un patrimonio de grande valor. A igrexa parroquial -co único exemplo de retrete, por iniciativa de don David Ureña-, continúa sendo o principal referente arquitectónico e espiritual da comunidade. Arredor dela articúlase un conxunto formado por un extenso adro de interese arquitectónico pola arte funeraria, a antiga reitoral con abondosas dependencias anexas como cortes, palleiras, eira, tulla…; a carballeira do campo da Festa, A vella escola (1840) no Estivadón froito da obra pía de Francisco Ferradás Dapena de Orosa, transformada en “velorio”, ademais doutras capelas como a da Ermida do Fondo, a de San Roque na Esfarrapa e a da Fátima na Ponte. Son abondos os cruceiros, hórreos innumerables, os muíños en pé e en ruínas, pontes medievais da Ponteferreira, e da Ponte-As Laxas que marca os lindes entre parroquias, así como numerosas construcións tradicionais -palleiros, presas, fornos que constitúen unha mostra da riqueza histórica do territorio-. Sen esquecermos a xoia da coroa, actualmente depositada no museo de Pontevedra: A Arracada do Cardedo, unha mostra de ourivería castrexa, en ouro, atopada preto do castro do Cardedo, entre este e Menaz.
Especial significado conserva a capela de San Roque, na Esfarrapa. Desde alí parte cada ano -polos diestros da igrexa- a imaxe do santo para incorporarse aos actos relixiosos do Quince, nun percorrido que mantén viva unha tradición transmitida ao longo de xeracións, aínda que se perdera a tradición da celebración da festa nocturna o día 16, que poñía o ramo das festas do Quince e era costume acordar o mardomo do ano seguinte. Todo isto preto da capela e das casas de Claudino do Abanico que servía as bebidas, e onde o torreiro segue mantido á sombra do imponente castiñeiro.
Os arquivos parroquiais revelan que esta tradición vén de lonxe. Libros de confrarías, contas e documentos permiten coñecer a organización das antigas celebracións, o papel dos mordomos e o compromiso da veciñanza co mantemento do culto e das festas. Máis alá dos cambios experimentados pola sociedade, ese espírito de colaboración continúa presente na comisión actual, que asume cada ano a responsabilidade de manter viva unha das principais citas do calendario festivo local. Neste sentido, lembro e participei, hai unhas décadas, cun dos mordomos da festa,naturlalndo lugar da Filgueira-Casares, que acordou levantar un palco/torreiro a base de bloques, a dúas alturas ao pé da presa -hoxe soterrada- que vai regar os diestros: a planta baixa para o bar da Comisión e a alta para a orquestra. Neste sentido, a contorna tense modificado abondo coa creación dun amplo cobertizo e o que era o Estivadon, explanado con mellor ou peor acerto, por exemplo, con respecto ao anexo da escola e convertida esta no que é actualmente.
Mais a identidade do Campo non reside unicamente no seu patrimonio material. Tamén permanece na memoria transmitida entre xeracións, na toponimia, nas historias familiares, nos nomes dos camiños e das leiras, nos traballos compartidos -malla, sacha, sega, escoucha, garda das vacas, rega, roza…- e nas lembranzas de quen viviu unha parroquia moi distinta da actual. Esa memoria, construída día a día, forma parte dun legado tan valioso como os edificios ou os documentos históricos.
Polo Quince, todo ese patrimonio volve adquirir sentido. O Campo segue escribindo a súa historia. Faino a través do patrimonio que chegou ata hoxe, do esforzo de quen o conserva e da vontade dunha veciñanza que, cada agosto, regresa para renovar un vínculo que se perde no tempo. A memoria é viva, pero tamén morrediza. Por iso, mentres haxa quen se reúna polo Quince para compartir a festa, lembrar os que xa non están e transmitir aos máis novos o significado deste lugar, a historia da parroquia continuará formando parte da memoria colectiva.
Nestas últimas edicións, a festa ten recuperado certo pulo que tiña perdido; recuperación, en grande medida, polo compromiso adquirido por persoas como Bea da Esfarrapa, Claudio e Suso, os que de xeito máis directo con adicación e ilusión seguen mantendo aceso o facho da esmorga e da convivencia entre o rito profano e a devoción relixiosa. Angueira que conleva a organización de actividades complexas como a venda de lotería, atraccións para nenos e adultos, e as sempre xustas e insuficientes cotas dos fregueses recollidas a modo de esmola indo polas poucas portas que permanecen abertas ou entreabertas…
A festa que loita contra o tempo
Resulta difícil determinar con exactitude cando comezaron a celebrarse as festas da Asunción e de San Roque no Campo. Os documentos conservados permiten seguir a súa organización desde hai máis dun século, pero todo indica que a súa orixe é moito máis antiga. Como sucede noutras parroquias galegas, a tradición transmitiuse de xeración en xeración moito antes de quedar reflectida nos libros parroquiais.
