Convocada a III edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove por terceiro ano consecutivo este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man por Julia Abalde, gañadora da pasada edición do premio

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño de 2026, que poderá realizarse a través da web da Asociación Autobán

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio26   

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo, mentres que o acto de entrega terá lugar no mes de agosto, no marco da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán

A Coruña, 1 de xuño de 2026.- A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man pola autora Julia Abalde (gañadora da segunda edición do certame). O III Premio Autobán 25-26 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño, ata as 23.59 horas, e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio26.

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O proxecto gañador do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e máis tarde, xa no mes de agosto, celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2026 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do III Premio Autobán poden consultarse na web da Asociación Autobán: https://www.autoban.gal/premio26.

UNHA PANORÁMICA SOBRE AS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS DO PREMIO AUTOBÁN

Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-Cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024.

Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde alzouse co galardón do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra La ilusión. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval

Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Whispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 11 de agosto ao 21 de setembro de 2025. 

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2026, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 12ª edición do evento. 

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das novas promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey. 

As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns. 

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------