Xulio Dobarro: “San Xiao de Parada Labiote-O Irixo, en festas-2026”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Unha parroquia de límites cambiantes

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Parada (de) Labiote é unha das parroquias máis singulares do concello do Irixo, dada a pequena superficie e o número de lugares (Parada, Nogueiroa, Xirei e Prexigueiro) anque xa foi máis extensa ata cando pertenceron a ela núcleos que foron adscritos á do Regueiro (Espiñeiros, O Paraño, Cerdeira de  Abaixo e de Arriba))  pero cunha historia especialmente densa. O seu territorio, que o define Otero Pedrayo como labio da serra /… alí a tradición é fresqueira com´o labio do norte i-a pel dos bidos”  reúne vestixios dun pasado administrativo propio, arquitectura tradicional, patrimonio relixioso e etnográfico, espazos naturais de interese e unha memoria veciñal na que aínda permanecen os sinais das profundas transformacións experimentadas ao longo dos  últimos anos.

Percorrer hoxe Parada é tamén observar as consecuencias dun proceso que afecta a boa parte do rural galego: o progresivo descenso da poboación,  ano 1969: 436 habitantes, 2020:142;  vivendas clausuradas e construcións anexas en ruínas, así como a perda da maioría dos usos tradicionais. Pero, ao mesmo tempo, é descubrir unha parroquia na que continúan presentes numerosos elementos capaces de explicar como foi a vida das xeracións anteriores.

A historia administrativa de Parada de Labiote está marcada polos cambios. Foi concello ata arredor de 1835 e, posteriormente, a organización parroquial tamén sufriu unha transformación importante. O Arranxo Parroquial de 1893 provocou a saída de varios lugares que ata entón dependían de Parada, como vimos de sinalar.

A configuración actual é, polo tanto, o resultado dunha historia territorial moito máis complexa do que pode aparentar a súa reducida superficie. Na actualidade conta con arredor de 7,5 quilómetros cadrados,  é a segunda parroquia máis pequena do concello, despois de Cangues. Con todo, atópanse dous dos núcleos máis poboados do Irixo: Parada Labiote e Nogueiroa.

Esta aparente contradición —pouco territorio e relativa concentración de poboación— pode estar relacionada coa importancia histórica de Parada como antiga cabeceira municipal e como lugar de paso. O propio nome, Parada, segundo a interpretación máis común, podería facer referencia a un punto de descanso nas antigas comunicacións entre O Ribeiro, Santiago e as terras de Deza, frecuentadas por arrieiros e peregrinos.

Máis complexa resulta a orixe de Labiote. A documentación antiga recolle diferentes formas do topónimo -como Parada Labiote na recopilación de “Papeletas geográficas” da man do monxe bieito Padre Sobreira (1746-1805)-, e o uso do vocábulo “labio”,  como accidente xeográfico, por parte do xeográfo Otero Pedrayo que podería relacionarse coas terras que el denomina de “bocarribeira” como consecuencia da fractura do terreo que queda a cada lado dunha falla xeolóxica, coa variante “Labiote” como diminutivo

A mellor maneira de coñecer a parroquia é percorrela. O acceso pode facerse desde a N-541, entre Ourense e Pontevedra, nun desvío á man dereita e abeirando a parroquia de Xendive-Boborás, antes de iniciar a subida ao Paraño, ou desde A Ponte-O Irixo pola OU-0417, cruzar a parroquia da Cidade, ou desde a parroquia de Reádigos.

Lobio en Xirei que mantén a tradición das cepas cubrindo os camiños. Bandeiras galega e española na Seara, o día da festa. Conxunto etnográfico en Nogueiroa. Castiñeiro en Prexigueiro.

O primeiro lugar que aparece nesta segunda entrada é Xirei. Aquí o proceso de despoboamento resulta especialmente evidente. O lugar, que hai aproximadamente cento vinte anos superaba o centenar de habitantes, apenas conta con dous veciños na actualidade. A antiga escola-vivenda, xa en ruínas, é unha das primeiras imaxes que anuncian a transformación sufrida polo territorio.