A devoción á Virxe da Asunción, patroa da parroquia, constitúe desde hai séculos o eixo da vida relixiosa local. Co paso do tempo, a celebración completouse coa de San Roque, santo protector invocado tradicionalmente contra as epidemias, cuxa presenza acabou adquirindo unha especial relevancia entre a veciñanza.
Os libros parroquiais conservan referencias ás confrarías, ás contas das festas e ás normas que regulaban a súa organización. Aqueles documentos permiten coñecer aspectos que hoxe poderían parecer secundarios, pero que axudan a comprender a importancia social da celebración. Neles aparecen anotados os gastos destinados á música, á cera, aos fogos, ás misas solemnes ou ao mantemento das imaxes, así como as achegas económicas realizadas polos confrades e pola propia veciñanza.
Durante moitos anos, a organización descansou na figura dos mordomos e das confrarías. Non era unha responsabilidade menor. Deles dependía que todo estivese preparado para recibir os días grandes da parroquia, desde a organización dos actos relixiosos ata a contratación dos músicos ou a atención aos numerosos visitantes que acudían á celebración.
As festas eran tamén un acontecemento social de primeira orde. Nun tempo no que os desprazamentos resultaban difíciles e as comunicacións escasas, constituían unha oportunidade para o reencontro entre familiares, amizades e veciñanza das parroquias limítrofes. O Campo convertíase durante uns días nun espazo de relación que transcendía os límites parroquiais.
Co paso dos anos, a celebración foi adaptándose aos cambios da sociedade. As antigas bandas e músicos ocasionais deixaron paso ás orquestras; apareceron novas actividades pensadas para públicos diversos; modificáronse horarios e formatos. Porén, o núcleo da festa permaneceu practicamente intacto: a solemnidade dos actos relixiosos, a procesión da patroa, a presenza de San Roque e o encontro da comunidade arredor dunhas datas que todos identifican, simplemente, como o Quince.
Hai xestos que se repiten ano tras ano e que forman parte da identidade da parroquia. O translado da imaxe de San Roque desde a súa capela da Esfarrapa ata a igrexa parroquial, a novena preparatoria, a misa maior, a procesión ou o regreso do santo ao seu santuario constitúen momentos esperados por moitas persoas, máis alá das súas crenzas relixiosas. Son cerimonias que pertencen tamén á memoria compartida.
Un lugar para volver
Quizais o cambio máis significativo experimentado polas festas nas últimas décadas non teña que ver coa súa organización, senón co significado que adquiriron para unha parte importante da veciñanza.
Para moitas familias, o Quince converteuse na data escollida para regresar á casa familiar. Fillos, netos e bisnetos de quen marcharon por motivos de traballo ou estudo atopan neses días unha oportunidade para manter o vínculo coa parroquia. Hai quen volve cada ano sen faltar unha soa vez; outros regresan cando lles é posible. Todos comparten a sensación de volver a un lugar que segue formando parte da súa historia persoal.
As festas permiten tamén que as xeracións máis novas coñezan un territorio que, para moitas delas, xa non é o lugar de residencia habitual, pero continúa sendo o lugar de orixe da familia. A través dos paseos polos camiños, das historias contadas polos maiores ou da participación nos actos festivos, transmítese un patrimonio que dificilmente podería conservarse só mediante documentos. Neste sentido, non está de maís invitar a propios e alleos a percorrer os camiños accesibles e sinalizados ao longo da xeografía local. Os lugares das parroquias están practicamente todos sinalizados e case todos son accesibles en vehículo ou a pé.
Por sinalar algúns dos elementos máis representativos do patrimonio arqueolóxico, suxirimos achegarse ata o conxunto de petróglifos da Área arqueolóxica de Cangues, seguir a Ruta dos castros do Irixo (PR-G 189) con dous niveis de percorrido [na versión máis longa chega ata o Castro de Souteliño, recentemente arrasado polo lume, polo que se recomenda, no caso de querer entrar, unha boa protección de pés a cabeza]. Esta ruta coincide, en boa medida, co camiño dos Arrieiros desde Corneda ata Cusanca, onde se despide no lugar do Foxo-O Irixo para adentrarse no de Lalín ou O Castro. Son centos de mámoas as que están espalladas ao longo da superficie do concello, así como algúns restos de antigas explotacións mineiras, por exemplo as que se atopan preto de Irixe no Roteiro do Campogrande, recentemente recuperada a súa sinalectica, que practicamente queda dentro dos lindes do Campo, cunha mínima incursión pola parte de Saavedra-Dadín e Orros-A Cidade.

