Ribeiro en Común demanda melloras en limpeza e obras e solicita que Ribadavia se sume á Eurocidade do Minho

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Ribeiro en Común de Ribadavia vén de presentar dúas mocións para o seu debate na sesión plenaria que celebrará a Corporación mañá, xoves 26 de marzo. A primeira pon o foco “na situación desastrosa” que viven varios dos servizos municipais que xestiona o goberno local, coma son o de limpeza viaria e o de obras.

Ao respecto, desde Ribeiro en Común recoñecen que “o PP no goberno de Ribadavia conseguiu unificar e uniformar a limpeza viaria en todo o municipio, pero non levando o servizo ás parroquias do rural, senón deixando o centro igual de abandonado e descoidado que o rural, sen un servizo de calidade·.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por outra banda, apuntan que o servizo de obras está “desmantelado, baixo mínimos e con prazas sen cubrir” e, en consecuencia, “o estado de abandono é absoluto e total en parques e xardíns, no centro urbano e nas parroquias do rural, tanto de espazos públicos coma de camiños”.

Por todo elo, Ribeiro en Común pide un acordo plenario para que o Concello de Ribadavia, a través do seu goberno local, “mellore a súa labor de limpeza viaria e mantemento de espazos públicos en todo o municipio de Ribadavia, e reforce os servizos de limpeza viaria, o servizo de obras, e a concellaría de servizos múltiples, encargada do mantemento dos espazos públicos”.

Na segunda moción de Ribeiro en Común solicítase do Concello de Ribadavia que, a través do seu goberno local, “inicie contactos e tramites para estudar a posibilidade de que Ribadavia se poida sumar como municipio ao proxecto Eurocidade do Minho”. Na proposta, lembran que “vén de facerse público o proxecto da Eurocidade do Miño, que integra a Melgaço (Portugal) con catro municipios galegos (Arbo, As Neves, Crecente e A Cañiza), e que está en fase avanzada de formalización tras recibir a luz verde do Goberno de Portugal a principios de 2026. Esta iniciativa busca consolidar unha estrutura de cooperación transfronteriza estratéxica na zona da raia”. Engaden que, na actualidade, “o Goberno portugués autorizou o protocolo de cooperación, dando luz verde á creación desta entidade que se converterá na quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal”.

Dende Ribeiro en Común consideran que “aínda que Ribadavia non é un concello estritamente fronteirizo (non linda directamente co río Miño na fronteira con Portugal), mantén unha forte vinculación coa zona que facilitaría a súa candidatura”. E apuntan a existencia de vínculos históricos e económicos con Melgaço, ademais da proximidade xeográfica (a menos de 25 km), e o interese na participación en proxectos europeos, nos que o Concello de Ribadavia xa ten experiencia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------