O Xeodestino Ribeiro-Carballiño impulsa un innovador plan de sendeirismo accesible en lingua de signos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeiro- Carballiño acaba de dar un paso decisivo e innovador cara un modelo de turismo verdadeiramente inclusivo coa posta en marcha dun ambicioso plan para comunicar a súa oferta de sendeirismo en lingua de signos. “Un proxecto pioneiro en Galicia que busca reforzar o posicionamento do noso destino como territorio comprometido coa sostibilidade e a igualdade”, destaca Francisco Fernández, presidente do Xeodestino Ribeiro-Carballiño.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Así, esta iniciativa nace co obxectivo de garantir a accesibilidade na comunicación turística, incorporar solucións dixitais inclusivas e reforzar o posicionamento do territorio como un destino comprometido coa igualdade. Para iso, desenvolverase un produto turístico unificado baseado na rede de sendeiros do GDR Carballiño–Ribeiro, acompañado dunha estratexia de comunicación moderna e accesible. “Agardamos poder implementar esta estratexia durante o mes de abril”, adianta Francisco Fernández, “apostando por situar a accesibilidade como piar central do noso modelo turístico e aliñándonos cos principios de sostibilidade, igualdade e inclusión para que todas as persoas podan desfrutar da ampla e variada oferta que ofrece o Xeodestino Ribeiro-Carballiño”.

Despois dunha primeira fase de investigación e elaboración dun guión de 200-300 palabras para coñecer a riqueza turística, patrimonial e territorial de cada ruta, procederase ás gravacións tanto da locución como del chroma key para a adaptación en linguaxe de signos. Este sistema permitirá integrar á persoa intérprete de lingua de signos sobre imaxes reais do territorio, garantindo unha visualización clara e homoxénea.

A fase de edición incorporará mapas sinalizados, fotografías, títulos oficiais e elementos gráficos do destino, ademais de subtítulos accesibles e sincronizados. Deste modo, o resultado final ofrecerá unha tripla vía comunicativa: audio, lingua de signos e subtitulación, asegurando que calquera persoa poida desfrutar da información turística sen barreras. “Deste modo garantiremos a accesibilidade mediante tripla vía comunicativa: audio, lingua de signos e subtitulación sincronizada”, resume Francisco Fernández.

Os contidos integraranse durante o próximo mes de abril nas rutas do xeodestino mediante códigos QR situados en paneis de inicio e final de cada percorrido. Ademais, os vídeos estarán dispoñibles en YouTube e enlazados desde a web oficial do Xeodestino, facilitando a súa difusión e reutilización en feiras e presentacións institucionais. Ademais, o proxecto está deseñado para maximizar o seu impacto sen necesidade de novas infraestruturas, apostando por solucións dixitais eficientes e sostibles.

O Xeodestino Ribeiro Carballiño conta con 21 municipios (Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Irixo, Leiro, Maside, Melón, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea) que prioriza as actuacións en áreas de interese turístico, sobre todo aquelas relacionadas con elementos patrimoniais, espazos públicos, rutas de sendeirismo, áreas recreativas e espazos de interese natural.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------