A procesión de Ramos contará cunha alfombra floral que elaborará a asociación do Corpus de Ponteareas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi invitada pola Confraría da Vera Cruz do Carballiño tras a declaración da Semana Santa do Carballiño como Festa de Interese Turístico de Galicia, para realizar unha alfombra floral o próximo 29 de marzo, con motivo do Domingo de Ramos, na nova Praza da Veracruz. Esta intervención artística enmárcase na conmemoración dun momento central para a tradición cristiá: a entrada de Jesús en Xerusalén, que marca o inicio da Semana Santa e simboliza a súa entrada triunfal no templo.

A alfombra servirá como homenaxe visual e espiritual a esta pasaxe, reforzando o significado litúrxico da xornada. O deseño estará inspirado no Templo da Veracruz, obra cume e imaxe máis representativa da vila do Carballiño, proxectada polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo e considerada o seu segundo gran proxecto en Galicia. A composición combinará tradición, arte e simbolismo relixioso nunha peza de gran impacto visual.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A alfombra será elaborada integramente con elementos naturais: verde de túa e eucalipto; marrón de semente de acedera; vermello de caraveis; alén de pétalos de pampullo deshidratados e outras materias vexetais. Para o trazado do debuxo empregaranse sementes de eucalipto e corazón de millo cortado en toros. Un equipo de alfombristas comezará a súa confección ás seis da mañá do propio Domingo de Ramos, mantendo viva unha tradición artesanal transmitida durante xeracións.

A participación da Asociación supón levar ao Carballiño a experiencia e o prestixio de Ponteareas, localidade recoñecida internacionalmente pola celebración do Corpus Christi de Ponteareas. Esta festividade, declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en abril de 2024, constitúe un dos máximos expoñentes da arte efémera floral en España.

O recoñecemento a esta tradición traspasou fronteiras. En marzo de 2024, o Ministerio de Cultura presentou ante a UNESCO a candidatura internacional “A tradición da creación de alfombras florais e composicións rituais con materiais naturais”, que será avaliada en 2025 para a súa posible inclusión na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Con esta actuación no Carballiño, a Asociación de Alfombristas reafirma o seu compromiso coa difusión da arte efémero floral e coa posta en valor das tradicións relixiosas. A alfombra do Domingo de Ramos será, así, unha expresión artística que acompañará e realzará a celebración da entrada de Jesús no templo, momento que abre solemnemente a Semana Santa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------