O grupo municipal de Ribeiro en Común vén de manifestar o seu malestar pola “escasa ou inexistente” información aportada polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, nas comisións informativas celebradas onte sobre a pretendida fusión co Concello de Carballeda de Avia. O voceiro desta formación política, Brais Fidalgo, preguntou ao rexedor varias cuestións, como se mantivo reunións co resto de alcaldes da comarca do Ribeiro, se lles trasladou a idea da fusión e qué prazos manexa para ela, “e ás que non quixo respostar”.
Neste sentido, Ribeiro en Común “crítica que o alcalde de Ribadavia non fora capaz de facer unha proposta de unidade aos alcaldes do seu partido no Ribeiro. Se de verdade queremos a unidade débese incluír a máis concellos, de non facelo estarán manifestando que detrás deste proceso non está a defensa dos intereses de Ribadavia e do Ribeiro, senón unha operación política, quizais cos ollos postos na Deputación de Ourense e o segundo deputado provincial, que o Partido Popular necesita”.
Engaden que “rexeitamos que o futuro de Ribadavia e do Ribeiro se decida en despachos políticos, e volvemos reclamar a transparencia do proceso, dándolle voz a cidadanía de ambos municipios. A unidade debe ser real, incluindo máis concellos, e debe ser transparente e democrática, contando co apoio cidadán. A única unidade posible debe ser voluntaria e democrática”.
E apuntan: “Que o alcalde pretenda absorber Carballeda, pero non lidere unha proposta de unidade co resto dos concellos da comarca, demostra que O Ribeiro é o que menos lles importa, a uns e outros. Seguiremos reclamando transparencia, diálogo e información á cidadanía. Por agora, os alcaldes suspenden en todo”.
















