Xantar e o Grupo Cuevas convocan unha nova edición do Concurso Gourmet para reivindicar a castaña na cociña

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de novembro e os tres finalistas elaborarán os seus pratos en directo durante o 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Expourense do 19 ao 22 de novembro.
  • Poderán participar maiores de 18 anos, tanto profesionais como afeccionados, cunha receita de libre elección que inclúa produtos de Cuevas Marron Glacé ou Cuevas Chef.
  • O certame busca promover a cociña autóctona a través dos produtos gourmet e das materias primas galegas de calidade.

Ourense, 22 de outubro de 2026. O Grupo Cuevas e Xantar convocan de novo o Concurso Gourmet, que celebra este ano a súa XIV edición no marco do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar en Expourense do 19 ao 22 de novembro de 2026. O certame ten como obxectivo promover o uso da castaña en todo tipo de propostas culinarias, desde as receitas máis tradicionais ata as elaboracións máis experimentais e innovadoras. Considerada durante séculos un alimento básico en moitas dietas, a castaña volve reivindicar o seu protagonismo na cociña actual a través desta iniciativa, que busca redescubrir as súas posibilidades gastronómicas.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos, tanto profesionais como afeccionadas á cociña. As candidaturas poderán presentarse a título individual ou en representación dunha asociación, escola ou colectivo, e a participación poderá ser individual ou en grupo, cun máximo de tres persoas por candidatura. As receitas serán de libre elección, pero deberán incluír produtos de Cuevas Marron Glacé ou Cuevas Chef.

O prazo de recepción de receitas finalizará o mércores 11 de novembro ás 13:30 horas. Entre as propostas presentadas seleccionaranse tres receitas finalistas, que se elaborarán en directo ante un xurado profesional durante a xornada inaugural de Xantar, o 19 de novembro. As elaboracións terán lugar na Aula Gastronómica Grupo Cuevas de Xantar 2026.

Para valorar as receitas, o xurado terá en conta aspectos como a presentación, a aplicación da castaña no prato, a dificultade de elaboración, o gusto e o aroma, así como a orixinalidade e a creatividade.

O acto oficial de clausura de Xantar, previsto para o domingo 22 de novembro, será o escenario da entrega de premios. O gañador recibirá un vale de compra de 300 euros para Plenus, Aquié ou Cuevas Cash, ademais dun lote de produtos Cuevas Chef.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


As persoas interesadas en participar poden solicitar información e presentar a súa candidatura contactando con Expourense a través do teléfono 988 366 030 ou do correo electrónico marketing@expourense.org. As bases completas do concurso están dispoñibles en www.xantar.org.

O chef Marcos Arufe Blanco gañou a última edición
O gañador da XIII edición do Concurso Gourmet Grupo Cuevas, celebrada no marco de Xantar 2025, foi o chef noiés Marcos Arufe Blanco, coa súa proposta «Galicia – Kiev». A receita combinou un maridaxe composto por un milfollas de mazá e améndoas con base de turrón de castañas e un cóctel típico de Kiev elaborado con xarope de castañas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------