O Supremo recoñece a vulneración de dereitos e afecta toda a poboación da Limia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Auga Limpa Xa! saúda a sentenza do tribunal polos riscos para a saúde que supón a contaminación das augas do río, esixe que se declaren as comarcas como Zona Vulnerábel e se faga un estudo do impacto da contaminación na saúde de todas as veciñas e veciños.

A plataforma Auga Limpa Xa! saúda a sentenza do Tribunal Supremo que dá a razón ás veciñas e veciños das Conchas que demandaron á Xunta, á CHMS e a varios concellos polos riscos que para a súa saúde supón a contaminación das augas do río Limia.

A plataforma opina, como as organizacións que estiveron detrás desta demanda -Amigas da Terra, a CECU e ClientEarth-, que tanto a Xunta de Galiza como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil deben inmediatamente proceder a executar a sentenza e poñer freo á contaminación do Limia, desde a cabeceira do río até os encoros das Conchas e do Lindoso, para o que é imprescindíbel actuar sobre toda a cunca do río contra as malas prácticas da gandaría industrial, sinalada na sentenza do TSXG como a principal causante desta contaminación, sentenza que agora reafirma o Supremo.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Auga Limpa Xa! incide nas súas esixencias á Xunta para que, como administración competente, avance na declaración destas comarcas limianas como Zona Vulnerábel pola contaminación das augas por nitratos co fin de que se empecen a adoptar medidas para, entre outras cuestións, favorecer as boas prácticas agrícolas e gandeiras así como unha adecuada xestión dos xurros. E para que a Consellería de Sanidade realice de maneira urxente un estudo amplo e fondo da incidencia dos cancros na poboación da Limia para coñecer de vez as dimensións dos efectos desta contaminación na saúde humana.

Auga Limpa Xa! mantén desde o ano 2019 unha actividade de información á poboación e denuncia do papel das autoridades a respecto da problemática da contaminación das augas na Limia, recollendo a tradición dunha loita de moitos anos contra os impactos da crecente gandaría industrial. Sabemos que as Administracións, tanto a autonómica como a estatal, levan décadas eludindo o problema e tratando de agochar a súa responsabilidade e que, máis unha vez, volverán a propoñer solucións ficticias -como o foi a Mesa da Limia e o nunca implantado Plan Estratéxico da Limia-.

Mais o problema non só non desapareceu, medrou, e mesmo se expande cara a comarcas e sistemas hídricos veciños. Agora que a Xustiza decidiu, grazas á iniciativa das veciñas e veciños das Conchas, intervir no problema, a inacción xa non é unha opción nin para a Administracións nin para as axencias como a CRMH nin para os concellos (todos afectados) nin para os representantes políticos.

Se a Xustiza, tanto na Coruña como en Madrid, vén de determinar que o dereito á saúde das veciñas e veciños das Cochas está sendo vulnerado por parte das Administracións, quere isto dicir que o mesmo dereito fundamental de TODAS E TODOS OS VECIÑOS DAS COMARCAS LIMIANAS ESTÁ SENDO VULNERADO.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------