Ribadavia acollerá este mes de xuño unha nova proposta cultural vinculada ao mundo das artes escénicas e dos monicreques coa posta en marcha do Mercadiño dos Creques, unha iniciativa que nace no marco do recentemente creado ‘Ribeirocreques’, o festival de monicreques que se celebrará na comarca do Ribeiro do 11 ao 14 de xuño.
Xunto ao Festival, a organización impulsa un mercadiño que se desenvolverá na Alameda de Ribadavia entre os días 12 e 14 de xuño, coincidindo coa programación do festival, e pretende converterse nun espazo de encontro para artesáns, creadoras e público arredor do universo dos monicreques e das artes escénicas.
As bases para participar no Mercadiño dos Creques xa están publicadas na web do Concello de Ribadavia, e a organización anima ás persoas interesadas en formar parte desta iniciativa a presentar a súa solicitude antes do 15 de maio.
Tal e como rezan as bases, os postos do Mercadiño dos Creques deberán estar directamente relacionados co mundo dos monicreques e das artes escénicas, xa sexa a través de creación artesanal, elementos escenográficos, figuras, materiais ou produtos inspirados neste ámbito artístico. A organización sinala que só se aceptará material artesanal vinculado con esta temática, quedando fóra aquelas propostas que non cumpran estas premisas.
Como solicitar un posto
As persoas interesadas deberán enviar a súa solicitude por correo electrónico antes do 15 de maio ao enderezo: ribeirocreques@gmail.com
Na solicitude deberá incluírse: Nome completo, teléfono, enderezo, NIF, descrición do material que se vai vender e fotografías e medidas do posto. Só se aceptará un posto por persoa.
A organización do festival responderá aos correos electrónicos recibidos confirmando se a proposta foi aceptada. No caso afirmativo, facilitarase un número de conta para realizar o ingreso, que servirá para confirmar definitivamente a reserva do posto.
Unha vez completado o número máximo de postos dispoñibles, pecharase a convocatoria e crearase unha lista de agarda.
Montaxe dos postos
A montaxe realizarase o 12 de xuño a partir das 08:30 horas, sendo a hora límite para a entrada de vehículos ás 10:00 horas.
Durante o desenvolvemento do festival, a organización poderá comprobar que os postos respectan as condicións establecidas nas bases.
Coa creación deste mercadiño temático, o Ribeirocreques pretende trascender a propia escenificación da natureza dun festival coma este, senón reforzar o seu carácter participativo e creativo, abrindo un novo espazo para a artesanía e a cultura vinculada ao mundo dos monicreques no corazón de Ribadavia.
Información do Mercadiño dos Creques
- Datas: do 12 ao 14 de xuño
- Lugar: Alameda de Ribadavia
- Custo por posto: 50 euros
- Medidas máximas: 3 metros de longo x 1 metro de ancho
- Espazo adicional: 5 € por cada metro extra
A orde e localización dos postos corresponderá á organización do festival.

















