A asociación que agrupa as casas rurais do Xeodestino Carballiño-Ribeiro celebrará o seu encontro anual o 21 de maio en Vilamarín

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación Novo Rural está xa a preparar unha nova edición do seu encontro anual, que terá lugar o vindeiro xoves 21 de maio de 2026 na Casa Santa Baia, en Vilamarín. A cita reunirá ás casas asociadas do Xeodestino Carballiño-Ribeiro, xunto con institucións, colaboradores e axentes do territorio que comparten unha mesma visión: impulsar un rural vivo, competitivo e con capacidade para xerar futuro.

A asociación, que agrupa xa a máis dunha trintena de casas, quere aproveitar este encontro para poñer en común os avances acadados
durante 2025, presentar os datos de ocupación e trasladar ás socias, aos socios e ás administracións públicas o impacto económico e social xerado polo proxecto colectivo. Novo Rural destaca que o turismo rural non é só unha actividade de aloxamento, senón unha ferramenta real de rexeneración territorial, capaz de fixar poboación, favorecer que as familias poidan quedar nas súas vilas e activar unha economía circular baseada na proximidade, no consumo responsable e no quilómetro cero.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Nun contexto no que os mercados internacionais demandan cada vez máis experiencias auténticas, sostibles e vinculadas ao territorio, a asociación subliña o valor crecente deste modelo. Por iso, o encontro de maio servirá tamén para abrir o proxecto a novas casas rurais da comarca, co obxectivo de reforzar o tecido asociativo e sumar máis voces ao impulso común do sector. Novo Rural fai ademais unha invitación expresa a adegas, axencias de viaxes, touroperadores e outros colaboradores do territorio que queiran sumarse a unha rede de cooperación que está a demostrar a súa utilidade para o desenvolvemento local.

Desde a entidade sinalan que este cuarto evento quere ser, máis ca unha reunión sectorial, unha xornada para compartir experiencias,
estreitar alianzas e proxectar unha imaxe unida do territorio. A asociación reivindica así o turismo rural como unha actividade con
capacidade para dinamizar a economía, preservar a paisaxe e contribuír a un modelo de futuro no que vivir e emprender no rural sexa unha opción real.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------