Medio Rural salienta o apoio aos afectados polos incendios de 2025 con máis de 7,5 millóns de euros xa mobilizados

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou o apoio do seu departamento aos afectados polos incendios do pasado 2025 con máis de 700 axudas xa aprobadas por un importe superior aos 7,5 millóns de euros. Fíxoo na súa visita aos terreos da comunidade de montes veciñais en man común de Barroso, en Avión, beneficiaria dunha achega, na que estivo acompañada pola directora de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e polo alcalde do municipio, Antonio Montero.

En concreto, esta comunidade de montes ten aprobada unha achega de preto de 50.000 euros para eliminar madeira non comercial queimada nunha superficie de máis de 45 hectáreas. Esta é unha das liñas de axuda que se habilitaron desde a Consellería do Medio Rural para apoiar aos afectados polos incendios do pasado verán para paliar as súas consecuencias nas explotacións gandeiras, agrícolas e forestais. Engadiu tamén que outras catro comunidades contan cunha axuda aprobada en Avión, cun orzamento total mobilizado de 117.000 euros.

A conselleira explicou que a axuda da que se beneficiou esta comunidade de montes contempla un máximo de 50.000 euros para os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ademais, no ámbito forestal, dispuxéronse de achegas de ata 100.000 euros para plantacións substitutorias, así como ata 15.000 euros para a reparación de infraestruturas de titularidade privada que se viron danadas. A maiores, tamén se puxeron en marcha apoios de ata un máximo de 50.000 euros para a reparación de maquinaria e equipamento forestal danado en tarefas de colaboración na extinción dos incendios ou ocasionados polos mesmos.

A titular de Medio Rural detallou que se puxeron a disposición dos afectados ata oito liñas de achega que cobren o 100 % do investimento cun límite que, nalgúns casos, pode chegar ata os 200.000 euros por beneficiario.

Neste sentido, Gómez reiterou o apoio do Goberno galegos aos afectados “desde o primeiro momento” e asegurou que “sempre” se estará ao seu carón. Neste sentido, mantivo que se continuará a traballar con “intensidade” nos próximos meses para paliar as consecuencias dos incendios do pasado verán.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------