O Grupo municipal nacionalista enmarca o suceso dentro do “desleixo, a falta de interese e o abandono por parte do actual Executivo local” ao tempo que lembra que o edificio “é de titulariedade municipal”
Ourense, 15 de maio de 2026. O lume que calcinou esta pasada madrugada a antiga Casa de Baños de Outeiro, sita nas traseiras da Cadea Vella de Ourense, exemplifica, para o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense “o desleixo, a falta de interese e o abandono por parte do actual Executivo local”.
O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, destaca en primeiro lugar “que non se producisen danos persoais” ao tempo que agradece “o traballo levado a cabo polos Servizos de emerxencia e especialmente de aqueles dependentes do Concello como é o Corpo de Bombeiros e a Policía Local”.
O BNG lembra que o lume produciuse nun edificio con moita historia e un gran valor patrimonial, “un edificio de titulariedade municipal polo cal o Goberno Jácome non amosou o máis mínimo interese ao longo dos últimos anos, permitindo a súa paulatina degradación pese a terse aprobado no Pleno iniciativas encamiñadas a súa recuperación e posta en valor”.
O acontecido evidencia para Seara “o estado de decadencia e de abandono ao que ten sometido este Goberno boa parte do noso patrimonio. Non estamos a falar dun edificio calquera senón que estamos diante dunha Casa de Baños que é historia da cidade, sendo un dos edificios non residenciais obra de Vázquez Gulías e sen o cal non se entende o desenvolvemento termal ao longo dos tempos”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Segundo Luís Seara “o incendio é a metáfora desgraciada de como se atopa o termalismo e o patrimonio da nosa cidade, absolutamente abandonado diante dun Goberno esgotado, falto de ideas e sen o máis mínimo interese por nada”.
Neste contexto “e agardando a que se esclarezan canto antes as causas do lume tendo en conta que o mesmo foi tapiado horas antes”, desde a Formación nacionalista urxen ao Executivo local para que “se poña a traballar desde xa na recuperación do inmoble para darlle unha segunda vida e non deixar esmorecer o pouco que por desgraza xa queda del”.
















