Onte faleceu a catedrática (ex-Directora do IES Nº1) e referente en termalismo Marita Souto Figueroa
Ourense, 17 de abril de 2026 – A comunidade educativa e científica galega despide a María Generosa Souto Figueroa, coñecida como Marita Souto, catedrática de Química e unha das maiores expertas en augas mineromedicinais. O seu falecemento produciuse o 17 de abril, segundo confirmaron fontes académicas e familiares.
Marita Souto, doutora en Ciencias Químicas, desenvolveu un extenso labor docente e investigadora. No ámbito educativo, destaca a súa vinculación coa comarca do Carballiño. Estivo destinada no IES Nº1 de Carballiño durante seis cursos académicos, desde 1981-82 ata 1986-87. No seu primeiro ano no centro (1981-82) asumiu o cargo de vicedirectora, e nos dous últimos cursos (1985-86 e 1986-87) exerceu como directora do instituto.


A súa traxectoria profesional combinou sempre o ensino coa investigación aplicada ao termalismo. Recoñecida internacionalmente polos seus estudos sobre as propiedades das augas termais, en 2025 ingresou na Real Academia Europea de Doutores. Un dos seus principais obxectivos foi lograr que as augas mineromedicinais fosen recoñecidas polo Sistema Nacional de Saúde.
O enterro celebrarase en Ourense, onde recibiu a homenaxe de compañeiros, alumnos e autoridades. Desde distintos ámbitos destacouse o seu legado como “referente do termalismo científico en Ourense” e a súa dedicación á formación de xeracións de estudantes.



COMUNICADO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS:
CONDOLENCIA POLA MORTE DE MARITA SOUTO FIGUEROA, TORQUES DE HONRA 2025 DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS
O Carballiño, 18 de abril de 2026.- Dende o Centro de Estudios Chamoso Lamas queremos expresar o noso pesar polo fallecemento da científica e figura internacional do termalismo Marita Souto Figueroa, a quen lle entregamos o pasado mes de decembro o galardón do Torques de Honra en recoñecemento da súa traxectoria no campo da investigación e divulgación das propiedades terapéuticas das augas mineiromedicinais. As nosas condolencias á súa familia e amistades. D.E.P.
Enlaces:
Unha das últimas aparicións públicas de Marita foi no Carballiño este pasado decembro cando recibiu o “Torques de Honra” que lle entregou o Centro de Estudios Chamoso Lamas

















