O Psdeg-Psoe de Ribadavia alerta de que a perda de poboación por baixo dos 5.000 habitantes suporá uns 200.000 euros menos de ingresos anuais

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

As e os socialistas acusan ao goberno municipal de César Fernández e o PP de fracasar na súa política demográfica e advirten das “graves” consecuencias económicas e sociais dunha caída que a vila conseguira reverter durante o anterior mandato progresista

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Ribadavia non merece resignarse a perder habitantes, concelleiros e recursos. Merece un goberno que se preocupe polo seu futuro, que traballe para crear oportunidades e que poña as necesidades da veciñanza por diante de calquera interese partidista, sinalan

Ribadavia, 14 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ribadavia cualifica de “moi malas novas para o municipio” a previsión de que o concello caia por baixo dos 5.000 habitantes, unha situación que, de confirmarse, suporía a perda de dous concelleiros e unha diminución estimada de arredor de 200.000 euros anuais dos ingresos municipais. As e os socialistas advirten de que esta situación é o resultado da “preocupante” falta de iniciativa do goberno local do Partido Popular, malia levar tres anos e medio alertando das consecuencias da evolución demográfica.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que o problema vai moito máis alá dunha simple cifra no padrón, xa que a perda de poboación ten consecuencias directas sobre a capacidade económica do concello, a súa representación institucional e os servizos que pode ofrecer á veciñanza. “Estamos ante un retroceso moi preocupante para Ribadavia. Non estamos falando só de perder habitantes, senón de perder recursos, representación e oportunidades nun momento no que a nosa vila precisa todo o contrario”, sinalan as e os socialistas.

O PSdeG-PSOE subliña que a situación actual contrasta coa evolución rexistrada ao remate de 2023, cando Ribadavia conseguiu recuperar e manterse por riba dos 5.000 habitantes, sen perder ningún concelleiro, tras unha etapa na que a poboación permanecera por baixo dese limiar durante dous anos de mandato do PP, pero que se recuperou da man dun goberno progresista encabezado polo PSOE. Para as e os socialistas, este antecedente demostra que a tendencia descendente podía ser abordada e revertida mediante unha política municipal activa e comprometida co futuro da vila.

“O alcalde, César Fernández, chegou a acusarnos de mentir no último pleno cando advertimos de que Ribadavia podía baixar dos 5.000 habitantes e converterse no primeiro municipio da súa historia en sufrir esta situación durante un único mandato. Os datos e a evolución actual están a demostrar que a nosa preocupación estaba máis que xustificada”, apuntan desde o Grupo Municipal Socialista.

As e os socialistas consideran especialmente “grave” que, cando apenas faltan tres meses para o remate do ano, non se perciba unha resposta efectiva por parte do goberno municipal para frear esta tendencia. A formación insiste en que non se trata de atribuír toda a responsabilidade a unha soa persoa, senón de esixir explicacións políticas a quen ten a responsabilidade de gobernar e de impulsar medidas para garantir o futuro de Ribadavia.

Menos habitantes, menos recursos e máis presión sobre as familias

O PSdeG-PSOE de Ribadavia alerta de que a perda de poboación pode supoñer un importante prexuízo económico para o concello, cunha redución estimada duns 200.000 euros anuais nos ingresos municipais, segundo os cálculos trasladados polo grupo socialista. Unha caída que, advirten, “chega nun contexto no que as familias de Ribadavia están a facer fronte a facturas cada vez máis difíciles de asumir, especialmente no caso da auga e tamén da recollida do lixo”.

“É moi difícil explicarlles aos veciños e veciñas que teñen que soportar máis presión económica nos seus fogares mentres, ao mesmo tempo, Ribadavia perde poboación, representación e capacidade financeira. O concello debería estar traballando para atraer habitantes, apoiar as familias, dinamizar a economía local e garantir servizos públicos de calidade, non resignarse a perder peso e recursos”, destacan.

A formación socialista reclama ao alcalde que deixe de eludir o debate sobre a situación demográfica e presente medidas concretas para frear a perda de habitantes, favorecer o asentamento de novas familias e recuperar a capacidade de crecemento da vila. Para o PSdeG-PSOE, Ribadavia precisa unha estratexia seria, con planificación e obxectivos medibles, e non anuncios ou operacións políticas que non dean resposta aos problemas reais da veciñanza.

O futuro de Ribadavia non pode depender de operacións políticas

As e os socialistas tamén expresan as súas dúbidas sobre o interese do goberno local en impulsar unha posible fusión municipal pola vía rápida, unha proposta que consideran insuficiente para abordar o problema de fondo se non vai acompañada dunha política decidida de recuperación demográfica e económica.

“Ribadavia necesita un proxecto de futuro propio, con medidas para recuperar poboación e actividade económica. Non podemos substituír o debate sobre o que está pasando na nosa vila por operacións políticas que non explican como chegamos ata aquí nin como imos saír desta situación”, sinalan.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O PSdeG-PSOE considera que o actual escenario debe servir para abrir unha reflexión seria sobre o rumbo do municipio e sobre as prioridades do goberno do PP. As e os socialistas insisten en que a maioría absoluta “non pode converterse nun cheque en branco nin nunha escusa para deixar pasar os problemas sen solucións”.

“Ribadavia non merece resignarse a perder habitantes, concelleiros e recursos. Merece un goberno que se preocupe polo seu futuro, que traballe para crear oportunidades e que poña as necesidades da veciñanza por diante de calquera interese partidista. A nosa vila xa demostrou que pode recuperar poboación e superar situacións difíciles. O que fai falta é vontade política, traballo e un cambio de rumbo”, conclúen desde o PSdeG-PSOE de Ribadavia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------