Pero Xirei tamén conserva sinais dunha paisaxe rural que se resiste a desaparecer: cepas centenarias, piares e outras estruturas vinculadas á viticultura e á arquitectura tradicional. Son pequenos elementos que, contemplados en conxunto, permiten reconstruír unha maneira de habitar o territorio.

A pouca distancia atópase Prexigueiro. Non debe confundirse co coñecido lugar termal do Ribeiro, como advirte un letreiro á entrada do lugar. Este Prexigueiro pertence á parroquia de Parada e caracterízase pola abundancia de auga -non termal- onde as minas e mananciais aparecen integrados entre as casas, mentres a lousa e o granito compoñen unha arquitectura adaptada aos materiais da contorna.

O lugar, ancorado á aba do monte, conserva importantes exemplares de castiñeiros, aproveitando esa situación en escorrentía. A riqueza vexetal da parroquia foi recollida nunha publicación adicada ao coñecemento das árbores e conxuntos senlleiros do Irixo, seguindo unhas rutas, e forma parte dun importante  patrimonio natural (Árbores singulares do Irixo).

Unha das particularidades arquitectónicas da parroquia, que ten reclamado a  atención,  é o emprego de pasaxes públicas por baixo de construcións elevadas e privadas. Esta solución arquitectónica aparece en Prexigueiro, Parada e, con maior intensidade, en Nogueiroa. A súa orixe pode interpretarse como territorio compartido e á vez como ampliación das construcións máis antigas.

Parada, centro da parroquia

O núcleo que dá nome á parroquia constitúe o seu centro neurálxico. Oficialmente denominado Parada de Labiote e asociado tamén á advocación de San Xulián ou San Xiao, reúne boa parte dos elementos que permiten comprender a evolución histórica da contorna..

A igrexa parroquial, datada no século XVIII, permanece como unha das principais referencias arquitectónicas. O seu contorno conserva numerosos elementos de cantería, especialmente no cemiterio, onde aparecen panteóns ornamentados a base de cruces, pináculos, motivos vexetais e representacións de santos.

O conxunto sacro corre, porén, o risco de perder parte da súa visibilidade. O crecemento dos enterramentos no adro pode chegar a ocultar a propia igrexa, mentres a antiga reitoral permanece pechada e ameazada polo abandono. A vexetación espontánea, de entre outras, as abeleras, xa comeza a ocupar espazos que noutrora tiveron un uso moi diferente.

Entre os panteóns destaca especialmente un, situado á dereita da entrada principal. A decoración representa as tres virtudes —Fe, Esperanza e Caridade— e presenta unha riqueza ornamental que permite relacionala coa tradición dos canteiros da comarca.

Esta tradición artística non é exclusiva de Parada. Obras e influencias semellantes aparecen noutros cemiterios do Irixo, A Cidade, O Campo, e dos concellos próximos como Boborás. O mestre canteiro Jesús González González, coñecido como Saavedra ou O Santeiro, aparece asociado a parte destas construcións-esculturas, así como dos seus coetáneos.

Os cemiterios convértense así en auténticos espazos de patrimonio etnográfico, nos que a pedra, a relixiosidade popular e a memoria das familias forman un conxunto inseparable. As inscricións lapidarias son unha mostra senlleira das estirpes familiares e de moitos apelidos inspirados na toponimia da contorna, aínda que, en case todos os casos, castelanizados: “Prejigueiro”

O percorrido leva finalmente a Nogueiroa, o outro  núcleo máis importante da parroquia. Aquí o contraste entre pasado e presente resulta especialmente evidente. Ao lado de construcións modernas sobreviven casas tradicionais e edificacións en ruínas. Na antiga eira, convertida agora en campo da festa, permanecen hórreos de diferentes características, algúns con piares de lousa e balaústres de madeira e outros realizados con materiais máis recentes.

O conxunto inclúe tamén un cruceiro moderno, atribuído a P. Lalín, con abundante decoración. Na parte oposta da praza aparece unha construción peculiar que acolle a capela adicada ao Santo Antón. Na súa planta inferior atópanse unha fonte e un lavadoiro alimentados por augas procedentes de Cebral, que, desde cando se inaugurou a traída, é lembrada  solemnemente con festa incluída.

A presenza destes elementos explica a importancia que tiveron historicamente os espazos comunitarios. A auga, o lavadoiro, a eira, a capela ou o campo da festa eran puntos de encontro nos que se desenvolvía boa parte da vida colectiva.

