Ribadavia abre mañá unha xornada da Semana Santa coa maxia como protagonista: o festival ‘Ribadavia Máxica’, que ata o vindeiro domingo, 5 de abril, celebra a súa quinta edición cun cartel que inclúe espectáculos de maxia social, infantil, familiar e de escena, ademais de obradoiros, galas e propostas de rúa. Asemade, dende o Concello tamén se propoñen visitas guiadas ao patrimonio local e medidas de conciliación.
A Meiga Belmonte protagonizará, ás 11,30 horas, unha sesión de maxia social na Residencia Nosa Señora dos Anxos, e o programa reanudarase ás 18,00 horas na igrexa da Madalena, cunha función infantil e familiar, “Hocus Pocus”, a cargo do Mago Paco. Este ‘xoves máxico’ terá o seu punto final no Restaurante Plaza dende as 20,00 horas, coa participación de José Rivera e o seu espectáculo “Aún más cerca”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
No ámbito relixioso, Ribadavia volverá vivir con intensidade as celebracións propias destas datas, cun programa de misas e procesións organizado pola parroquia local e as confrarías. O programa previsto para mañá, Xoves Santo, comezará ás 11,00 horas coa celebración penitencial na Igrexa de San Antonio, mentres que pola tarde, a igrexa parroquial de San Domingos acollerá a tradicional Cea do Señor, ás 18,30 horas, e a saída da Procesión dos Caladiños farase ás 21,00 horas dende a igrexa de Santiago, rematándose a xornada ás 22,00 horas cunha Hora Santa na capela da Virxe do Portal.

















