Cristina Martínez Penas é alumna de 4º curso do Grao de Comunicación Audiovisual, na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.
No mes da celebración do Día Das Letras Galegas, nun acto organizado pola Fundación Carlos Velo, presentábase o xoves 21 de maio na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o libro O final dos cines en Galicia de José Luis Cabo Villaverde. No evento participaban o xornalista Xosé Enrique Acuña, editor do libro, os profesores da USC Xosé Nogueira Otero, especialista en Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais, e o catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez García. Presentaba e moderaba a mesa redonda a profesora titular de cinematografía Anna Amorós Pons da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo (UVIGO).

José Luis Cabo Villaverde foi fotógrafo, historiador de fotografía e investigador do cinema, formándose en Madrid ante a escaseza de posibilidades académicas nestes ámbitos en Galicia. A súa traxectoria profesional iniciouse coa creación do Arquivo de Imaxe de Galicia e continuou coa súa colaboración na organización das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA). O seu labor resultou fundamental na recuperación e conservación da memoria audiovisual galega, ademais da publicación de numerosos artigos centrados na imaxe e no patrimonio cultural. A súa vinculación co departamento de fotografía e documentación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), do que chegaría a ser director, reforzou o seu interese polo patrimonio arquitectónico e cinematográfico que o levou a participar, xunto a Xosé Enrique Acuña, na catalogación dos cinematógrafos galegos.
Durante toda a súa traxectoria mantivo unha grande paixón pola fotografía, desenvolvendo a súa creatividade a través da documentación de espazos da Galicia de finais do século XX, como as primeiras macrodiscotecas, os palcos da música ou a estética das gasoliñeiras. Estes primeiros traballos permitíronlle construír unha identidade visual propia, afastada do branco e negro moi habitual entre os fotógrafos daquel tempo e cun especial interese pola intensidade cromática que descubriu nos copiados en cibachrome, que o impactaron. Esta maneira de entender a fotografía, cunha especial atención aos detalles arquitectónicos dos espazos, marcaría tamén o retrato dos vellos cinemas galegos, capturados cando moitos se atopaban inmersos no abandono ou próximos á súa desaparición. Un traballo iniciado en 1983, que o levou a percorrer Galicia e que quedaría finalmente recollido no libro O final dos cines en Galicia.

O autor, pioneiro na temática escollida, logrou preservar a memoria do que significaba ese tipo de establecementos, onde as persoas se reunían para desfrutar do audiovisual. Baixo a influencia da fotografía contemporánea internacional (como Weegee, Robert Frank ou, esencialmente, Walker Evans), Cabo documentou un gran número de cinemas. É evidente, por numerosos motivos, que non conseguiu evitar a demolición da maioría, sen embargo, nalgúns casos o seu labor contribuíu á súa conservación ou a que se mantivesen en pé. O obxectivo de Cabo non era mostrar a beleza dos edificios, senón o seu deterioro para evidenciar o paso do tempo e o abandono. Buscaba xerar sensibilidade social para evitar a súa desaparición.
O profesor Xosé Nogueira, na súa intervención lembrou a súa figura cun achegamento ás súas diferentes facetas nas que deixou a súa fonda pegada “como investigador e historiador da fotografía (e fotógrafo), dos espectáculos precinematográficos e da salas de cinema (que rexistrou coa súa cámara), da súa labor no CGAI (actual Filmoteca de Galicia), impulsando unha importante labor de recuperación, catalogación e edición”. Pero sobre todo, evocou a súa inesquecible dimensión humana, que deixou unha impronta inesquecible en todos aqueles que o coñeceron e trataron.
O libro narra cunha selección dunhas 400 imaxes o ocaso dos cines en Galicia. Neste sentido Jesús Ángel Sánchez García, especialista en temas de patrimonio cultural e asesor histórico na edición do libro, afirmaba que “os centos de salas espalladas no século XX por toda a xeografía de Galicia, desde as cidades ás vilas e lugares, foron a parte material e máis visible do ritual de ir ó cine. Nos anos críticos de competencia da TV e do vídeo doméstico, as imaxes capturadas por José Luis Cabo chegaron a fixar os últimos tempos dunha forma de ocio e sociabilidade que as súas fotografías axudan a manter viva na memoria. Coa desaparición da meirande parte daqueles vellos cines, o que pervive son xa restos dun patrimonio material e inmaterial do século XX”.
Pola súa parte o editor da publicación, o escritor Xosé Enrique Acuña, recoñecía con estas palabras que “este libro é toda unha homenaxe ao cine, unha clara reverencia a todos aqueles edificios en que se proxectou cine en Galicia; pero tamén é un tributo a un home que, desde a paixón pola fotografía, soubo mesturar a súa capacidade de creación co inventariado dese mundo arquitectónico que se construía para gozar na escuridade vendo miles e miles de películas”.
O labor de Cabo permitiu manter viva na memoria histórica o pasado de centos de cinemas que percorreu ao longo da súa viaxe por Galicia, convertendo a súa mirada fotográfica nun exercicio de conservación fronte ao esquecemento. A través das súas imaxes, os espazos xa desaparecidos permanecen dalgún xeito suspendidos no tempo. Deste xeito, a fotografía convértese nun instrumento de resistencia, capaz de conservar na memoria o que o paso do tempo foi facendo desaparecer.
No coloquio, os asistentes mostraron un gran interese por manter a presenza destes cines, dos que aínda quedan pola xeografía galega, e da súa conservación. O acto contou coa presenza tamén do vicepresidente da Fundación Carlos Velo, o escritor Miguelanxo Fernández, e de docentes da USC como Miguel Cabo, catedrático de Historia contemporánea e irmán de José.
Pechaba a sesión a profesora Anna Amorós destacando a singularidade deste libro no panorama do Estado español, lembrando a figura do excelente investigador e a boa persoa… merecedor desta homenaxe académica in memoriam José Luis Cabo Villaverde.
Máis información:
Xornal-USC (Diario Oficial da Universidade de Santiago de Compostela):
Outros artigos de Cristina Martínez Penas:
A opinión de Cristina Martínez Penas: “Visibilidade do 8M: a loita pola Igualdade de Xénero”
A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada simbólica de Lola”

















