O Carballiño alza a voz pola igualdade de xénero

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño conmemorou esta mañá o Día Internacional da Muller, 8M, cun acto institucional na Praza Maior no que participaron membros da corporación local, centros educativos, entidades sociais, asociacións de mulleres e veciñanza. A concelleira de Igualdade, Silvia Baranda, deu lectura ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e puxo o foco no importante papel das mulleres galegas nas corporacións locais. “Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso adiante”, salientou Baranda.

Durante o acto, presentado por Chus Otero e animado polas cancións do dúo composto por Lorena e María, sucedéronse lecturas e actuacións do Colexio Sagrado Corazón, Centro Sociocomunitario do Carballiño, CEIP Calvo Sotelo, ASPADISI, Cruz Vermella, Bo Día Familia, Colexio Vila do Arenteiro, IES Chamoso Lamas e IES Nº1. Os participantes centraron os seus discursos na importancia de poñer fin á discriminación de xénero e avanzar na consecución dos dereitos de todas as mulleres.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


As actividades que xiran ao redor do Día Internacional da Muller terán continuidade os días 10 e 17 de marzo cun obradoiro de arranxos primaverais con flor natural seca, impartido por Rita Soto. A programación tamén inclúe o obradoiro “Agresión off: eu digo non á violencia sexual” no IES Nº1, o xoves 26 de marzo. Finalmente, levarase a cabo unha andaina conmemorativa do 8M, aínda pendente de datar debido as inclemencias meterorolóxicas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------