O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu tratamento por parte da Corporación do Carballiño na vindeira sesión ordinaria correspondente ao mes de xuño. Nela, solicitan un acordo plenario para “que se acometan, antes do comezo da vindeira tempada, obras de acondicionamento do campo de fútbol da Uceira, garantindo así que se poidan acoller encontros de calquera categoría e competición sen problemas”.
Xustifican a súa proposta en base aos incidentes ocorridos no estadio da Uceira ao remate do partido que enfrontaba ao Sporting Carballiño co C.F. Marín, dentro da competición play-off polo ascenso á categoría Preferente Futgal. Consideran que “gran parte do problema se podería ter evitado se o Concello do Carballiño tivese acondicionado o campo e tivese asumido as garantías de seguridade solicitadas polo club local”, un feito que, entenden, non é aillado, porque “tódalas tempadas acontece varias veces, incluso en partidos das escolas, que as actas arbitrais recollen que a instalación non garante a seguridade de árbitros nin de xogadores ao non contar, por exemplo, con espazos de paso seguro cara aos vestiarios”.
En canto ás instalacións, dende Espazo Común subliñan que “o dos baños e os vestiarios dá para un capítulo completo, pois pouca renovación houbo nos últimos 20 anos a pesares de ser unha infraestrutura completamente saturada tódolos días da semana”, mentres “os accesos ou a falla de mantemento do entorno tampouco axudan a que os visitantes leven a mellor imaxe posible deste pobo”.
Conclúen que “O Carballiño e os seus deportistas merecen unhas instalacións mellores, que garantan que se pode competir e non dar que falar”.

















