O Carballiño celebra mañá, 17 de setembro, o día do seu patrón, San Cibrao, con tradición e fervor relixioso, pasarrúas e concertos durante toda a xornada festiva.
Ás 11,30 horas partirá do templo da Veracruz a tradicional procesión do San Cibrao polas rúas máis céntricas da vila, presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos e co acompañamento da Agrupación Musical de Boborás. Ao regreso á igrexa parroquial, o prelado oficiará a misa solemne, que será cantada polo Orfeón do Carballiño, dirixido por Christian Casas.
E con motivo de que neste 2026 a parroquia está a celebrar os 125 anos da chegada ao Carballiño da Reliquia do ‘Lignun Crucis’, monseñor Lemos procederá á bendición do novo Gran Relicario, que custodiará as tres reliquias da Vera Cruz, e onde os fieis e os peregrinos terán a oportunidade de veneralas permanentemente.
Asemade, dende a Unidade Parroquial de San Cibrao avanzouse hoxe que, ao remate do oficio relixioso, o bispo “fará pública ante os asistentes unha noticia de singular importancia para O Carballiño e para toda a Diócese de Ourense”.
O programa festivo continuará na memsa Paza da Veracruz cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Boborás, mentres a Charanga CLK animará o casco urbano cun pasarrúas, que tamén cobrará protagonismo dende a media tarde.
Ás 20,00 horas está previsto o inicio, na Praza Maior, dun concerto da Gallaecia Big Band, dentro da programación do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). E o remate da xornada correrá a cargo da orquestra Olympus, cunha actuación na Praza da Verazruz a partir das 23,00 horas.

















