O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe no acto de entrega destes galardóns, no Mosteiro de San Salvador de Celanova, no que foron recoñecidos Ociosaugal (empresa especializada na organización de actividades deportivas), Enerceo (asesoría enerxética) e o traballo tamén de Aceites Abril e da Asociación Celanova Chea
Celanova, 23 de outubro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde no Mosteiro de San Salvador de Celanova no acto de entrega dos XV Premios AJE Ourense, que reuniu a representantes do ámbito empresarial, institucional e social para recoñecer a capacidade de innovación e a iniciativa do tecido emprendedor ourensán.
Baixo o lema “As mellores historias empezan en branco”, a décimo quinta edición destes galardóns fixo fincapé no proceso creativo e no esforzo necesario para transformar unha idea inicial nun proxecto empresarial consolidado. Neste sentido, Luis Menor felicitou aos premiados e subliñou que “a pesar de que non sexa doado, sodes capaces de converter as dificultades en oportunidades e xerar emprego, riqueza e dinamismo nos nosos territorios”.
O presidente provincial destacou a relevancia deste acto que pon o foco nos profesionais que manteñen vivo o tecido económico da provincia e reafirmou o apoio da Deputación ao emprendemento. Así mesmo, felicitou aos premiados da noite por ser “o claro exemplo de que Ourense é talento”, destacando tamén o compromiso do tecido empresarial xuvenil co desenvolvemento da provincia.
Premiados nesta XV edición
Na gala entregáronse catro distincións destinadas a poñer en valor o talento, a responsabilidade social e a traxectoria empresarial na provincia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Premio Mentor recaeu en Aceites Abril pola súa traxectoria e desenvolvemento empresarial con raíces no territorio, mentres que a Asociación Celanova CHEA foi recoñecida co Premio Compromiso Social polo seu labor de impulso ao comercio local. Os outros grandes protagonistas da noite foron: co Premio Iniciativa Emprendedora para Enerceo (asesoría enerxética) polas súas novas solucións no sector, e o Premio Xoven Empresario para Ociosaugal (empresa especializada na organización de actividades deportivas) pola súa capacidade de consolidar unha iniciativa sólida orientada ao servizo á comunidade.
O acto contou tamén coas intervencións da presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; e o conselleiro de Emprego, José González.
















