O presidente da Deputación remarcou que esta exposición, inaugurada hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, representa “unha forma de entender a vida”, que invita á reflexión e á observación pausada, e reafirmou o compromiso da institución provincial coa cultura como eixo estratéxico de desenvolvemento e cohesión territorial
Ourense, 17 de abril de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense inaugurou esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición dedicada ao fotógrafo galego José Suárez (Allariz , 1902 – A Guarda, 1974), unha mostra que pon en valor a figura dun dos grandes nomes da fotografía contemporánea e a súa contribución á memoria e identidade cultural.
Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que esta exposición é “moito máis ca unha proposta cultural”, definíndoa como unha viaxe pola memoria, pola identidade e pola mirada dun creador que soubo interpretar o mundo cunha sensibilidade extraordinaria. Neste sentido, puxo en valor a figura de José Suárez como un autor que fixo da súa cámara unha ferramenta de respecto, análise e comprensión profunda do ser humano.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O titular da institución provincial subliñou tamén que a obra de Suárez se sitúa no corazón do documentalismo moderno, destacando o seu rigor formal e a súa capacidade de observación, que o converteron nun referente da fotografía galega e internacional. A través das súas imaxes, explicou, o artista “dignifica ás persoas e pon no centro a vida cotiá”, reflectindo o traballo e a realidade social con honestidade e sensibilidade.
Entre as series máis representativas, o presidente provincial fixo referencia a “Mariñeiros”, unha das máis recoñecidas da súa traxectoria, que exemplifica a capacidade do fotógrafo para elevar o cotián á categoría de universal e retratar a conexión profunda coa terra e o mar. Tamén destacou a dimensión máis íntima da súa obra, especialmente nas súas viaxes e na súa etapa en Xapón, onde o autor buscou unha mirada máis serena e reflexiva.
O presidente da Deputación remarcou que esta exposición representa “unha forma de entender a vida”, que invita á reflexión e á observación pausada, e reafirmou o compromiso da institución provincial coa cultura como eixo estratéxico de desenvolvemento e cohesión territorial.
Neste sentido, destacou o papel do Centro Cultural Marcos Valcárcel como un espazo que se consolida como punto de encontro e acceso á cultura para toda a cidadanía, incidindo en que “a cultura non é un luxo, senón unha necesidade”, ao constituír unha ferramenta para comprender a identidade colectiva e fortalecer o territorio.
O acto concluíu coa invitación á cidadanía a visitar esta mostra, que reivindica a mirada humanista de José Suárez e a súa capacidade para descubrir a beleza no esencial, consolidando a aposta da Deputación de Ourense pola promoción cultural e a difusión do patrimonio artístico.
















