Isidro Vidal leva a súa gaita de autor a Portugal e Galicia coa xira «(t)ou(r)tono 2026»

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O gaiteiro e compositor do Carballiño iniciará en Almada unha xira de cinco concertos que o levará por escenarios portugueses e galegos entre outubro e novembro.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño, 14 de outubro de 2026. — O gaiteiro e compositor Isidro Vidal inicia esta fin de semana a xira «(t)ou(r)tono 2026», que o levará por distintos escenarios de Portugal e Galicia. O 17 de outubro participará no festival Alma.da Folk, en Almada, compartindo cartel con Omiri e Roda de Percussão Ibérica, e o día 18 actuará no Folk Trindade do Porto, onde tamén impartirá unha oficina de gaita de fol.

A xira continuará en novembro con concertos na Casa das Crechas de Santiago de Compostela (día 7), O Transistor de Bertamiráns e A Cova Céltica da Coruña (ambos o día 8). En total, cinco citas que reflicten a aposta de Vidal por unha música de raíz galega con identidade propia e proxección internacional.

Coñecido pola súa concepción da figura do «gaiteiro urbano do século XXI», Isidro Vidal desenvolve unha proposta musical que combina a tradición galega coa composición propia e a exploración de novas sonoridades. A súa traxectoria internacional, con actuacións en diferentes países europeos e nos Estados Unidos, e traballos discográficos como Todo ou Nada e Drops: New York, consolidan unha identidade artística na que a gaita galega dialoga coa música contemporánea sen perder as súas raíces.

Paralelamente á súa actividade como intérprete e compositor, Isidro Vidal está á fronte da dirección da Banda de Gaitas do Carballiño, un proxecto recuperado en 2026 tras oito anos de inactividade. Esta iniciativa, que combina formación e dinamización cultural, ofrece clases de gaita galega, percusión tradicional, canto e pandeireta, e baile galego, contribuíndo á transmisión do patrimonio musical e á creación de novos espazos de participación arredor da cultura tradicional.

Con esta nova xira, Isidro Vidal continúa a proxectar a música galega dentro e fóra das nosas fronteiras, reafirmando unha maneira persoal de entender a tradición: unha cultura viva, aberta á creación e capaz de conectar con novos públicos e escenarios internacionais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------