O candidato á alcaldía de Punxín Eladio Fernández presenta a súa candidatura cun polígono industrial como eixe de transformación

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Defende o lema “Punxín no centro” para repartir financiamento entre todas as parroquias e garantir os servizos básicos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O candidato á alcaldía de Punxín anunciou a súa decisión de concorrer ás próximas eleccións municipais cun proxecto “vertebral” para o municipio: a creación dun polígono industrial en Barbantes. O anuncio realizouno baixo o lema Punxín no centro, que resume a súa idea de situar o concello —e non só o núcleo de Punxín, senón todos os seus pobos— no centro da acción de goberno, repartindo financiamento e actuacións entre todas as parroquias para equilibrar servizos e oportunidades.

Tras case oito anos vinculado ao Concello, o candidato advertiu de que os pequenos municipios non poden seguir sen capacidade económica para atender as demandas básicas dos veciños. “Se seguimos así, non temos capacidade económica para satisfacer as demandas básicas”, sinalou, antes de subliñar que hai que “dar un impulso” e “transformar Punxín”, o que exixe dispor de recursos.

Un polígono industrial nun lugar estratéxico

O proxecto principal do seu programa é a creación dun polígono industrial en Barbantes, unha localización que considera “ideal”. Segundo explicou, Punxín atópase no centro dunha circunferencia entre Ourense, Ribadavia e Carballiño, a uns 15 minutos como máximo desde calquera punto desas zonas, con acceso por autovías e estradas nacionais. Esa área de influencia abrangue máis de 150.000 persoas e conecta coa A-52 e a AG-53.

O candidato asegurou que todos os sectores económicos e axentes consultados coinciden en que é un dos lugares máis importantes da provincia de Ourense para acoller un polígono, con impacto para as comarcas de Carballiño e o Ribeiro.

A proposta pasa por converter aproximadamente 100.000 m² de solo rústico en urbano. Para iso, apelou á Lei do Solo de Galicia, que beneficia os municipios de menos de 5.000 habitantes e permitiría desenvolver solo comercial, industrial, dotacións públicas —como residencias, centros de día ou vivenda pública—. “Isto é autenticamente ouro”, resumiu.

Financiamento e servizos para os veciños

O candidato defendeu que esta actuación non suporía un gran custo para o Concello, xa que o pouco que teña que achegar recuperarase de sobra coa venda dos terreos. Ademais, reclamou a implicación doutras administracións públicas para financiar o polígono, como ocorre noutros lugares.

Ao seu xuízo, este proxecto xeraría solo público e financiamento suficiente para un municipio pequeno como Punxín, permitindo cumprir cos veciños. En caso contrario, alertou de que Punxín sería “un concello fallido”, como, ao seu entender, ocorre na maioría dos pequenos concellos de Ourense. “Os veciños teñen dereito a ter servizos públicos e o Concello ten que dar solucións”, engadiu.

O candidato quixo deixar claro que a súa prioridade son os servizos básicos e os veciños. Mencionou como exemplo á xente nova, como Ánxela, de San Estevo, e a todos os que queren desenvolver un proxecto de vida en Punxín sen verse obrigados a saír do municipio. “Cun polígono industrial haberá proxecto de vida para todos”, afirmou.

Apoio ao Partido Popular e posible candidatura

Preguntado polas súas siglas, o candidato confirmou que na actualidade dá apoio ao Partido Popular, que goberna co respaldo que el ofreceu. Recoñeceu que mantén conversas con esta formación e que existe “unha posibilidade real” de encabezar a lista do PP. En todo caso, deixou claro que non iría por Compromiso por Galicia.

A condición que pon é ter garantías de apoio para sacar Punxín adiante. “Non son tanto as siglas, senón sacar os proxectos que Punxín necesita”, explicou. As conversas, segundo dixo, estanse producindo “ao máis alto nivel”.

“Non necesito nin partidos, nin política, nin nada. Agora estou polos veciños de Punxín. Quero axudar aos veciños de Punxín porque é o meu pobo, é onde nacín e onde me encontro ben”, concluíu.

O candidato preséntase “con moitísima ilusión e ganas” para que Punxín dea un salto de calidade, sexa un concello de transformación e un modelo no que se fixen outros municipios. “Punxín ten unha fortaleza enorme por descubrir e estou seguro de que en pouco tempo estará á cabeza dos concellos máis prósperos da provincia de Ourense”, asegurou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------