A exposición “Comedy Wildlife” de Afundación poderá visitarse no Carballiño do 25 de xullo ao 16 de agosto

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, ABANCA e Afundación asinarán mañá un convenio de colaboración no marco do proxecto ‘Corrente cultural’ para levar á vila a exposición de rúa “Comedy Wildlife”, unha selección de singulares fotografías de natureza desde un punto de vista humorístico, seleccionadas do Premio Comedy Wildlife Photo dos anos 2015 ao 2024.

O acto de sinatura terá lugar ás 12,00 horas na Casa do Concello e contará coa asistencia do alcalde, José Rafael Castro-Gil Seijas; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

“Comedy Wildlife” chega á súa versión de rúa despois de abarrotar nos últimos dous anos museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, e despois do seu exitoso paso polos centros de Afundación en Galicia.

Trátase dunha exposición conformada por 16 fotografías que resultaron distinguidas como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón The Comedy Wildlife Photography Awards. Unha mostra que cativa a toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público que se poderá visitar do 23 de xullo ao 16 de agosto na Praza Emilia Pardo Bazán da vila do Arenteiro.

Esta colaboración é parte do proxecto ‘Corrente cultural’, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a el, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------