Cortegada conta cunha nova senda peonil na OU-402, cun investimento de 30.000 euros

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Cortegada para, acompañado do seu alcalde, Avelino de Francisco, supervisar esta mañá os traballos de conservación que a Xunta acometeu na senda peonil da estrada autonómica OU-402, en San Bieito de Rabiño, que contou cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial explicou que os traballos, que desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 41+375 e o 41+610, consistiron na construción dunha gabia en formigón lixeiramente armada sobre unha superficie de 235 metros lineais e de 2,10 metros de ancho. Deste xeito, para levala a cabo realizouse un corte lonxitudinal ao longo da zona de actuación para posteriormente proceder á escavación do sobreancho preciso para a execución da senda en formigón proxectada.

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que nesta senda levouse a cabo outra actuación no ano 2023 grazas a unha achega da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 48.000 euros, que consistiu na mellora da drenaxe lonxitudinal, eliminándose unha cuneta profunda e optimizouse a accesibilidade e o tránsito peonil do treito da marxe esquerda da OU-402, entre os puntos quilométricos 41+610 e o 41+835, conectando coa drenaxe existente nos extremos da actuación e coa beirarrúa actual no quilómetro 41+835.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Nesta liña, indicou que a nova senda-cuneta executouse coa tipoloxía de cuneta tendida transitable, adosada á calzada da estrada, cun ancho variable de 2,00 metros como máximo, segundo a dispoñibilidade de espazo. A senda de formigón conta cun espesor de 12 centímetros armado con mallazo nos treitos onde coinciden con accesos ou na curva do quilómetro 41+660, para resistir o paso de vehículos eventuais. Tamén se dispuxo de elementos para a drenaxe de pluviais: tubaxes e sumidoiros.

Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.

Deste xeito, o delegado territorial salientou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística, e lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------