O PSdeG-PSOE de Ourense, por iniciativa da deputada autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar unha atención sanitaria digna na comarca de Valdeorras, con especial atención á gravidade da incidencia da silicose.
As e os socialistas denuncian a “deixadez absoluta” da Xunta de Galicia con esta comarca, unha das máis afectadas do Estado por esta enfermidade profesional vinculada á exposición ao po de sílice, especialmente na industria da lousa. Segundo os datos dispoñibles, a prevalencia da silicose na poboación xeral acada o 1,91 %, unha cifra que evidencia unha situación sanitaria excepcional que, a xuízo do PSdeG, “non está sendo atendida coa seriedade que require”.
Rodríguez Dacosta é contundente ao afirmar que “a Xunta leva anos dándolle as costas a Valdeorras mentres os pacientes seguen agardando unha atención especializada que nunca chega en condicións adecuadas”. Neste senso, critica que o actual modelo, baseado en desprazamentos puntuais de especialistas, “é claramente insuficiente para unha enfermidade crónica, progresiva e sen cura que require un seguimento continuo”.
A deputada socialista pon o foco na principal demanda do colectivo de afectados, a Asociación de Silicose de Valdeorras (Asilival), que non é outra que a implantación dun servizo de pneumoloxía estable e diario no Hospital Público de Valdeorras. “Non é unha reivindicación nova nin esaxerada, é unha necesidade urxente nunha comarca onde a silicose forma parte da realidade cotiá de centos de familias”, subliña a deputada autonómica do PSOE ourensán.
Así mesmo, denuncia os “recortes sistemáticos” nos servizos sanitarios da comarca, que, ao seu xuízo, están a deteriorar progresivamente a calidade asistencial. “Estamos vendo como se baleira de servizos o hospital comarcal mentres se obriga aos pacientes a desprazamentos constantes, co conseguinte prexuízo, especialmente para unha poboación envellecida”, engade.
O PSdeG tamén alerta da falta de planificación por parte do goberno galego, que segue sen realizar un estudo epidemiolóxico completo sobre a incidencia da silicose no distrito sanitario de Valdeorras. “É incomprensible que a Xunta se negue a coñecer a dimensión real do problema; sen datos non hai políticas eficaces, e sen políticas eficaces o que hai é abandono”, sinala Rodríguez Dacosta.
Ademais, os socialistas critican a falta de diálogo coa Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras, que leva máis dun ano mobilizándose semanalmente para reclamar solucións. “Non só non hai respostas, senón que tampouco hai vontade de escoitar a quen está a sufrir esta situación en primeira persoa”, lamenta.
A través destas iniciativas, o Grupo Socialista esixe á Xunta a dotación inmediata dun especialista en pneumoloxía con presenza estable no hospital, a realización urxente dun estudo epidemiolóxico, o reforzo dos medios diagnósticos e a apertura dunha vía de diálogo permanente co colectivo de afectados.
















