Cine Club Carballiño ofrecerá esta fin de semana un ciclo de tres películas pertencentes á programación de ‘Filmoteca’. As proxeccións comezarán o venres día 22 coa película colombiana “Un poeta”, recentemente estreada no noso país. Unha mestura de drama e comedia, tenra e divertida que obtivo o Premio do Xurado na sección ‘Un certain regarde’ do Festival de Cannes. Gañou ademais o ‘Premio Horizontes’ no Festival de San Sebastián. A obsesión de Óscar Restrepo pola poesía non lle reportou ningunha gloria. Envellecido e errático, sucumbíu ao tópico do poeta na sombra. Coñecer a Yurlady, unha adolescente de orixe humilde, e axudala a cultivar o seu talento, trae algo de luz aos seus días, pero arrastrala ao mundo da poesía quizais non sexa o camiño. Os pases serán os habituais, ás 20,00 e 22,30 horas.
O programa continuará o sábado 23 coa reposición dunha das películas míticas do cinema arxentino, “Nove raíñas”, da que se cumple o seu 25 aniversario. Dirixida por Fabian Bielinsky e protagonizada por Ricardo Darín, foi un dos grandes éxitos internacionais da cinematografía arxentina. Bós Aires. Juan e Marco son dous estafadores de pouca monta, un novo e o outro veterano na arte do timo, que casualmente vense envoltos nun asunto que lles pode facer millonarios: teñen menos dun día para facer unha estafa que non pode fallar. Haberá un único pase ás 20,00 horas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
E o ciclo pecharase o domingo 24 coa proxección de “Manas”, película brasileira de recente estrea no noso país e que está tendo unha moi boa acollida. Illa de Marajó, Amazonas. Tielle vive á beira do río cos seus pais e tres irmáns. Impulsada polas verbas da súa nai, idolatra á súa irmá maior que supostamente fuxiu da realidade “atopando un bó home” nas barcazas que sucan a rexión. A medida que Tielle madura, as súas visións idealizadas fanse anacos, deixándoa atrapada entre dous mundos abusivos.Haberá tamén un único pase ás 20,00 horas.
Tódalas proxeccións serán no Auditorio Manuel María do Carballiño, e a entrada terá un custe de 3 euros.

