Mostra de dous dos itinerarios oficiais cos que conta o concello, ademais da Área Arqueolóxica de Cangues. Iso supón contar con tripticos informativos nas oficinas do Concello, así como que os accesos están practicables para senderismo
Algunhas destas rutas coinciden con abundantes referencias do patrimonio arquitectónico civil e relixioso. Así, se tomamos como punto de partida a praza Manuel Penedo, coa casa do concello de inspiración arquitectónica moderna (1937), ecléctica, cunha senlleira pegada da cantería local, ou a Casa do Zapateiro, onde os membros da Xeración Nós repuxeron forzas cun xantar e sobremesa de sabores locais, ao pé atópase a ponte medieval que separa Dadín-O Campo, en cuxa clave se conserva pola cara sur a imaxe de San Pedro, patrón desta parroquia, así como un parque infantil. Na Ponte, o patrimonio arquitectónico de carácter civil queda representado pola Casa, o hórreo e o pombal da familia fidalga de dona Manuela. Ademais da capela da Fatima e o peto de Ánimas, ambos de dubidoso resultado da súa restauración.
Polo demais, non me consta que a parroquia conte con outras grandes obras das que se veñen chamando Casas Grandes como é o caso de Santiso, Sueirexe, Valduíde, Dadín, O Concieiro…pero si de abondosas mostras de arquitectura popular en case todos os lugares, solainas de dimensións singulares ( A Esfarrapa), fornos, eiras, presas, muíños…O Patrimonio eclesiástico é, quizais, o máis e mellor representado na parroquia do Campo, como nas once restantes. Así, ademais, da arquitectura-escultura dos cemiterios con interesantes traballos en cantería dos arxinas locais, son as reitorais– a maioría en ruínas e inacesibles- as que equivalen ás Casas Grandes na arquitectura civil, incluso con certo aire pacego, como pode ser a de Corneda, tullas do Campo, polo demais só quedan muros e ruínas para a memoria.
As igrexas paroquiais, tanto a do Campo como a de Corneda, que sobresaen polas súas dimensións e estilos, responden case todas a un mesmo patrón: antigüidade arredor do século XVIII e reformas posteriores. Son abondo interesantes os retablos, sobre todo o de estilo barroco do Campo, así como algunhas das imaxes dos patróns ou patroas (A virxe da Asunción, a Virxe do Carme da Pena da Sela, a das Dores en Corneda, Santa Baia de Reádigos…). Da de Santo Estevo de Cangues pódese suliñar algunha pegada da época románica (XIII), por ser única na localidade.
PASAMOS LISTA!: Velaí unha boa mostra, do que eu entendo como documento sociolóxico, sobre a situación escolar do momento na decáda dos sesenta, sen ánimo de incorrer no dereito á protección de datos e á intimidade dos presentes e ausentes. Situación moi semellante nas demais 29 escolas que nese intre existían no concello.
Relación nominal de los niños matriculados en esta escuela de Casares de Campo, comprendidos en las edades de 6 a 13 años, con expresión de los que pertenecen a este distrito escolar, pero que por algún motivo no están matriculados.
Nombre y apellidos
José Manuel Álvarez Taboada
Darío Álvarez Taboada
Maximino Álvarez Taboada
Luis Penedo Iglesias
José Manuel Cerdeira Penedo
Aurelio Domínguez Prieto
José Luís Rodríguez González
Manuel Prieto Domínguez
Gerardo Pájaro Nogueira
Manuel Pájaro Nogueira
Alfonso Dalama Pereira
Gerardo García Hermida
Luis Freijedo Lois
Antonio Trigás Iglesias
José Manuel Trigás Campos
Alfonso Ferradás Blanco
Manuel Taboada Beltrán
Antonio Freijedo Lois
José Lois Ferradás
Manuel Presas Fariñas
Isaac Presas Fariñas
Manuel Domínguez Rivas
Manuel Nogueira Vázquez
No matriculados Observaciones
Isaac Covela González ….. En Cusanca con abuelos
Luis Rocha Nogueira………. Emigrado en Alemania
Julio Rocha González……… Emigrado en Alemania
Antonio Lema Rodríguez…. Emigrado en Venezuela
Luis Lema Rodríguez………. Emigrado en Venezuela
Metodio Ferradás Rivas……. Cursa Enseñanza Media
Julio Dobarro Ferradás……… Cursa Enseñanza Media
Jorge Rocha Noigueira……… Emigrado en Alemania
Alberto Rocha Nogueira……. Emigrado en Alemania
Benito Nogueira Bernádez…. Cursa Enseñanza Media.
