O Concello do Carballiño repartirá preto de 8.000 euros entre as mellores comparsas do ‘gran desfile’ do Entroido

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, repartirá preto de 8.000 euros entre as mellores comparsas do Gran Desfile de Entroido do martes 17 de febreiro. A convocatoria do concurso, no que se poden anotar todo tipo de colectivos (asociacións xuvenís, culturais, veciñais, grupos e centros educativos, entre outros), permanecerá aberta ata 23,59 horas do día 13 de febreiro.

Diego Fernández, concelleiro de Cultura, convida á poboación a participar no desfile e encher as rúas do Carballiño de creatividade e orixinalidade. “Non só convidamos ás comparsas da comarca, senón tamén do resto da provincia e de Galicia, entre todos facemos deste desfile unha data emblemática no calendario do Entroido”, apunta o edil. De feito, cada ano son máis as persoas que se achegan ao Carballiño para desfrutar do desfile e da calidade das comparsas participantes.

A Concellería entregará oito premios en metálico de 1.300, 1.000, 800, 400, 350, 300, 250 e 200 euros ás oito mellores agrupacións. Ademais, as cinco primeiras comparsas gañadoras contarán cun incremento de 250 euros sempre que participen no desfile da Festa da Cachucha (domingo 22 de febreiro). Tamén se fará entrega de 12 accesits de 120 euros ás comparsas que non acaden ningún dos premios anteriores. Por outra banda, as propias comparsas deberán votar á mellor agrupación, que recibirá un premio especial de 300 euros.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O xurado, presidido polo concelleiro de Cultura, contará cun membro de cada grupo político con representación no Concello, un representante do comercio, un representante do movemento veciñal e un representante do ámbito cultural. Como secretario actuará un traballador do Concello do Carballiño. A lectura da acta de gañadores levarase a cabo despois do Gran Desfile, durante a actuación do Grupo Noria na Praza Maior.

Entre outros puntos, o xurado valorará a orixinalidade, a posta en escena, a empatía co disfrace, o acompañamento musical, o disfrace e maquillaxe, a coreografía ou o número de compoñentes da agrupación.

A inscrición das comparsas formalizarase por escrito na sede electrónica do Concello do Carballiño (carballino.gal) ou no rexistro municipal en horario de oficina (de 9,00 a 14,00 horas).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------