O Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza o venres, 31 de xullo, unha nova andaina nocturna aos petróglifos de Cangues. É o décimo cuarto ano que se celebra esta actividade dirixida a promover a divulgación e posta en valor do importante patrimonio arqueolóxico da comarca do Carballiño, e que reuniu en cada unha das últimas edicións preto dun cento de persoas de todas as idades.
Trátase dun percorrido duns 5,5 kilómetros de ida e volta para observar á luz das lanternas os grabados rupestres das rochas do parque castrexo de Cangues, no concello do Irixo, que estará guiado polo arqueólogo Jorge Lamas e Adolfo Otero, integrantes da entidade cultural carballiñesa.
Nesta edición, ademais das explicacións arqueolóxicas, imos contar coa colaboración dun experto en astronomía, que dende a privilexiada situación xeográfica do outeiro de Cangues nos falará da composición das estrelas e demais corpos celestes.
O punto de partida será o campo da festa de Madarnás, fronte ao local da asociación de veciños desta parroquia, ás 22,00 h, debendo acudir a este lugar a partir das 21,30 h. Recoméndase levar lanternas, chalecos reflactarios, calzado cómodo e roupa de abrigo.
A inscrición é gratuita e pedimos inscribirse na páxina web do Centro de Estudios Chamoso Lamas ata o luns 20 de xullo, indicando o número de participantes en cada caso.
Ao termo da andaina, que conta coa colaboración da Asociación de Veciños de Madarnás, do Concello do Carballiño e do Concello do Irixo, haberá unha queimada no local da asociación veciñal.
















