A comunidade educativa reuniuse este pasado sábado para conmemorar o 50.º aniversario do centro nun acto marcado pola música, as lembranzas e o recoñecemento ás persoas que contribuíron á súa traxectoria
O Carballiño. O IES Nº 1 do Carballiño celebrou o seu 50.º aniversario cun emotivo encontro no que participaron alumnado, profesorado, antigos membros da comunidade educativa, familias e representantes institucionais. O acto serviu para lembrar a historia do centro, inaugurado o 27 de xullo de 1976, e para reafirmar o seu compromiso coa educación e co futuro da comarca.
A cerimonia foi conducida por Bárbara María, antiga alumna do instituto, quen destacou o vínculo compartido por todas as persoas presentes cun centro que, ao longo destas cinco décadas, formou varias xeracións de estudantes. A celebración comezou coa actuación ao piano de Christian Casas, exalumno e actual director do Conservatorio do Carballiño , e coa proxección dun vídeo conmemorativo composto por fotografías e lembranzas da historia do instituto.

O alumnado actual tamén tivo un papel protagonista. María Reza, autora do marcapáxinas conmemorativo, explicou que o seu deseño representa a evolución do centro a través da antiga entrada en branco e negro e da actual cancela a toda cor, como símbolo dun pasado que continúa construíndo futuro. Pola súa banda, Emili Cabrera, creadora do cartel do aniversario, presentou unha obra centrada na convivencia, na diversidade e no acompañamento educativo baixo o lema: “No IES Nº 1 escoitamos, axudamos e aprendemos xuntos”. Ambas recibiron un recoñecemento polo seu traballo.



A música volveu estar presente coa interpretación de Cinema Paradiso a cargo de Christian Casas e da tamén exalumna Celia Salceda. Durante este apartado púxose en valor a colaboración existente entre o instituto e o Conservatorio Municipal, así como a importancia da educación artística na formación persoal do alumnado.

Entre as autoridades asistentes estiveron a directora xeral de Ordenación, Judith Fernández; o xefe territorial de Educación, Rubén Jorge San Pedro; e o inspector Xosé Fernández. Judith Fernández felicitou toda a comunidade educativa e salientou a capacidade do instituto para crear experiencias compartidas dentro e fóra das aulas, así como a súa contribución á vida social do Carballiño durante estes cincuenta anos.

Tamén participaron o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro; a concelleira de Educación, Lorena Castro; e a representante da ANPA, Blanca Vietma. Nas súas intervencións destacaron o papel fundamental da educación no desenvolvemento da vila e o sentimento de pertenza xerado polo centro entre alumnado, familias e profesorado.

Un dos momentos máis emotivos foi o recoñecemento a antigos docentes e integrantes dos equipos directivos. O profesor xubilado Juan Valcárcel, vinculado ao instituto durante máis de catro décadas, lembrou os compañeiros e compañeiras falecidos que tamén forman parte da historia do centro.

Pola súa parte, os antigos responsables da dirección Amil e Xosé Antonio Barge evocaron os primeiros anos do instituto, a súa longa traxectoria profesional e as numerosas experiencias compartidas. Barge definiu o centro como a súa “segunda casa” e tivo un recordo especial para Samuel, o primeiro director.


O acto contou igualmente coa presenza de representantes do Centro Sociocultural do Carballiño e da Asociación de Amigos de Señorín. O seu presidente, Magín, antigo alumno, puxo en valor os coñecementos e, especialmente, os valores transmitidos polo profesorado ao longo das distintas xeracións.

A directora do IES Nº 1, Almudena Mosquera, foi a encargada de pechar a cerimonia. Na súa intervención agradeceu o traballo de todas as persoas que contribuíron á construción da historia do instituto e reivindicou as mellores condicións posibles para o persoal docente. Tamén agradeceu ás familias a confianza depositada no centro e dedicou unha lembranza especial ás persoas falecidas que formaron parte da súa comunidade educativa.
“Seguimos ilusionados, seguimos cargados de ganas e seguimos pintando nese lenzo en branco que ten nome propio: o IES Nº 1”, afirmou a directora.

Tras o acto institucional, as persoas asistentes participaron no descubrimento oficial do cartel conmemorativo, nunha fotografía de grupo e nun percorrido polas instalacións. A visita incluíu espazos como a cafetería, a biblioteca —que conta con máis de 16.000 exemplares—, a exposición de ciencias e a sala de profesorado, onde se conserva a placa da inauguración do centro e unha felicitación enviada pola Casa Real con motivo do aniversario.

A xornada continuou coa actuación das pandereiteiras do Centro Sociocultural, unha sesión vermú organizada polos Amigos de Señorín e unha comida de confraternidade. A celebración converteuse así nun encontro entre pasado, presente e futuro, coa ilusión e a alegría como fíos condutores de cincuenta anos de ensino, convivencia e compromiso co Carballiño.



















