- Trátase do módulo de pintura industrial e albanelaría en construción
- “Para os participantes é unha moi boa oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade e para a vila tamén é moi positivo, xa que realizan aquí as súas prácticas”, destaca José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño
O Carballiño, 22 de outubro de 2026
O Carballiño acolle desde xuño o Obradoiro Dual de Emprego, a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para favorecer a formación e inserción laboral de persoas desempregadas en sectores con alta demanda. En total, 20 persoas estanse a formar nas especialidades de aproveitamentos forestais (10 alumnos) e pintura industrial e albanelaría en construción (10 alumnos). “Para os participantes é unha moi boa oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade e para a vila tamén é moi positivo, xa que realizan aquí as súas prácticas”, destaca José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño.
A formación inclúe parte teórica, así como práctica, para poñer a proba os coñecementos adquiridos. Así, o alumnado de pintura industrial e albanelaría, formado en técnicas profesionais, tratamento de superficies, revestimentos e sinalización horizontal, xa realizou o pintado dun total de 13 rúas do Carballiño. Os estudantes, acompañados polos seus docentes, renovaron ata o de agora a sinalización de Evaristo Vaamonde, Eusebio Lorenzo, Florentino López Cuevillas, Adolfo Otero Landeiro, Blanco Amor, Curros Enríquez, Enrique Parrondo, Chamoso Lamas, Carlos Velo, Praza San Ramón, Praza Maior, Aldara e Martínez Avellanosa. Nas próximas semanas, continuarán cos traballos de pintado no resto da vila.
Por outra banda, o grupo de aproveitamentos forestais está a formarse en xestión forestal sostible, manexo de maquinaria, traballos silvícolas, desbroces e reforestación. Nesta liña, o alumnado xa realizou actuacións no entorno do pavillón polideportivo Paco Chao, así como nos arredores do Museo da Fábrica de Papel.

















