Ribadavia vivirá mañá, venres 27 de febreiro, unha transformación singular: a Praza da Madalena e o seu contorno retrocederán ao século XIX para acoller a rodaxe dunha serie de Netflix titulada “El Lobo”, centrada no xuízo do que está considerado o primeiro asasino en serie xulgado en Galicia, unha figura historicamente asociada á lenda do “Lobisome”.
A gravación desenvolverase entre a tarde do venres e a madrugada do sábado e incluirá a recreación dunha escena festiva ambientada na época, que se rodará na propia Praza da Madalena, convertida para a ocasión nun escenario histórico.
Con motivo desta produción audiovisual, o Concello de Ribadavia emitiu un bando para regular o tráfico e o estacionamento no casco histórico e garantir a seguridade, a mobilidade e o correcto desenvolvemento da rodaxe.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As principais restricións serán as seguintes:
- Rúa Progreso: prohibido parar e estacionar nos tramos sinalizados dende as 10:00 horas do venres 27 ata as 04:00 horas do sábado 28.
- Rúa Extramuros: prohibido o estacionamento nos tramos sinalizados dende o día 27 ata a madrugada do 28.
- Rúa Carlos Casares: prohibido o estacionamento nos tramos sinalizados dende o día 27 ata a madrugada do 28.
- Praza da Madalena: o venres 27 o acceso peonil estará restrinxido e quedará totalmente prohibida a circulación e o acceso de vehículos dende as 12:00 horas ata as 04:00 horas.
A Policía Local coordinará a instalación de valados e da correspondente sinalización informativa con antelación suficiente para que a veciñanza coñeza as limitacións e poida planificar os seus desprazamentos.
Como medida complementaria, o Concello habilitará de maneira excepcional o aparcadoiro de caravanas situado no antigo Campo da Feira para que as veciñas e veciños do casco histórico poidan estacionar durante a xornada.
Desde o goberno municipal pídese comprensión e colaboración cidadá ante unhas restricións que permitirán que Ribadavia volva ser escenario dunha produción audiovisual de alcance internacional, contribuíndo á proxección exterior da vila e á dinamización cultural e económica do municipio.















