Os grupos de traballo do proceso social Lingua Vital concretaron hoxe en Santiago o contido do protocolo que será presentado o 14 de marzo na Praza da Quintana de Santiago. Este protocolo parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e establece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.
Dende Queremos Galego recórdase que o Protocolo Lingua Vital é o resultado dun proceso no que participaron directamente 57 entidades sociais de todos os sectores co apoio de 396 colectivos. Os grupos de traballo foron constituídos por un centenar de persoas activas en cada ámbito e a proposta foi debatida en todas as comarcas de Galiza, de onde chegaron máis de 1300 achegas e propostas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Se todas e todos nos unimos é posíbel actuar para reverter a emerxencia linguística”, afirmou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira. “A presentación do protocolo o 14 de marzo abrirá unha nova etapa na que as entidades sociais aumentarán a presión aos poderes públicos coa súa propia actuación con medidas claras e definidas colectivamente”, concluiu.
A praza da Quintana acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea multitudinaria e aberta na que Queremos Galego presentará á sociedade os resultados do proceso social Lingua Vital

















