Os casos de violencia de xénero no Carballiño reducíronse un 25% neste primeiro semestre de 2026

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O número de casos activos por violencia de xénero no municipio do Carballiño reducíronse nunha cuarta parte nos últimos seis meses, ao pasar dos 24 rexistrados en decembro aos 18 que ten contabilizado na actualidade a Unidade de Violencia de Género da Subdelegación do Goberno en Ourense.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Estes datos foron aportados pola xefa deste departamento, María Alida Iglesias, no decurso da reunión que, ao mediodía de hoxe, mantivo a Mesa de Coordenación para a mellora da atención ás vítimas de violencia machista no salón de plenos da Casa do Concello da vila do Arenteiro. A esta xuntanza asistiron traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello do Carballiño, mediadoras dos centros de ensino e representantes de Policía Local e Garda Civil.

Acompañada por Silvia Baranda, concelleira de Muller, Igualdade e Servizos Sociais do Carballiño, Alida Iglesias comentou que esta baixada no número de casos no concello segue a tónica da provincia, onde tamén se minoraron dende decembro, ao pasar de 569 a 514 activos, a súa maioría (433) con vítimas en risco baixo, mentres 81 están en risco medio e seis en risco baixo. Asemade, estáse a facer unha supervisión doutros 62 que permanecen en situación de inactivos na actualidade.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A nivel comarcal, as vítimas en situación activa de seguimento son tres en San Cristovo de Cea e dúas en Maside, mentres Boborás, Punxín, San Amaro, O Irixo e Piñor só hai unha rexistrada por concello por ningunha en Beariz.

Por outra banda, no que vai de 2026, foron asasinadas 23 mulleres e tres menores en todo o Estado, sumando un total de 1.364 mulleres mortas por violencia machista dende 2013, ano no que o Goberno comezou a rexistrar este tipo de casos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------