Hoxe, Nogueiroa conserva parte desa función, ao contaren cun local social, convertido en punto de encontro destinado a esas celebracións veciñais, como unha mostra de como determinadas tradicións poden adaptarse aos novos tempos, e así evitar a súa extinción definitiva.

Desde O Paraño, Nogueiroa e Parada no “labiote da serra”. Escola-vivenda en Xirei. Prexigueiro

Paisaxe, auga e patrimonio vexetal

A natureza é outro dos grandes elementos definidores de Parada. A parroquia está atravesada por cursos de auga procedentes de Froufe e O Testeiro, que alimentan o río Lobagueira, ata a desembocadura no Viñao, á altura de Porto-Pereiras. Os soutos, carballeiras, e corticeiras que miran cara Reádigos, completan unha paisaxe na que a diversidade vexetal ten un peso considerable.

O patrimonio natural, entre o abandono e a presenza dalgunha incursión alóctona, está ameazando as corticeiras e carballeiras que cada vez vense máis rodeadas por eucaliptos, nun proceso que modifica progresivamente a paisaxe tradicional do toxo, a uz, o carrasco, a carqueixa, o codeso…

A propia toponimia ofrece unha especie de inventario da antiga biodiversidade. Os nomes relacionados coa auga, ou hidrotopónimos, son numerosos: A Lama, As Barcias, Caneiro, Píos, Lameiro, Braña, Regato de Froufe, Río Redondo, Presas das Puzas ou Val da Lagoa, entre outros.

Igualmente abundantes son os fitotopónimos, relacionados coa flora: Nabal, Viña Codesal, Piñeiro, Loureiro, Carballeira, Reboredo, Cadaveda, Souto, Nogueira, Cerdeira, Carballal, Uceira ou Toxeira. Os topónimos vencellados á fauna completan esta diversidade tradicional e lingüística: Palomar, Colmeas, Foxo, Teixugueiras, Albariza ou Abilleira.

A microtoponimia convértese así nunha fonte de información sobre o pasado aproveitamento do territorio e sobre a relación histórica entre as persoas e o medio natural.

A memoria social dunha parroquia

A historia social de Parada tamén merece unha atención diferenciada, non só dentro do concello do Irixo, senón tamén a nivel provincial e estatal, porque, a comezos do século XX a parroquia converteuse nun dos focos do movemento agrario, coa presenza de Basilio Álvarez, “O Cura de Beiro”, ( Ourense, 1877-Tampa, 1843) -que algúns defenden que debería ser “O cura de Parada”–  pois, como párroco contribuíu a impulsar unha conciencia reivindicativa entre os habitantes, asumindo as reivindicacións da veciñanza na demanda de comunicacións por estrada e da continuidade das obras do ferrocarril en construción,  pero a evolución posterior debe entenderse dentro dun proceso colectivo máis amplo, con actuacións abondo polémicas, tal e como se pode consultar na obra de Miguel Cabo Villaverde; “A vida desmedida de Basilio Álvarez”.

Retallo da entrevista a Basilio Álvarez. Este no museo de Pontevedra (Pintura de A.D.R. Castelao

En 1914 constituíuse en Parada a Sociedad de Agricultores y Oficios Varios del Ayuntamiento de Irijo, que chegou a ter unha presenza importante no concello. A organización estaba vinculada ás transformacións que estaba a vivir o campo galego, especialmente á defensa dos agricultores e ás reivindicacións relacionadas coa propiedade da terra e a supresión do foro.

Tamén a emigración deixou unha pegada profunda. Familias que marcharon a América regresaron posteriormente introducindo novos coñecementos, ferramentas e formas de traballar. Os irmáns Diéguez Cerdeira son un exemplo desta dinámica. O seu retorno estivo relacionado coa introdución do arado de ferro e dos abonos químicos e coa participación no asociacionismo agrario.

En 1931 construíuse no lugar do Cruceiro a Casa do Pobo, unha mostra da importancia que acadaran naquela altura as formas de organización colectiva. A existencia deste espazo reforza a imaxe dunha parroquia cunha importante capacidade de mobilización social.

