No recordo de Roberto Fernández Viñal, após, 20 anos do seu falecemento.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este artigo e para descrever o acto que organizou a Asociación Memoria da Castela Galega o 17 de outubro de 2026, coincidindo cos 20 anos do seu pasamento.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A mellor proba de aprezo e afeto a Roberto, esta no numeroso público que asistiu ao evento. Grazas a todos.

A Asociación Memoria da Castela Galega decidiu organizar esta homenaxe a Roberto para que non quede esquecido. Xa que Roberto deixou unha pegada moi profunda en nós, nos veciños do Carballiño,sendo un referente e unha persoa moi valorada polo seu compromiso en mellorar a vida dos que moramos no Carballiño e na Galiza. Foi un home con unha actividade social e profesional que merece ser destacada: desde o seu compromiso co deporte, sendo xogador do Arenteiro e impulsor do fútbol sala, pasando pola súa profesión de carpinteiro, ata a súa militancia no nacionalismo, chegando a ser elixido concelleiro nas primeiras eleccións de 1979 xunto a Xoán Afonso.

O seu traballo como carpinteiro, sempre co metro e a lapis nas mans, foi fundamental para moldear a súa personalidade e dar ritmo ao seu xeito de ser, que despois soubo aplicar con acerto tanto na súa vida como nas súas actividades sociais e políticas.

Creo que Roberto era un home moi reflexivo e observador. Calquera decisión que tomaba ou opinión que expresaba estaba sempre ben pensada, meditada e cavilada; nunca falaba sen fundamento. Iso facía del unha persoa eficaz, precisa e, sobre todo, de confianza. Imaxinade o que pasaría se non medise ben unhas táboas para facer unha mesa ou unha biblioteca. Acho tamén  que tiña a capacidade de chegar ao fondo dos problemas, a aquilo que non se ve a simple vista, o que só descobres tras unha análise profunda.

Moitas persoas do Carballiño tivemos a sorte e a honra de coñecelo. Uns, como amigos, que moito valoraba e apreciaba cos que compartiu moitos momentos da súa vida; nunca tivo un comportamento desprezativo con ninguén, independentemente de que compartisen ou non as súas ideas. Outros, como compañeiros de partido, onde as amizades non impedían que expresase o que pensaba. Cando interiorizou as ideas nacionalistas, empregou as súas ferramentas, gardadas na súa gabeta de carpinteiro, para aplicalas na súa actividade.

Estivo máis de 30 anos comprometido co nacionalismo,até a súa morte, así que sería un abuso pola miña parte non ter en conta o contexto social que o rodea. Non se pode entender nin explicar a persoa de Roberto sen comprender a súa conexión co nacionalismo, a non ser que se falsee a súa historia, algo que non estou disposto a facer.

Ao non esquecelo, ao lembralo, ao non amnesiar a súa actividade social e política, tamén estamos, dalgún xeito, a recoñecer a todos os compañeiros da súa xeración, que foron e seguen sendo a base do que somos hoxe.

Achegouse ao nacionalismo nun momento no que era ilegal e a súa actividade perseguidas. Era un ambiente social moi duro e escuro para os que non apoiaban o franquismo. O fascismo mandaba, e aínda que el e os seus compañeiros sentían un profundo desacougo, iso non impediu nin paralizou as súas actividades sociais e políticas.

O seu primeiro contacto co nacionalismo foi a través do compañeiro e amigo, Pepe. Non se coñecían, e un terceiro compañeiro organizou un encontro entre eles na cafetería Hawai. Acordaron que un deles levaría un periódico baixo o brazo e o outro o seguiría. Así, saíu o do periódico do bar, e detrás ía Roberto. Nun día chuvioso, coa rúa principal baleira, os dous, separados por uns 50 pasos, comezaron a camiñar cara ao parque, onde empezaron a falar.

Lembro agora dunha viaxe que fixemos a esa fermosa vila de Portugal, Évora, el, o Pisco e eu. Nas conversas, el dicíanos que había que falar máis dos problemas do Carballiño, da Galiza, e non estar sempre a conversar sobre temas alleos. O franquismo xa nos impedía falar dos problemas da Galiza, e agora, nestes momentos,  abáfannos con noticias alleas. Dúas maneiras, co mesmo obxectivo, afastarnos dos problemas do Carballiño e da Galiza.

