A Real Academia Galega de Belas Artes, na súa sesión plenaria do 30 de maio de 2026, acordou emitir un informe relativo á situación actual dos dous torques e do brazalete de ouro que, tras a anulación da súa poxa na sala madrileña Ansorena, permanecen aínda no mercado. A Academia amosa a súa preocupación ante o posible destino destas pezas, irmás das que xa adquiriu o British Museum, e que proceden con toda probabilidade do castro de Beade.
A institución académica insta os poderes públicos (Xunta e Deputación) a involucrarse e a actuar conforme a lei para evitar que estes anacos da historia e da dignidade de Galicia se perdan. A Academia defende a orixe ourensá das xoias e propón o seu depósito no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, así como a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

