A vida parroquial tamén se mantivo arredor das celebracións relixiosas. A festa de San Bertolameu, celebrada o 24 de agosto, é un dos momentos nos que a tradición continúa reunindo os habitantes.

Retablo principal da igrexa parroquial; San Xiao no centro. Á dereita, S. Bertolameu

San Bertolameu é unha figura especialmente característica da iconografía cristiá. Representado co coitelo e coa pel, e un demo que combate aos seus pés, está relacionado coa historia do seu martirio que sería esfolado vivo, quitándolle a pel a tiras, sendo que na tradición galega se lle atribúan diversas funcións protectoras exercidas sobre os entangarañados ao loitar contra os demos agochados nas imaxes dos ídolos. En Galicia son 36 as parroquias das que é o seu patrón e sexa considerado como abogoso para a protección da facenda, das enfermidades, da presenza das alimañas, dos lumes, das mulleres no parto, dos nenos que choran de noite. Os seus santuarios, como é o caso de Segade-Cusanca e de  Parada soen estar en puntos elevados. No caso de Parada comparte protagonismo co patrón da parroquia, San Xiao, ao que acompañan dous motivos relativos á tradición, o falcón e a arma homicida,  en cuxo retablo principal se reserva a rúa central, sobre o sagrario.

 Sobre a súa iconografía de San Xiao, Xián, Xulián, en Galicia constan versións diferentes. A de Parada corresponde ao que se identifica como “parricida” e “hospitaleiro”, que, segundo a tradición, a súa afección á caza, un día mataría un cervo que, antes de morrer profetizoulle que acabaría matando a seus pais. Para fuxir deste destino, Xiao emigrou e púxose ao servizo dun rei. Despois de casado cunha muller de liñaxe acomodada, os pais daquel deciden saír na súa busca. Cando chegan ao domicilio do fillo, a nora dálles pousada e descansan no leito matrimonial. Cando chega Xiao, este cre que é a súa dona a que está compartindo o leito con outro home polo que, enfurecido e confuso, dispara sen reparo sobre os pais. Descuberta a traxedia, o matrimonio decide, como penitencia, instalarse ao carón dun río e levantar un hospital de peregrinos, polo que se chegará a confundir a súa hospitalidade coa do apóstol Santiago. Así é considerado patrón dos barqueiros, cazadores,  venérano os viaxeiros, peregrinos e alberguistas.

A igrexa conserva tamén outras imaxes, entre elas a de San Roque, o Sagrado Corazón, a Inmaculada, a Virxe do Carme e a Virxe das Dores. Cada unha delas forma parte dunha tradición devocional que foi construíndo ao longo do tempo a identidade relixiosa da comunidade.

Un futuro condicionado polo despoboamento

Os datos demográficos son probablemente a parte máis contundente da evolución recente de Parada. A comparación entre os rexistros históricos e os datos contemporáneos mostra unha perda de poboación moi acusada.

Parada de Labiote pasou de 762 habitantes a finais do século XIX a 142 en 2020. Nogueiroa descendeu de 201 a 52; o núcleo de Parada, de 248 a 75; e Prexigueiro, de 72 a 13. Xirei, que chegara a superar o centenar de habitantes, quedara reducido a dous.

Os números explican o que se observa ao percorrer a parroquia: escolas abandonadas, vivendas pechadas, reitoral sen uso e construcións tradicionais derrubadas pola falta de mantemento.

O problema non é unicamente demográfico. Cando desaparecen habitantes desaparecen tamén usos, coñecementos e formas de relación co territorio. Unha eira deixa de ser un lugar de traballo para converterse en aparcadoiro; a fonte e o  lavadoiro perden a súa función como abrevadeiro para a facenda, que xa non existe; verbas de uso cotián deixan de utilizarse; e os microtopónimos corren o risco de desaparecer coa memoria das persoas que os coñecían.

Pasando lista nas escolas de Parada e Nogueiroa, cando xa trancorreron uns 57 anos. Contaba Nogueiroa daquela con 20 escolares e Parada con 26. Polo tanto, só a parroquia de Parada superaba con  máis alumnado  ao do grupo escolar na actualidade

Por iso a conservación do patrimonio de Parada non debería limitarse aos edificios máis destacados. Tamén forman parte del os camiños, as fontes, os hórreos, os cemiterios, as árbores, a toponimia, as festas e os relatos familiares.