Un exemplo deste pensamento é a súa firme decisión de impedir que se cambiase o nome da rúa de Astureses polo de Rúa de México. Pode parecer algo insignificante, incluso minor, pero en realidade representa a defensa dos nosos espazos, do noso patrimonio e, en definitiva, dos nomes que reflicten as nosas tradicións e a nosa cultura.

Non quero deixar de destacar o seu comportamento e o apoio entusiasta aos mozos, que naquela época éramos estudantes, tanto no Colexio O Corral como no Instituto. En particular, refírome á protesta que realizamos os estudantes do Corral durante un acto organizado polo réxime franquista no Cine Reque, ao que fomos levados a forza, e no que interveu o gobernador civil daquela época, Muedra, para falar das leis fundamentais do franquismo. Durante a súa intervención, interrompémolo solicitando que falase en galego. Deste xeito, rematou a súa charla coa saída de todos os estudantes á rúa. Ao día seguinte, a Garda Civil cacheounos á entrada do Corral e multou a varios estudantes. Tamén resultan destacables as folgas estudantís no primeiro ano do Instituto do Carballiño, tanto polo idioma como en apoio ás folgas xerais. Os alumnos do Instituto levamos a cabo a primeira manifestación no Carballiño desde o ano 36, en defensa do galego nas aulas

Quero tamén destacar a súa actividade como primeiro concelleiro do nacionalismo no Carballiño, xunto ao compañeiro Xan Afonso, durante a primeira lexislatura do 79, baixo a coalición BN-PG, que estaba formada pola UPG e AN-PG. Tamén quero resaltar o seu compromiso por introducir a música galega nas festas e por pedir que nos plenos se falase en galego. Máis adiante, formou parte do goberno municipal do Carballiño como membro do BNG, un goberno que eu considero o mellor da democracia: nacionalista e de esquerda.

Quero compartir aquí tamén as palabras tan certas que dixo a súa compañeira Marisol Sobrado: “Podía contar aquí cantas noites de asembleias, domingos de manifestacións, dias preparando plenos, pero todo iso xa o sabedes. Era o seu soño, loitar por un pais mais xusto, facendo política honrada con honestidade (que tamén se pode facer). Pero os soños non se van coa vida, andan sempre facendo carreiros con flores e espiños, agochados, silandeiros. Como o orballo que nos deixa murchar. E, cando un vento os abala, emerxen, despertan do seu soño. ¡ Prenden ! Poden prender en calquer miolo.  E, como a vida son os soños, nunca deixaremos de soñar”

Partillo tamén un anaco da intervención de Eladino Cabanelas: “… a súa oratoria convincente xunto coa habilidade e a paciencia de, durante os debates, deixar falar a todas as compañeiras e compañeiros para intentar ser sempre o último, analizar o que se dixera e argumentar…”

Toda esta actividade contou coa colaboración de moitas persoas. Queremos agradecer desde a asociación o apoio dos conferenciantes Marisol Sobrado e Eladino Cabanelas; dos músicos Roberto Sobrado e Alexandre Graña; do deseñador do cartel, Alexandre Sobrado; e a Manuel Amil, que fixo un fermoso vídeo sobre a traxectoria institucional de Roberto.

E, por suposto, non podo esquecer a familia de Roberto: a súa muller, fillos, netos e irmáns, así como todas as mostras de cariño que recibiu e todas as persoas que participaron directamente no acto.


E agora si remato, cun poema que nos enviou Montse Novoa desde Ourense

Sen renunciar a nada
Regresámoste
Para tinguir de azul un tempo enxoito
Para te pousar por sempre no rostro da memoria
Na palabra
No presente
Na primavera que ha de vir
Na Patria
Hoxe e sempre, compañeiro

Amigo, compañeiro Roberto, estás sempre nos nosos pensamentos

Manuel Vázquez , Presidente da Asociacion Memoria da Castela Galega

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------