O BNG esixe solucións para as deficiencias da Biblioteca e reclama unhas “instalacións dignas e modernas”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O responsable local do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Carballiño, Manuel Chan Muñoz, vén de recoller as queixas das usuarias e usuarios da Biblioteca Municipal, en especial referencia á sala de estudio. Entre elas, destaca que “á falta de mantemento da iluminación, con lámpadas fundidas sen substituír, súmanse os problemas de climatización, xa que nestas semanas de primavera a temperatura na sala resulta excesivamente elevada. O elevado número de persoas, que abrangue desde opositores ata alumnado de bacharelato, tamén protesta polo
funcionamento da conexión a internet, que consideran demasiado lenta, a pesares de se tratar dun servizo indispensábel para o estudo”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Asemade, a insonorización da sala de estudo e do resto das dependencias tamén forma parte das demandas. Segundo indican, nas horas nas que se realizan actividades no segundo andar, ou cando se celebra algún evento no salón de actos, o ruído resulta molesto e dificulta a
concentración. Así mesmo, sinala que o espazo actual non responde á demanda existente, xa que as limitacións de capacidade deixan en ocasións a estudantes sen posibilidade de facer uso da sala de estudo.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“Asistimos estupefactos como a todo isto se lle suma agora a decisión do goberno local de implantar uns novos horarios e un sistema de reserva mediante aplicación móbil que cualifica de ‘parche provisorio’, tal e como o propio executivo municipal recoñeceu”, apunta Manuel Chan. Así, o responsable nacionalista vén de rexistrar unha solicitude dirixida ao presidente da Corporación Municipal, na que esixe non só a solución inmediata destas deficiencias na Biblioteca Municipal, senón tamén que a vila conte cunhas instalacións dignas, modernas e
acordes á súa poboación e ás necesidades actuais da mocidade e do tecido asociativo, como acontece noutros concellos de características semellantes.

Manuel Chan sinala que a demanda dunha biblioteca municipal en condicións súmase a outras reivindicacións históricas que continúan sen resposta por parte do goberno local, como a creación dunha verdadeira Casa da Xuventude, a habilitación de locais de ensaio para grupos musicais, espazos para asociacións, así como a tradicional carencia de instalacións deportivas suficientes e adaptadas á demanda existente na vila. O candidato nacionalista considera necesario apostar por infraestruturas públicas que favorezan a formación, a cultura, o deporte e o lecer da veciñanza, especialmente da xente nova.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------