Un territorio para conservar

Parada de Labiote ofrece, en definitiva, unha imaxe condensada das transformacións experimentadas pola Galicia rural. Foi desde antigo parroquia e concello, con estremas  cambiantes, un lugar de paso e de encontro, un territorio de labregos, buscadores de mineral nas abas do Testeiro e de transporte polo camiño de nome abondo transparente, Malpaso, de cara ao Paraño, outros, emigrantes como tantos,  e un espazo no que a organización comunitaria tivo un papel relevante.

A súa riqueza actual non se mide polo número de habitantes, senón pola cantidade de sinais que permanecen sobre o territorio. Igrexa, cemiterios, hórreos, capelas, fontes, lavadoiros, cruceiros, casas, pasaxes, árbores e cursos de auga compoñen un mosaico patrimonial que se completa coa memoria viva das persoas, denantes que esta feneza.

O maior desafío é evitar que o despoboamento leve consigo todo ese patrimonio. A recuperación e identificación das imaxes relixiosas, a conservación da arquitectura tradicional, a protección das árbores e formacións vexetais, a investigación da microtoponimia e a recuperación da memoria oral poden contribuír a manter a futuro a identidade da parroquia.

Porque Parada non é só o que queda das súas casas ou o número de persoas que figuran no padrón. É tamén o que lembra a pedra dos seus cemiterios, as familias, o que revelan os nomes dos lugares, o que permanece nas festas e o que aínda se pode descubrir percorrendo os seus camiños.

Un territorio pequeno, pero ben xeitoso, que conserva nas súas paisaxes e nas súas construcións as pegadas de varias xeracións e que reclama, antes de que sexa demasiado tarde, unha mirada atenta sobre o seu patrimonio e a súa memoria oral e escrita.

NOTA: Sobre o nome da parroquia, o Nomenclátor 2026 mantén a denominación de “San Xulián de Parada de Labiote”. O que non ten que ser impedimento, con permiso dos fregueses, para considerar a variante de “San Xiao de Parada Labiote” polas razóns expostas.

 Para unha maior información sobre a parroquia poden consultarse publicacións anteriores neste mesmo xorna dixital, “Badal Novas”, ou no libro de J. Hervella, “Irixo”, ademais da inestimable axuda da IA.

O Irixo, 19 de agosto de 2026

Xulio Dobarro Ferradás


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Xulio Dobarro:

Xulio Dobarro: “Cusanca en festas: mil  quiñentos anos de memoria e patrimonio”

Xulio Dobarro: “O Campo-O Irixo, polas festas do “Quince”, memoria viva e morrediza”

Xulio Dobarro:Reádigos “ben merece unha misa…”. Misa solemne na honra de San Lourenzo

Xulio Dobarro: “A Espiñeira-O Irixo, entre Deza e Orcellón, festas na honra de san Pedro Fiz

Xulio Dobarro: “Corneda, memoria viva dunha parroquia con raíces milenarias, entre o lume e a esmorga”

Xulio Dobarro: O Irixo: convocatoria aberta á participación, difusión e colaboración para a representación d´a Farsa de Cusanca e Orcellón .

Xulio Dobarro. : O Irixo. Da escola á universidade ( V parte) Agustín Alén (a Alén-Froufe-o Irixo-Ourense: 16 de agosto de 1771)

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 4ª parte). O Ensino Primario, A Xunta Local de Primeira Ensinanza e O Couto Escolar

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 3ª parte). Ensino obrigatorio e acceso ao ensino medio : (séc. XIX-XX)

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 2ª parte). Inspección escolar de 1877

Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)

Xulio Dobarro. O Irixo: “Desamortización eclesiástica en Orense” ( don Ramón O. P.) sobre bens e rendas aforadas na contorna local

Xulio Dobarro. O Irixo: última  -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)

Xulio Dobarro. O Irixo: Introdución ao Catastro de Ensenada segundo don Ramón O. P. A xurisdición de Orcellón e a Encomenda de Pazos de Arenteiro 

Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá

Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”.  De Ourense a Compostela

Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía

Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque

Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor  e  A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”

Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------