O alcalde de Ribadavia, César Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, participaron hoxe en Melilla na 70ª Asemblea da Red de Juderías de España–Caminos de Sefarad, entidade da que Ribadavia forma parte polo seu destacado legado histórico, cultural e patrimonial vinculado á presenza xudía.
O encontro reúne arredor de 30 representantes dos 27 municipios que integran actualmente a Red, con participación tanto presencial como telemática. Durante as xornadas de traballo abordáronse cuestións relacionadas co funcionamento da entidade e co desenvolvemento de proxectos, estratexias e iniciativas conxuntas para conservar, divulgar e poñer en valor o patrimonio xudeu e sefardí.
A participación de Ribadavia nesta asemblea amosa o compromiso do Concello coa protección e promoción dun dos elementos máis singulares da identidade histórica da vila. A pertenza á Red constitúe, ademais, unha ferramenta fundamental para reforzar a proxección turística e cultural de Ribadavia, favorecer a cooperación con outros municipios e dar a coñecer o seu patrimonio nos ámbitos estatal e internacional.
Entre os asuntos tratados durante o encontro figura o reforzo da presenza da Red nos itinerarios culturais europeos relacionados co patrimonio xudeu, así como a proxección internacional dos destinos que conforman os Caminos de Sefarad. Tamén se analizaron distintas vías de colaboración co sector turístico destinadas a mellorar a promoción dos municipios integrantes nos mercados nacionais e internacionais.
Durante a súa estadía en Melilla, as delegacións municipais tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o patrimonio histórico e sefardí da cidade a través de diferentes visitas guiadas.
Unha etapa decisiva baixo a presidencia de Ribadavia
A presenza da delegación ribadaviense adquire unha relevancia especial despois de que Ribadavia ostentase a presidencia da Red de Juderías de España durante o ano 2025. Foi precisamente baixo a súa presidencia cando se aprobaron as últimas incorporacións á entidade, un proceso que permitiu ampliar a Red e reforzar a súa representatividade territorial.
Na 68ª Asemblea, celebrada en decembro de 2025, aprobouse a entrada de Sevilla, Calatayud, a Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara. Estas incorporacións, ratificadas posteriormente, elevaron a 27 o número de cidades integrantes.
Para o alcalde, César Fernández, este proceso representa un dos principais fitos da etapa de Ribadavia á fronte da organización: «A presidencia de Ribadavia coincidiu cun momento de crecemento e fortalecemento da Red, no que se incorporaron novas cidades e se ampliou a capacidade colectiva para conservar e divulgar o legado xudeu e sefardí».
Fernández destacou tamén que «Ribadavia continuará desempeñando un papel activo dentro da Red, achegando a súa experiencia e traballando conxuntamente co resto dos municipios para converter este patrimonio nun elemento de conexión cultural e nun recurso turístico de referencia».
Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, salientou que a participación nestes encontros «permite compartir experiencias, impulsar proxectos comúns e reforzar o posicionamento de Ribadavia como un destino cultural de primeiro nivel, cun patrimonio xudeu singular e recoñecido».
A asistencia á Asemblea de Melilla dá continuidade ao labor desenvolvido polo Concello no seo da Red de Juderías de España–Caminos de Sefarad e á aposta municipal por integrar o legado sefardí nas políticas de conservación patrimonial, dinamización cultural e promoción turística da vila.


















