O vindeiro 14 de setembro péchase o prazo para este certame que organizan a Deputación de Ourense e a Fundación Blanco-Amor, dotado con 15.000 €
O vindeiro 14 de setembro remata o prazo para presentar traballos para a XL edición do Premio de novela “Blanco-Amor”, que organizan a Deputación de Ourense e a Fundación “Blanco-Amor”. O galardón, dotado con 15.000 euros, é o máis veterano e de maior prestixio da novelística en lingua galega, que cumpre 40 anos de existencia ininterrompida.
Poderán participar no premio as persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e na normativa vixente. As obras deberán ser inéditas, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas. Irán acompañadas dun sobre pechado coa correspondente plica e serán enviadas por correo postal a: “XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor”. Deputación de Ourense (rúa do Progreso, 32. 32003-Ourense). No interior irán: A obra baixo lema, en dous formatos (un exemplar en papel e outro nunha memoria USB cun único arquivo en pdf), e un sobre pechado no que figurará o lema da obra presentada (no seu interior, nome e apelidos do autor, fotocopia do DNI, datos de contacto e título definitivo da obra.
A concesión deste premio obriga á publicación da novela por parte dunha editorial que libremente escolla a persoa gañadora. A Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor nomearán unha comisión lectora que levará a cabo unha puntuación dos orixinais presentados, composta por tres persoas de acreditada experiencia no ámbito literario, que lle presentarán ao xurado a súa puntuación. O xurado, nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, levará a cabo a súa deliberación na segunda quincena de novembro do 2021, e a entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor o 1 de decembro de 2021.
Ao longo destas catro décadas foron recoñecidos con este galardón autores como: Daniel Cortezón, Alfredo Conde, Xosé Manuel Martínez Oca, Lois Diéguez, Román Raña, Ramón Caride Ogando, Ursula Heinze, Suso de Toro, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Monteagudo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo, Xosé Cid Cabido (1994 e 1999), Fran P. Lourenzo, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernández, Manuel Portas, Xesús Fraga e Marilar Aleixandre.
As bases completas poden consultarse na web da Deputación de Ourense: www.depourense.es.