O grupo municipal de Ribero en Común de Ribadavia presentou para o seu debate no Pleno da Corporación do vindeiro xoves unha moción para que “o Concello, a través do seu goberno, inclúa nos orzamentos de 2026 os verdadeiros problemas de Ribadavia, entre outras, unha partida suficiente para a adquisición de solo destinado a promoción pública de vivenda, a través do IGVS da Consellaría de Vivenda”, e agardan que “esta vez sí se cumpra o acordo”.
Dende esta formación política lembran que “este programa da Consellaría de Vivenda é para que os concellos galegos oferten solo de titularidade municipal e a Xunta poida construír vivenda protexida”. Aseguran non comprender “como o Concello de Ribadavia non se sumou a este programa, cando o noso grupo xa levou a Pleno a proposta de adquirir terreos dotacionais para cedelos á Xunta, e, a pesar de ser un acordo plenario aprobado, o goberno municipal nada fixo ao respecto para cumprilo”.
“Vemos como noutros municipios, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, está a asinar convenios con outras alcaldías para impulsar a construción de vivenda protexida en diferentes municipios, no marco do programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais”, apunta Brais Fidalgo, voceiro de Ribeiro en Común. E engade que, “sen embargo, o alcalde de Ribadavia ignora as nosas propostas e acordos plenarios, mentres prioriza andar de viaxes ou visitas culturais fora do Concello”.
E lembra que o ano pasado, unha moción de Ribeiro en Común “fora aprobada solicitando que se adquirira un solar para, entre outras cousas, a cesión á Xunta para promoción de vivenda pública”, en referencia a un terreo do barrio de San Lázaro, siturado entre a vila e a parroquia de Francelos.

