Casares de Campo, 29 de mayo de 1969
El Maestro
Firma: Florentino Pérez
Relación nominal de las niñas matriculadas en esta escuela de Casares de Campo, comprendidas en las edades de 6 a 13 años, con expresión de las que pertenecen a este distrito escolar, pero que por algún motivo no están matriculados:
Nombre y apellidos:
María Teresa Taboada Gil
María Rosa Rodríguez Nogueira
Carmen Pájaro Nogueira
Celina Domínguez Rivas
María Rosa Domínguez Prieto
María del Carmen Rodríguez González
Concepción Rodríguez González
María Concepción García Civeira
Alicia García Civeira
María Anuncia Civeira Fernández
María Fe Freijedo Lois
Elisa Álvarez Taboada
No matriculadas Observaciones
Florinda Taboada Gil….. Cursa Enseñanza Media
Rosa Cerdeira Rivas…… Emigrada en Venezuela
Martina Fariñas Fraga…. Emigrada en Francia
María del Carmen Fariñas..Emigrada en Francia
Blanca Cerdeira Lousado… Emigrada en Venezuela
Teresa Cerdeira Lousado… Emigrada en Venezuela
María Felisa Lamas Prieto…Cursa Enseñanza Media
Remedios Lamas Prieto……..Con abuelos en Condomiña
María Covela Ferradás ……..Cursa Enseñanza Media
Casares de Campo, 29 de mayo de 1969
La Maestra
Firma: Rosa Bernárdez

Os listados anteriores son abondo fieis aos escolantes e mestres da foto
Con respecto ao patrimonio natural, ademais da importancia económica que supón a existencia do río Viñao, que practicamente, xunto co Pedriña e o Froufe, regan todo o territorio local, e foron aproveitados para usos industriais como serrradoiros -áta sete, a mediados do XX- , muíños e batáns; na actualidade contribúen a manter o difícil equilibrio entre a modernidade coas depuradoras que verten a aqueles de xeito indiscriminado e uns bosques de ribeira no que certas especies de flora e fauna corren un perigo extremo.
Sobre os montes, a presenza das torres eólicas están a afear a paisaxe, pero, quizais é un mal necesario se temos presente a tendencia a substituir outras enerxías por unha máis limpa como pretende a eólica. Ademais de contribuír á mellora dos espazos da contorna coas correspondentes indemnizacións ás Comunidades de montes en man común, que, polo que podemos observar, son varias as que están roturando eses montes e destinándoos a pastizais ou plantacións ordenadas.
A diversidade vexetal non só non se reduce senón que se estende, en cantidade e variedade. O que está a xerar un dos máis graves problemas que afectan ao vecindario: a limpeza das parcelas, non tanto en veigas, prados e montes alonxados -que tamén-, senón os da faixa de protección dos lugares, o que conleva unha carga administrativa importante por parte da Alcaldía -son centos de cartas as que se envían aos propietarios, moitas delas son devoltas por descoñecerse ou non responder fielmente o Catastro coa propiedade-, e de difícil resolución polos titulares en canto a recursos disponibles de man de obra e maquinaria apropiada.
Polo de agora vanse salvando algunhas carballeiras, que como no caso do Campo, nas Campinas, en Casares ou A Ponte-Irixe conservan algúns espazos dignos de ser protexidos, como poden ser outras carballeiras ou exemplares individuais no Tellado, A Pena da Sela, A Lama-O Campo; Surribas-Froufe, Munín…
Por iso, falar das festas do Campo é falar tamén dunha forma de manter vivo o vínculo coa terra. A celebración funciona como unha ponte entre o pasado e o presente, entre quen permaneceu e quen marchou, entre a memoria individual e a memoria colectiva.

Memoria para o futuro
A historia dunha parroquia non remata nunca. Cada xeración engade unha páxina nova a un relato colectivo que se escribe con acontecementos grandes e pequenos, coa vida cotiá e cos cambios que trae cada época. O Campo non é unha excepción. A súa historia continúa aberta.
Nos últimos cen anos a parroquia experimentou transformacións profundas. Cambiou a maneira de “non” traballar a terra, modificouse a paisaxe coa chegada do ferrocarril e da alta velocidade, reduciuse a poboación e desapareceron moitos dos oficios e servizos que durante décadas formaron parte da vida diaria. O mundo no que viviron os avós pouco ten que ver co que coñecen hoxe os máis novos.
