Ribadavia abre solemnemente o Ano Santo Franciscano no templo xubilar de San Antonio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Oración pola paz ante la reliquia de san Francisco de Asís


Ribadavia, 28 de febreiro.
O templo xubilar de San Antonio de Ribadavia acolleu este sábado a celebración solemne de apertura do Ano Santo Franciscano, nun acto presidido polo bispo diocesano, D. Leonardo, e que congregou a numerosos fieis da vila e de distintos puntos da comarca do Ribeiro.
Durante a celebración, o párroco de Ribadavia, D. José Benito, deu lectura ao Decreto episcopal polo que se nomean templos xubilares na diocese con motivo do Ano Santo Franciscano, constituído polo papa León con ocasión do oitavo centenario do tránsito de San Francisco de Asís.


Os templos designados como xubilares na diocese son: a Igrexa de San Francisco da cidade de Ourense, a Igrexa de San Antonio (San Francisco, vulgo) de Ribadavia, o Mosteiro de Santa Clara de Allariz, o Mosteiro de San José de Vilar de Astrés, a igrexa parroquial de San Francisco Blanco de Ou Tameirón, a igrexa parroquial do Beato Sebastián de Aparicio da Gudiña, e a igrexa parroquial de Santa María de Carballeda, parroquia natal de San Juan Jacobo Fernández.
O bispo, acompañado polos párrocos da vila, a presenza dos Franciscanos de Ourense e sacerdotes do arciprestado, animou aos fieis para vivir con intensidade este ano Santo, seguindo o ronsel sempre vivo do Pobre de Asís e profundando na mensaxe evanxélica que transmite o testemuño da súa vida.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------


Así mesmo, exhortou de maneira especial ao grupo da OFS (Orde Franciscana Seglar) e a toda a comunidade diocesana a peregrinar ao templo xubilar de Ribadavia, para que continúe sendo un referente do carisma franciscano nestas terras do Ribeiro.
A celebración concluíu cun momento de especial recollemento #ante o altar de San Francisco e a súa reliquia. Alí, D. Leonardo elevou unha oración pola paz nestes momentos especialmente convulsos, nos que a guerra e a violencia ameazan a numerosos pobos do mundo. #Ante a reliquia do santo de Asís, símbolo universal de fraternidade e concordia, os fieis pediron o don da paz, a reconciliación entre as nacións e a conversión dos corazóns.
Con este acto solemne, Ribadavia inicia oficialmente un ano xubilar que quere ser tempo de renovación espiritual, peregrinación e compromiso cos valores franciscanos de sinxeleza, fraternidade e paz.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------