A capital do Ribeiro abrirá este vindeiro xoves, 4 de xuño, a programación de actos litúrxicos da novena na honra a San Antonio de Padua que rematarán o sábado día 13 coincidindo coa festividade deste sacerdote católico nado en Lisboa (Portugal) e falecido na devandita cidade italiana, moi querido polo pobo ribadaviense.
Os actos desenvolveranse na igrexa de San Antonio, no antigo convento dos PP Franciscanos, onde terá lugar o inicio da novena e a Santa Misa ás 20,00 horas, que se prolongará co mesmo horario durante os días de semana, agás o domingo, día 7 de xuño, xornada centrada na solemnidade do Corpus Christi, na que a misa e a novena serán ás 10,30 horas, antes da tradicional procesión do Corpus polas rúas de Ribadavia ata a igrexa parroquial de Santo Domingo.
E, chegado o 13 de xuño, o día de San Antonio, oficiarase una misa ás 10,00 hora e, pola tarde, terá lugar a misa solemne, que será presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e cantada polo Coro de Cámara do Club Artístico da vila. Neste oficio litúrxico levarase a cabo a ofrenda floral dos nenos e nenas e a bendicón do pan de San Antonio e, ao seu remate, salirá a procesión polo casco urbano de Ribadavia co acompañamento da Banda de Música A Lira.
O programa está organizado pola Parroquia de Santo Domingo de Ribadavia e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.
Cabe lembrar que a igrexa de San Antonio de Ribadavia´é, dende o pasado mes de xaneiro, un dos templos diocesanos nos que se poden acadar as grazas xubilares con motivo do Ano Santo Franciscano que foi convocado polo Papa para conmemorar o oitavo centenario da morte de San Francisco de Asís.

