E, con todo, hai elementos que permanecen. A igrexa segue presidindo a parroquia; os camiños de carro substituídos por asfalto continúan unindo os lugares; as pontes, os muíños, os cruceiros e as capelas permanecen como referencias dunha historia compartida. Mesmo cando cambia a súa utilidade, seguen explicando a forma de vivir dunha comunidade que soubo adaptarse ás circunstancias sen romper completamente cos seus referentes.
Ese patrimonio necesita algo máis que conservación material. Precisa tamén ser coñecido. Os edificios poden restaurarse, pero os nomes dos vinte lugares -A Ponte, Irixe, O Porto da Veiga, A Laíña, O Cardedo, A Reguega, A Felgueira…- as historias familiares, os costumes ou as tradicións só perduran se alguén os transmite. A memoria oral, tantas veces considerada secundaria, constitúe unha fonte tan valiosa como os documentos escritos.
Os libros parroquiais, os arquivos municipais e as publicacións históricas permiten reconstruír unha parte importante do pasado do Campo. Mais ningún documento substitúe a lembranza de quen viviu os traballos da malla, o paso do tren coa maquina de carbón, as vinte e nove escolas do concello, os antigos oficios ou as festas cando a parroquia contaba con centos de mozos e mozas, que, segundo a tradición se atribúen determinados pratos típicos como o de comer a cabra no Campo ou o arroz en Loureiro.
Por iso resulta tan importante recoller ese patrimonio inmaterial antes de que desapareza. Cada fotografía identificada, cada documento conservado, cada topónimo recuperado ou cada lembranza compartida contribúe a completar unha historia que pertence ao conxunto da comunidade.
As festas do Quince ofrecen cada ano unha oportunidade para esa transmisión. Entre conversas familiares, reencontros e paseos polos lugares da parroquia -roteiro como o do Campogrande, recentemente recuperando a sinalización- circulan tamén historias, apelidos e recordos que dificilmente atoparán espazo nos arquivos, pero que forman parte esencial da identidade do Campo.
Nun momento en que boa parte do rural galego afronta problemas semellantes —envellecemento, perda de poboación e abandono do territorio—, O Campo conserva motivos para confiar no seu futuro. O patrimonio que atesoura, a implicación da veciñanza e o apego de quen regresa cada verán constitúen unha base sólida sobre a que seguir construíndo.
Polo Quince, cando as campás, fogos e alborada convocan de novo a veciñanza e a parroquia recupera durante uns días o bulicio doutras épocas, O Campo non celebra só as súas festas patronais. Celebra, sobre todo, a continuidade dunha historia compartida. Unha historia feita de persoas, de lugares e de lembranzas que, malia seren fráxiles, seguen dando sentido a unha comunidade que se recoñece na súa terra e na súa memoria.
Nota: O obxectivo destas reportaxes é o de servir de estímulo e información sobre unha das tradicións máis asentadas entre a veciñanza desta ou outras parroquias como é a celebración das festas patronais. Polo tanto, non é posible unha información pormenorizada sobre moitos aspectos que configuran a existencia dunha parroquia nin histórica, nin social ou economicamente. Só suxerir unha inmersión na contorna e na medida do posible contribuír á súa conservación e mellora no plano social e cultural. Para un coñecemento máis puntual, suxiro a visita a algunhas das colaboracións publicadas ao longo destes ultimos cinco anos no xorna dixital Badal Novas ou algunha publicación da miña responsabilidade. Para o que pido a maior comprensión e tolerancia para un afeccionado como “escribente” que, como outras persoas, aprendeu a deletrear e garabatear da man de Don Florentino na escola de Casares, como as nenas con Dona Rosa, e así, por congostras lamacentas, de fel, poder celebrar o septuaxésimo aniversario no ano que andamos. Por iso, pola parte que e toca, súmome á campaña: Eu Campo. E ti?.
Nesta ocasión, e como algo que vai facilitando o labor, conto co apoio da IA a efectos de síntese das reportaxes publicadas anteriormente sobre a parroquia do Campo.
O Cardedo-O Campo
10 de agosto de 2026
Xulio Dobarro Ferradás



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro:Reádigos “ben merece unha misa…”. Misa solemne na honra de San Lourenzo
Xulio Dobarro: “A Espiñeira-O Irixo, entre Deza e Orcellón, festas na honra de san Pedro Fiz
Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)
Xulio Dobarro. O Irixo: última -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.










