O Concello da Guarda convida en Ribadavia a asistir á ‘XXXIV Festa da Langosta’ do 3 ao 5 de xullo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A igrexa da Madalena de Ribadavia converteuse esta mañá no escenario da presentación da XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda que se celebra os próximos 3,4 e 5 de xullo na vila pontevedresa. César Fernández, alcalde de Ribadavia, puxo en valor o evento, “con moitos anos de tradición e declarado de interese turístico autonómico” e convidou á poboación a participar. “Estamos moi agradecidos porque nos escolleran como a localidade privilexiada para facer esta presentación, para nós é unha auténtica honra”, resaltou Fernández.

Pola súa parte, o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez, ensalzou o valor da unión do municipio pontevedrés con Ribadavia, que se fortaleceu especialmente tras o apoio mostrado pola veciñanza e o Concello de Ribadavia á candidatura da Guarda no concurso Ferrero Rocher de 2025. “Na nosa festa pódense degustar todos os produtos do mar e esperamos contar en próximas edicións con viños do Ribeiro, sería unha maridaxe perfecta”, asegurou.

A presentación contou coa presenza das concelleiras do goberno local de Ribadavia Yolanda Gómez, Mariluz Expósito, Clara Loeda e Regina Bahamonde, así como co tenente alcalde da Guarda, Óscar Alonso e da técnica de Turismo guardesa, Rosalía Verde.

No acto tamén participou un nutrido grupo de turistas andaluces, que puideron probar os manxares preparados polos hostaleiros dos catro restaurantes participantes nesta edición da festa (O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga). Langosta, percebes, ensalada de marisco, zamburiñas ou berberechos foron algúns dos produtos cociñados para a ocasión.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------